Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Extractores de CO2 para loitar contra o cambio climático

O desenvolvemento de máquinas para extraer o dióxido de carbono do aire deixou de ser unha utopía, pero mantéñense os interrogantes sobre a súa viabilidade

  Un sono ou unha quimera. O obxectivo fixado para o 2100 é controlar o cambio climático, algo que esixe deixar de emitir á atmosfera nos vindeiros 90 anos 650.000 millóns de toneladas de CO2. Para comprendermos o que significa esa cifra hai que lembrar que en todo o planeta se produciron no 2008 uns 9.000 millóns de toneladas de CO2. Se cada ano se emitise esa mesma cantidade, de aquí ao 2100 engadiríanse á atmosfera algo máis de 800.000 millóns de toneladas de CO2. O obxectivo, xa que logo, é máis ca ambicioso. Como é posible acadalo? Por moito que os consumidores e que as industrias traballen na redución de CO2, a diminución do 80% das emisións semella inalcanzable de acordo á tendencia actual. Habería que deter boa parte do tráfico rodado, das calefaccións, do tráfico aéreo...

En España, por exemplo, as emisións de CO2 dos automóbiles medraron un 90% entre 1996 e o 2006, un incremento moi superior ao 15% establecido no protocolo de Kyoto. Ante esta situación, unha das estratexias na que matinan os expertos é extraer o CO2 directamente do aire. Desenvolvéronse algúns prototipos que aínda están lonxe de comercializarse pero que, chegado o caso, poderían supor unha axuda no que se coñece como "última liña de defensa" fronte ao cambio climático.

Filtrar o aire

Esta proposta cualificábase non hai moito tempo como ciencia ficción. Pero algúns prototipos recentes, inspirados noutros sistemas de limpeza de gases que se usan na industria, demostran que a idea non é tan desatinada.

Entre eles cómpre salientar o creado polos investigadores da Universidade de Columbia, en Nova York, unha especie de extractor tubular que contén cilindros con hidróxido de sodio (lixivia de sosa). Cando o aire pasa a través destes cilindros, a lixivia de sosa reacciona co CO2 e convérteo en carbonato de sodio, e o resto do aire sae limpo. Despois, o carbonato de sodio extráese. Se se lle engade hidróxido de calcio (tamén chamado cal morto), a mestura transfórmase en carbonato de calcio ou pedra calcaria, que se pode almacenar (co CO2 que contén) ou ben quentar nun forno e recuperar, por un lado, CO2 puro, para almacenalo ou reutilizalo e, por outro, hidróxido de sodio, que se reutiliza novamente no proceso.

De xeito semellante funciona outro prototipo desenvolvido na Universidade de Calgary (Canadá) e que ten a aparencia dun cilindro vertical. O aire que entra impúlsase cara a arriba, onde se pulveriza unha fina chuvia de hidróxido de sodio que reacciona co CO2 do aire e que se transforma en pingas de carbonato de sodio que se recollen cun sistema de canalización. O resto do proceso é idéntico ao anterior.

Nestes sistemas, non obstante, rexístranse puntos febles. O primeiro é que se precisa unha gran cantidade de enerxía para quentar a mestura final. O propósito nesta fase é facer viable o sistema dándolle unha saída comercial ao CO2 resultante, que se podería destinar á produción de fuel ou de xeo seco, de interese para o transporte de mercadorías conxeladas. Agora ben, necesítanse temperaturas de ata 900 ou 400 graos centígrados, en función do prototipo, o que supón un gasto enerxético coas súas emisións correspondentes e un incremento do custo de purificar o aire.

Por esta razón outros sistemas, como o que desenvolve o Instituto Federal de Tecnoloxía (ETH) de Zurich (Suíza), perseguen o uso de concentradores solares para quentar a mestura. Estes concentradores solares son estruturas parabólicas con espellos que recollen e concentran os raios solares para usalos como fonte de calor. Espalláronse moito nos desertos como unha fonte alternativa de enerxía (para cociñar, por exemplo).

Hai máis ideas. Outro grupo de investigación, tamén na Universidade de Columbia (EEUU), creou un purificador de aire baseado nun polímero impregnado con hidróxido de sodio que ten a aparencia dun panel con tiras de plástico. Cando o aire pasa a través das tiras, o polímero retén e transforma o CO2 en bicarbonato sódico. Para liberar de xeito controlado o CO2 aplican un fluxo de aire húmido, e non necesitan máis de 40 graos de temperatura para que o sistema funcione.

Os resultados son prometedores, aínda que polo de agora trátase só de prototipos. Un dos ensaios en miniatura adaptaba o purificador a un pequeno invernadoiro con plantas, que eran as que absorbían o CO2 filtrado e con capacidade para filtrar un quilogramo de CO2 ao día. Agora os investigadores traballan para crear un prototipo que filtre unha tonelada ao día. Para dar unha idea do que isto significa, estímase que nos países desenvolvidos a emisión de CO2 per cápita é de 12 toneladas anuais, uns 32 quilogramos diarios.

Vantaxes e inconvenientes

  Estas estratexias para reducir o CO2 tamén teñen os seus detractores. Moitos argúen que de avanzar nesa liña se pode dar a falsa impresión de que hai medios para limpar o aire e, en consecuencia, administracións, empresas e consumidores poden "lacazanear" no obxectivo de frear as emisións.

Ante estas críticas, os defensores destacan as vantaxes do sistema fronte a estratexias como a captura de CO2 de centrais térmicas e industrias, que só poden capturar CO2 se non é a través da canalización das emisións. En cambio, estes purificadores poden filtrar o aire directamente en calquera lugar e limpar as emisións do tráfico ou da aviación. Mesmo poderían situarse en terreos que non se utilizan, no deserto ou no mar, en plataformas ou barcos.

Tampouco é unha solución, segundo os promotores destes proxectos, tan custosa como se cría ata hai uns anos. As estimacións máis optimistas calculan que capturar unha tonelada de CO2 custaría 100 dólares, aínda que outras máis realistas estiman uns 500 dólares. Se se segue con esa ultima cifra, absorber as 650.000 millóns de toneladas de CO2 que se mencionaban ao comezo custaría 325 billóns de dólares. Trátase dnha gran cantidade, sen dúbida, aínda que tan só é o 2,7% da economía global, segundo calcularon na Universidade de Calgary.

Conscientes dos cartos que cómpren, xa se crearon empresas que traballan en reunir o financiamento suficiente para desenvolver os prototipos a escala máis comercial: Global Research Technologies, Global Thermostat e Carbon Engineering, as tres nos EEUU, son algunhas das pioneiras. O obxectivo da primeira é conseguir, no prazo de dous anos, un cento de máquinas en funcionamento, a un prezo de 250.000 dólares cada unha e cun custo de extracción por tonelada de 125 dólares.

Aínda supondo que sexa viable, os interrogantes son numerosos. A produción de toda esa maquinaria e a súa posta en marcha precisa un gasto enerxético. No Laboratorio Nacional Livermore Lawrence dos EEUU fixeron ese cálculo e aseguran que limpar 250 millóns de toneladas de CO2 do aire, que é o que se calcula que emitirán os avións cada ano cara ao 2030, suporá un gasto enerxético de 900.000 xigavatios hora por ano, unha cifra superior á que producirían 135.000 turbinas eólicas de 1,5 megavatios cada unha. Nun contexto onde o que hai que facer é estimular o aforro enerxético e cambiar o tipo de sociedade, moitos pregúntanse se non sería mellor dedicar toda esa enerxía directamente á electricidade e a evitar as emisións.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto