Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O mercado dispón de produtos de aforro a longo prazo que sacrifican unha maior rendibilidade para limitaren o risco e protexeren o capital
A realidade transformou as expectativas das persoas que dedican os seus aforros para aseguraren a xubilación. A esperanza dunha substanciosa rendibilidade deulle paso ao medo de non só non gañar, senón de perder parte dos cartos investidos. Por iso, os supostos filóns cedéronlles o seu posto aos produtos que, por riba de todo, ofrecen seguridade. O instrumento por antonomasia para complementar as pensións públicas de xubilación son os plans de pensións. Non obstante, a maioría non garanten o capital investido, polo que moitos investidores ollan cara a outro tipo de produtos que si que protexen o aforro e que se comprometen, con independencia do que aconteza no mercado, a devolveren todo o que se investiu. PIAS, PPA´S, variable annuities, plans de pensións garantidos... A oferta é ampla e moi variada. As súas particularidades son tamén significativas. Cal é o mellor produto? A resposta depende de numerosos factores: a idade, o aforro acumulado, a maior ou menor aversión ao risco, a experiencia como investidor, a formación financeira... Ofrecémoslle unha guía para non perderse na elección dun produto para complementar a xubilación.
Contan con todas as características dos plans de pensións e coa peculiaridade de que se se mantén o diñeiro ata a data fixada pola entidade, o capital está asegurado.
A lei que regula os fondos de pensións permite traspasar o aforro dun produto a outro sen custo ningún. Non obstante, nos garantidos, se o investidor non está conforme co seu instrumento e decide traspasalo ou rescatalo antes de que remate (por se daren algunhas das continxencias consideradas na lei) pérdese a garantía. Nese suposto, a valoración do fondo dependerá totalmente da evolución dos activos nos que invista no mercado. É dicir, o investidor pode asumir perdas.
Os PPA´s son seguros de aforro que contan coa mesma fiscalidade ca os plans de pensións e coas mesmas condicións para o rescate: xubilación, desemprego, enfermidade...
Os Plans Individuais de Aforro Sistemático son máis coñecidos polas siglas PIAS. Están regulados pola reforma fiscal que entrou en vigor en xaneiro do 2007. Neles, pódese investir ata 8.000 euros anuais e 240.000 euros en toda a vida do produto.
Como os PIAS, este é un produto relativamente recente que chegou a España o ano 2007. Un variable annuitie é un seguro de aforro de rendas variables que garante todo o capital investido, sempre que se manteña ata o seu vencemento. Ademais, o seu principal atractivo e peculiaridade fronte aos PPA´S ou aos PIAS (que adoitan investir en renda fixa) é que permiten investir en bolsa e en fondos de investimento, co que dan a posibilidade de obter rendibilidades adicionais máis altas.
Todos os variable annuities que se comercializan en España garanten o capital investido, máis unha rendibilidade adicional, que pode ser a maior entre dúas opcións:
Como os plans de pensións garantidos, o variable annuitie mantén un prazo de investimento. Se se desexa reembolsar o diñeiro antes de tempo, o investidor perderá a garantía do capital, o que pode supor asumir perdas.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI