Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Analizados 5 xeles e 4 escumas de afeitar: Con escuma sae máis barato ca con xel e o afeitado é igual de bo

A escuma sae moito máis barata en prezo por litro ca o xel e o produto está só un 30% menos concentrado. En eficacia son semellantes: as nove mostras están ben formuladas e superaron a proba de uso

  Analizáronse en laboratorio e sometéronse a proba de uso cinco xeles de afeitar e catro escumas de afeitar; nove mostras envasadas en aerosol que se vendían en envases de 200, 250 e 250 +50 mililitros, das cales tres eran "refrescantes" e seis "para peles sensibles". As escumas de afeitar saían (non se teñen en conta as cantidades extra ofrecidas como promoción) entre os 9,60 euros o litro de Williams e os 16,10 euros o litro de Nivea, se ben as outras dúas quedaban arredor dos 12 euros/litro; os xeles, pola súa banda, custaban 14,44 euros o litro (Williams) o máis barato e 22,75 euros o litro (Gillette Fusion Pel Sensible) o máis caro, aínda que dous dos outros tres saían a 20 euros o litro e o outro superaba os 18 euros o litro. As escumas custan de media 12,44 euros o litro e os xeles, 19,19 euros o litro, un 54% máis caros ca as escumas. Ademais, ás veces a media pode confundir: tres xeles dos cinco estudados custan máis do dobre ca a escuma máis barata, Williams Ice Blue. Cómpre preguntarse se os xeles, notablemente máis caros, son mellores ca as escumas.

A teor dos datos da análise e da proba de uso de CONSUMER EROSKI, a aptitude para a función é similar en ambos os dous produtos: axudan de modo semellante a acadar un afeitado rápido e confortable. Pero podería acontecer tamén que durase moito máis o xel ca a escuma de afeitar e así se compensase ese maior prezo. E de feito iso pasa, pero só en certa medida, xa que a diferenza non é tanta. Os xeles teñen unha concentración superior de materia activa (os tensioactivos ou substancias escumantes), que neles supón de media o 13,4% do produto, fronte ao 10,4% das escumas. Polo tanto, coa mesma cantidade de produto un xel pode crear aproximadamente un 30% máis de escuma e permitir así un maior número de afeitados. Pero como os xeles poden chegar a custar o dobre en prezo por litro,afeitarse con escuma sae bastante máis económico que facelo con xeles.

Volvendo ao produto en si, a textura característica das escumas de afeitar proporciónalla ao xabón un gas propelente cando estas dúas substancias pasan asemade pola válvula do aerosol. Pola súa banda, os xeles de afeitar son mesturas xabonosas que conteñen un gas licuado que, ao entrar en contacto coa pel -pola diferenza de temperatura- entra en ebulición e converte o xel en escuma. Un afeitado en húmido (a outra opción é o afeitado en seco, coa maquiniña eléctrica) pon en relación o produto (escuma ou xel, neste caso), a folla de afeitar máis ou menos sofisticada, a auga, o pelo da barba e o seu folículo piloso, e a capa córnea e a derme do rostro do usuario. Canto máis difícil resulte o afeitado, maior cantidade de pel arrastrará. Humedecer o pelo da barba fai diminuír moito a forza de corte necesaria na coitela de afeitar para eliminar o pelo. Débese saber que a hidratación previa ao afeitado require o seu tempo (mellora notablemente unha vez transcorridos uns minutos dende a aplicación) e unha temperatura da auga duns 40 ºC. A lubricación que achegan escumas e xeles reduce a fricción con respecto á pel seca e permite que a folla de afeitar escorregue con suavidade sobre as irregularidades do relevo da pel e que o faga evitando cortes e logrando un afeitado sinxelo e cómodo.

Escuma ou xel?

Escumas e xeles de afeitar son produtos similares (o seu ingrediente principal é o mesmo: un xabón de trietanolamina) e igualmente aptos para a súa función. Decantarse por un ou polo outro é cuestión de gustos persoais. Dado que o prezo de ambos os dous produtos xa foi tratado neste informe, vexamos agora outros aspectos. A escuma de afeitar pódese utilizar inmediatamente na cara e a súa aplicación é directa, mentres que o xel de afeitar hai que o aplicar facendo movementos circulares sobre a pel. Cada usuario elixe. A trietanolamina é un composto con carácter básico, polo que é lóxico que o pH destes produtos sexa superior ao da pel sa (pH 5,5). As mostras estudadas tiñan un pH entre 8,3 e 9 axeitado para este tipo de produto en todos os casos. Este pH elevado favorece a humectación do pelo da barba e axuda a amolecelo para que a súa eliminación sexa máis sinxela, pero convén eliminar minuciosamente os restos de escuma da pel e así restablecer tras o afeitado o pH cutáneo, ao que tamén axuda a utilización dun after-shave.

Extractos vexetais e principios activos

Os xeles e mais as escumas de afeitar poden conter extractos vexetais; neste comparativo, só un produto (La Toja, xel Pel Sensible) non indica a súa incorporación. O extracto máis común é o aloe vera (dise que é rexenerador celular e cicatrizante) que aparece en seis mostras. A escuma e mais o xel de Williams recorren ao ginseng, e a escuma Gillette Series usa unha alga, o mofo de Irlanda. A escuma de Nivea é a única referencia con extractos vexetais (declara algodón, aguacate, soia e macela) e sen aloe vera.

Os principios activos tamén axudan ao afeitado. O xel La Toja Pel Sensible, con tres (alantoína, pantenol e bisabolol) é o que contén maior variedade deles, mentres que cinco das nove mostras non incorporan ningún. A escuma Nivea (acetato de tocoferilo, precursor da vitamina E) e os xeles Nivea (bisabolol) e Gillette Fusion Pel Sensible (acetato de tocoferilo) conteñen cadanseu principio activo. Vexamos que é o que lle achegan ao afeitado, tendo en conta que se entra no terreo da información-publicidade da industria cosmética, un campo no que as propiedades que os fabricantes lles atribúen aos principios activos (algúns patentados polos propios fabricantes) poucas veces se sustentan en evidencias científicas publicadas, contrastadas e consensuadas pola comunidade científica. A alantoína, ao parecer, hidrata a pel e potencia a escamación das capas celulares externas ou células mortas; ademais, afírmase que suaviza a pel e que favorece a proliferación celular e a cicatrización e que proporciona efectos calmantes, antiirritantes e protectores da pel. O pantenol é a provitamina B5 e úsase en cosmética como humectante, emoliente e hidratante. Ten unha boa penetración cutánea, e é por iso que se emprega xunto coa alantoína para o tratamento de lesións cutáneas leves. Ademais, dise que mellora a hidratación, que reduce o proído e que acelera e mellora a cicatrización. O acetato de tocoferilo é precursor da vitamina E, co que proporciona protección fronte á radiación ultravioleta; ademais, tería efecto cicatrizante. E do bisabolol predícanse propiedades antiirritantes, antiinflamatorias e antimicrobianas. Sempre é mellor que os produtos carezan de alérxenos, substancias que lles poden causar alerxias a certas persoas. Destes 9 produtos de afeitar, tres (os dous de Nivea e mais o xel de La Toja) carecían deles. E os que os incorporan, ata os que o facían en maior medida (os tres produtos Gillette, dous xeles e unha escuma) cumprían co esixido pola lexislación: declaralos sempre que se atopen en concentración superior a 100 ppm ou partes por millón.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto