Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Ante unha situación de perda ou de roubo do móbil hai que informar o máis axiña posible a compañía telefónica para que proceda a suspender decontado a liña e a bloquear o terminal
Os hábitos sociais e de consumo converteron os teléfonos móbiles nunha sorte de prolongación do corpo humano. Por iso a angustia e a preocupación invaden o cidadán cando constata que extraviou ou que lle roubaron o móbil. E non só pola perda económica que representa. Comeza ademais o tortuoso labor de recompilación de números telefónicos, direccións, citas... A súa condición de pequeno obxecto fai que se perda con máis facilidade da desexada e que, como un moedeiro, sexa o obxectivo de moitos ladróns. Esta é a razón pola que a Secretaría de Estado de Telecomunicacións recomenda pensar no móbil do mesmo xeito ca na carteira ou nas tarxetas de crédito e seguir unha serie de pautas como a discreción cando se utilice e non deixalo á vista. Se se sufriu a subtracción ou perda do terminal, cómpre tomar medidas decontado para bloquealo.
Anular o SIM e o terminal móbil. Ao igual ca as tarxetas de crédito, deixarán de ter valor se se denuncia.
Os usuarios, sexan de contrato ou de prepagamento, están no seu dereito de solicitar o bloqueo do teléfono. Por iso hai que informar decontado o operador de telefonía móbil e proporcionarlle os datos do número de teléfono e do terminal móbil (IMEI) para que se poida bloquear o terminal móbil e mais a tarxeta SIM. Deste xeito, a compañía suspenderá ao momento a liña e comezará o proceso de bloqueo do terminal, co fin de evitar un uso fraudulento do terminal e mais da tarxeta SIM.
Aseméllase ao número de bastidor dun coche. O IMEI é o número que identifica o móbil. Aparece entre os documentos que acompañan o móbil ou na factura. Tamén está inscrito na batería e, na maioría dos modelos, obtense pulsando *#06#
Si, sempre que se trate dun roubo ou dun furto (subtracción sen violencia) hai que denuncialo á Policía ou á Garda Civil e achegar os datos de número de teléfono e do móbil (IMEI). O Código Penal tipifica con penas de prisión de seis meses a dous anos e con multa a quen, con ánimo de lucro, altere ou duplique o número identificativo de equipos de telecomunicacións ou comercialice equipos que sufriran unha alteración fraudulenta.
Se se perdeu pódese optar por bloquear a tarxeta SIM. Para iso hai que chamar á operadora de telefonía e unha vez facilitado o número evitarase que chamen dende o móbil extraviado con esa tarxeta. Máis tarde, se aparece e se quere utilizar, pódese utilizar outra tarxeta ou solicitarlle a operadora que desbloquee o teléfono. Convén anotar nun lugar seguro o número SIM e IMEI do móbil.
É difícil que se recuperen os móbiles subtraídos, así que cando se dispón de seguro de móbil, hai que lle comunicar o máis axiña posible o sinistro á compañía. Se se trata dun roubo hai que lle levar á compañía unha copia da denuncia realizada ante a Policía e a continuación leranse as cláusulas da póliza. No momento de contratar este seguro hai que asegurarse das coberturas pactadas e dos riscos excluídos, e comprobar que cobre tanto o roubo como o furto.
A Lei de contrato de seguro ten un concepto de roubo máis amplo ca a lexislación penal e engloba a subtracción non violenta ou furto. A maioría das sentenzas apuntan que as pólizas de roubo deben cubrir, en principio, tanto o roubo como o furto, salvo mención expresa en contra aceptada polo tomador do seguro.
Fronte a calquera problema coa póliza de seguros, o primeiro que se debe facer é intentar resolvelo coa mesma compañía. Haberá que analizar a póliza e as cláusulas de exclusión, comprobando se foron aceptadas e asinadas polo tomador do seguro. E de ser o caso, seguir os pasos ordinarios de reclamación no ramo asegurador: dirixirse en segunda instancia á Oficina do Defensor do Cliente da mesma entidade. Esta oficina dispón de dous meses para lle contestar ao consumidor. Se non contestan ou se a resposta non é satisfactoria, débese poñer en contacto co Comisionado para a Defensa do Asegurado. Todas as xestións deben ser escritas.
A Lei 40/2002, do 14 de novembro, reguladora do contrato de aparcamento de vehículos establece que os accesorios non fixos e extraíbles, como radiocasettes e teléfonos móbiles, deben ser retirados polos usuarios, polo que non atinxe ao titular do aparcadoiro a responsabilidade sobre a súa restitución.
Entre os servizos esixibles e propios de bares e restaurantes non está o deber específico de vixiar a terceiros ou a outros clientes para evitar posibles furtos, sexa de móbiles, bolsos ou roupa, salvo que estes obxectos fosen entregados expresamente en servizos de recepción ou gardarroupa para a súa custodia.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI