Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Nove suavizantes téxtiles concentrados brancos e azuis: Cada vez máis baratos e concentrados

Os nove suavizantes preveñen as engurras e facilitan o repasado, pero só tres aumentan o volume dos tecidos respecto dun lavado sen suavizante

  Conseguir pezas máis suaves, perfumadas e máis fáciles de pasar o ferro. Ese é o obxectivo que perseguen os suavizantes téxtiles. Na lavadora, os tecidos encóntranse tan apertados que as fibras da superficie se desorganizan e se comprimen, especialmente en tecidos naturais coma o algodón e a la. Se a roupa seca ao aire, como se fai de xeito habitual nos países europeos, a compresión convértese en permanente e as pezas adquiren ese tacto áspero tan desagradable que se evita engadindo suavizante no último ciclo do aclarado.

CONSUMER EROSKI analizou nove suavizantes téxtiles concentrados, seis de cor azul e perfume floral e outros tres de cor branca e perfume neutro das marcas Flor, Lenor, San, Mimosín, Elena, Quanto e Vernel. As diferenzas de prezo por dose son pouco significativas e van desde os 3,8 céntimos de euro de San Floral aos 6,1 céntimos de euro de Flor Frescor Azul. Poñendo tres lavadoras por semana (o que faría un total de 152 coadas ao ano), a diferenza entre usar un ou outro sería de apenas 3,5 euros anuais. O certo é que engadir suavizante ao lavado é cada vez máis barato xa que o prezo medio por dose pasou en catro anos de 6,6 céntimos de euro a 5 céntimos. A comparación coa análise publicada por esta revista en abril de 2005 tamén demostra que os suavizantes téxtiles teñen agora unha dose de materia activa case dúas veces superior á de entón, é dicir, que non só son máis económicos, senón que ao seren máis concentrados teñen menos plástico por envase, precisan menor espazo de almacenaxe e menor consumo de combustible para o seu transporte.

A mellor relación calidade-prezo corresponde a Flor Frescor Azul, que aínda que foi o suavizante máis caro, demostrou ser o máis eficaz contra as engurras, obtivo as mellores cualificacións na proba de uso e foi moi valorado polo seu perfume tanto ao abrir o tapón coma na roupa seca e húmida.

Tapóns demasiado grandes

Os suavizantes analizados permiten realizar, de media, entre 45 e 72 lavados e todos, excepto Lenor, indican o número de doses que inclúe o envase. O sistema de dosificación por tapóns é correcto en todos os casos xa que todos inclúen unha marca que corresponde á dose recomendada. Con todo, os tapóns son sempre maiores ca a dose indicada polo fabricante. Se a iso se lle suma a tendencia xeneralizada a encher o tapón enteiro, é moi probable que se aplique unha dose do produto maior da necesaria. Sería máis conveniente un sistema de dosificación no que un tapón equivalese a unha dose. Todos os envases se pesaron baleiros e dividiuse o peso polo número de doses que ofrecían para calcular a súa eficiencia enerxética. San e Lenor obtiveron os valores máis baixos (1,12 gramos e 1,17 gramos de peso de envase por dose respectivamente), o que significa que usan menos plástico por dose. Xusto o contrario do que ocorre con Mimosín (1,76 gramos) e Vernel Cielo azul (1,72 gramos).

Na etiquetaxe, cinco dos nove suavizantes cumprían con todos os requisitos da lexislación. No caso de Lenor, Vernel Cielo Azul e Vernel Delicado, as instrucións propoñen "medio tapón" como medida de dosificación, pero sen expresar esta cantidade en mililitros. En Mimosín Azul Vital o tamaño do texto que indica o contido nominal non tiña os 6 milímetros mínimos de altura esixidos pola norma. Tal e como esixe a lexislación europea, todos os fabricantes publican a súa listaxe de ingredientes na internet.

Cada vez máis materia activa

Os ingredientes máis importantes dos deterxentes, tanto os téxtiles coma os limpadores ou lavalouzas, son os tensioactivos aniónicos, de gran capacidade limpadora. Os suavizantes teñen, sobre todo, tensioactivos catiónicos que poden reaccionar cos aniónicos e causar efectos non desexados (restos de deterxente e suavizante na roupa, por exemplo). Por iso convén engadir o suavizante no último ciclo do aclarado e non antes. O suavizante con máis extracto seco (a cantidade de produto que queda logo de evaporar a auga) e maior cantidade de tensioactivos catiónicos foi a de Flor Frescor Hidratante -5,2 unidades de concentración de materia activa (meq) por dose- mentres que Elena Quanto foi a referencia con menos materia activa (3,1 meq/dose). A media de materia activa pasou en catro anos de 71 meq/quilo a 139 meq/quilo, é dicir, que os suavizantes están agora case dúas veces máis concentrados ca en 2005, sempre segundo as análises realizadas por esta revista.

A viscosidade e o pH tamén se valoraron para medir a calidade de cada produto. En contra do que puidese parecer, os suavizantes máis viscosos non teñen máis materia activa e polo tanto non son máis eficaces, máis ben ao contrario, xa que se dilúen peor na auga e a cantidade de produto que queda sobre as paredes do envase é maior. Xa que logo, os dous produtos de Vernel, de maior viscosidade ca o resto, foron peor valorados neste sentido. Respecto do pH, considérase que é mellor canto máis ácido xa que así neutraliza a alcalinidade dos deterxentes. Destaca Mimosín Caricias cun pH de 2,1 e quedan en último lugar Flor Frescor Hidratante (pH 3,2) e San (pH 3,1).

Eficaces contra as engurras

Para comprobar o poder suavizante, determinouse en que medida os produtos analizados evitan as engurras, facilitan o repasado e deixan esponxosa a roupa.

En primeiro lugar, prensouse unha peza de algodón estándar encartada e repasada sen suavizante baixo unha carga de 10 Newtons durante 5 minutos e mediuse despois o ángulo da engurra que quedaba. A maior ángulo, menor é a engurra. A continuación repetiuse a mesma proba despois dun lavado con suavizante e volveuse a realizar unha medida idéntica, primeiro en vertical (urdime) e despois en horizontal (trama). Sen suavizante, o ángulo de desengurrado (ángulo medio das engurras que se rexistraron nas dúas medidas) foi de 56 grados. Con suavizante, o ángulo foi maior en todos os casos, é dicir, que todas as referencias demostraron previr a aparición de engurras, aínda que non todas na mesma medida. Flor Frescor Azul (74,5 graos) foi o máis eficaz e Lenor (58,5 graos) o de menor eficacia.

Unha segunda proba consistiu en depositar a roupa lavada sobre a táboa de repasado, deslizar o ferro a unha velocidade e lonxitude determinadas e calcular o coeficiente de fricción dinámica, é dicir, a resistencia que ofrece o tecido. En todos os casos, este coeficiente foi menor en roupa tratada con suavizante, do que se deduce que as referencias analizadas contribúen a facilitar o repasado, especialmente Mimosín Caricias (0,094) e San (0,1). O suavizante que menos facilitaba o repasado foi Elena Quanto (0,13), o de menor cantidade de materia activa. Con todo, Elena foi un dos que demostrou maior capacidade para darlle máis volume e esponxosidade á roupa, logrando as mellores cualificacións nestes dous aspectos.

O ensaio de volume consistiu en medir o espesor dun tecido de la lavado só con deterxente e engadindo suavizante. San quedou no último lugar, mentres que Elena, Flor Frescor Hidratante e Vernel Delicado obtiveron bos resultados. As mesmas referencias obtiveron tamén bos resultados na proba de esponxosidade, na que tamén destacou Vernel Delicado.

Os que mellor olen

Un total de 45 consumidores avaliaron cada un dos suavizantes e valoraron do 1 ao 7 a súa conformidade coas afirmacións que se lle fixeron acerca de cada un deles. Entre os suavizantes azuis, Elena Quanto obtivo as peores cualificacións polo seu perfume ao abrir o envase (tanto cando se preguntou se era agradable coma cando se valorou a súa intensidade e se era ou non o perfume adecuado para a cor do produto). Entre os brancos, Flor Frescor Hidratante foi o peor cualificado no olor ao abrir o envase e na relación entre o olor e a cor do produto.

Logo da coada, o suavizante azul que deixaba mellor olor segundo os consumidores foi Flor Frescor Azul, tanto na roupa húmida coma na seca, mentres que o perfume de San foi considerado o menos intenso e agradable en ambos os dous casos. Na cualificación global Flor foi o mellor valorado e San o peor valorado.

Entre os brancos Flor Frescor Hidratante foi o mellor en roupa húmida e Mimosín Caricias o peor, tanto na roupa húmida coma na seca. Mimosín Caricias foi, de feito, o que obtivo peor cualificación global por parte dos consumidores que valoraron os suavizantes brancos. Igual ca entre os azuis, o que máis gustou foi Flor Frescor Hidratante cunha cualificación de 4,91 sobre 7.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto