Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O leite materno é o alimento perfecto para o crecemento do novo ser e para unha mellor recuperación da nai
É un produto sostible, non precisa envase, non contamina a natureza, sérvese á temperatura máis axeitada e supón un importante aforro económico. Este milagre chámase leite materno. Ningún outro alimento dá reunido todas as proteínas, minerais, ácidos graxos e oligosacáridos precisos para o organismo de balde, en perfecto estado de conservación e sempre a punto para o seu consumo, tanto sexa pola mañá, á tarde ou á noite. Por iso, máis do 80% das nais opta por aleitar o seu bebé logo de dar a luz. Así e todo, aos tres meses a porcentaxe descende e aos seis, tempo mínimo recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), non alcanza o 45%. Que acontece para que se renuncie antes de tempo a un acto recoñecido pola ciencia, pola OMS e pola maioría dos profesionais sanitarios como o máis san e beneficioso para o bebé e mais para a nai?
Dende o Consello Internacional de Consultores en Lactación Materna aseguran que a desinformación, os mitos e prexuízos arredor da lactación, dos problemas que poidan xurdir (mastite, mamila invertida...) e, mesmo, do propio proceso de dar o peito dende o mesmo momento do nacemento do bebé, son factores clave que determinan o prematuro abandono. Un momento crítico, no que moitas nais optan por utilizar o biberón, ten lugar aos tres meses, ante a maior demanda do bebé. Pero poucas saben que este cambio ten unha explicación fisiolóxica e que, se se segue a dar o peito, este pode producir tanto leite como pida o neno.
A evidencia científica constata que a alimentación do bebé durante os primeiros meses de vida ten unha influencia decisiva nas fases temperás do desenvolvemento do neno e mais na súa saúde adulta. Os estudos sobre composición e propiedades do leite materno permitiron coñecer que, amais dos nutrientes necesarios para un óptimo crecemento do lactante, este contén centos de substancias bioactivas (anticorpos, encimas, hormonas...) que promoven a saúde e mais o benestar do neno. Esta é a razón principal pola que a industria dos leites adaptados intenta igualar a súa composición á do leite materno e lles engade aos preparados estándares ingredientes como os ácidos graxos poliinsaturados de cadea longa, o beta-palmitato ou os prebióticos e probióticos.
Así e todo, aínda que estes leites artificiais son, dende o punto de vista nutricional, aceptables, non se poden considerar como un tipo de alimentación equiparable á lactación natural.
As nais que deciden aleitar os seus bebés pregúntanse a miúdo polo tipo de alimentación que deben seguir, se a produción do seu leite abonda e se é nutritivo. Ante estes interrogantes, a mensaxe da OMS é clara: débese optar pola lactación materna exclusiva durante os seis primeiros meses de vida como o tipo alimento que proporciona a nutrición máis conveniente para o crecemento e desenvolvemento do bebé.
A dieta da nai inflúe na composición do leite, polo que nesta etapa da vida é fundamental o coidado da súa dieta, en especial, do tipo de graxas que inxire, xa que estas se trasladan ao leite materno. Por iso é conveniente tomar alimentos ricos en graxas insaturadas e en ácidos graxos esenciais, como aceite de oliva virxe extra, froitos secos e peixe azul e tamén evitar o consumo de graxas trans ou parcialmente hidroxenadas, recoñecidas polos seus efectos daniños sobre a saúde do corazón e das arterias.
No tocante aos alimentos que inflúen no sabor do leite ou que lle causan molestias ao bebé hai máis de mito ca de evidencia. Os alimentos flatulentos como os legumes non lle causan necesariamente molestias ao bebé, dado que os gases se producen coa dixestión deses alimentos no intestino materno e non alcanzan o seu leite. Outros, con sabores pronunciados, como os espárragos, as cebolas e os allos só lle dan o seu sabor ao leite se se abusa deles, polo que tamén se poden consumir con moderación.
As características do leite materno poden variar dunha muller a outra, aínda que son moitas as particularidades nutritivas que o fan único:
A cantidade de leite materno adáptase á demanda do bebé, o que impide que o neno pase fame ao lle dar de mamar. Deste xeito, o cativo regula o seu apetito e evita a sobrealimentación, que pode inducir á obesidade infantil.
Dende a Academia Americana de Pediatría aseguran que aos nutrientes se suman substancias únicas como anticorpos, hormonas e encimas dixestivos (favorecen a maduración da flora intestinal e melloran a dixestión). Todos eles protexen o bebé contra numerosas enfermidades como alerxias, eccemas, diarrea, asma, pneumonía e outras infeccións respiratorias, infeccións de oído e meninxite. Estas substancias únicas non se lle poden subministrar ao lactante mediante leites artificiais.
As bondades do leite materno esténdense ás nais, xa que estas perden peso máis decontado, rexistran un menor risco de sufriren anemia posparto e o cancro de ovarios, de mama e a osteoporose son menos frecuentes nas que aleitaron.
Dende o Comité de Lactación Materna da Asociación Española de Pediatría advírtese de que moitas nais, por descoñecemento, abandonan a lactación cara aos tres meses do nacemento do bebé. Neste período, a criatura ten días nos que está inqueda, chora máis, dorme peor e reclama mamar máis a miúdo, o que a nai interpreta como que ten fame. É daquela cando a nai coida que non ten leite dabondo e suplementa as tomas con biberón. Dende o Comité informan de que esta práctica non é a solución axeitada.
Este período -que tamén se pode dar ás tres semanas e ao mes e medio do nacemento- é de crecemento e por iso o bebé ten máis apetito. A nai non ten os peitos tan cheos porque nestes meses a produción de leite materno adaptouse ás necesidades do bebé. Ademais, o lactante baleira o peito de xeito máis eficaz e rápido.
Se se coloca o bebé máis veces no peito, a súa succión estimula a produción de leite. Isto non acontece se se lle dá biberón. En cuestión de días o bebé volverá reducir o número de tomas porque estas serán máis substanciosas. Xa que logo, en principio, non son necesarios os suplementos con leite artificial. Aínda que hai problemas físicos e emocionais que imposibilitan a lactación natural, son máis frecuentes as equivocacións que dificultan a súa instauración e mantemento. A falta de contacto precoz, a primeira toma tardía, o horario ríxido, o baleirado incompleto, a mala postura ou a suplementación con biberón son algúns erros frecuentes. Os bebés interactúan coa súa nai e necesitan contacto con ela, de aí que se chora non é sempre porque teña fame, e se acouga co leite materno non é sempre porque precise comer.
As mulleres que por motivos persoais ou médicos optan pola lactación artificial poden estar tranquilas porque, aínda que non é tan completa como a materna, constitúe un alimento correcto.
Nos últimos anos, os avances científicos permitiron mellorar de xeito substancial a composición nutricional dos leites artificiais, co fin de imitar o valor nutricional do leite humano. Algúns dos nutrientes que cada vez máis marcas incorporan nas súas formulacións son:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI