Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O abaratamento de custos das empresas de asesoría legal en liña tradúcese na ausencia dunha relación persoal co avogado e na redución da asistencia a cuestións de pouca importancia económica
Setembro non só é o mes da volta á escola e das depresións posvacacionais: é o momento no que moitos cidadáns tramitan numerosas reclamacións pola desconformidade cos servizos contratados durante as súas vacacións. A contestación que se recibe non sempre resolve o problema ou non sempre se recibe a correspondente indemnización polo dano causado. É entón cando se opta por contratar os servizos dun avogado. Unha alternativa de uso crecente é recorrer ás compañías que ofrecen asistencia legal inmediata a cambio dunha tarifa accesible, en principio máis económica ca a asesoría legal tradicional, para o cidadán común. Agora ben, non sempre se pode confiar en que estas empresas resolvan todo tipo de problemas. Un estudo elaborado por CONSUMER EROSKI e dispoñible na internet constatou, tras a análise de 35 firmas -12 de asesoría xurídica xeral, 12 especializadas en divorcios exprés e 11 especializadas en multas e accidentes de tráfico- que o seu funcionamento, tarifas e servizo rexistran notables variacións en función da firma elixida. Entre os principais reparos destaca que a publicidade non se corresponde coa realidade xa que a súa asistencia se reduce a cuestións de pouca importancia económica e que rara vez acaban en preito xudicial, aínda que abordan as distintas ramas do Dereito (laboral, fiscal, civil, mercantil ou penal).
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI