Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Oito cócktails de froitos secos analizados: Graxas saudables pero moi calóricas

Os cócktails de froitos secos son interesantes pola súa graxa saudable, as súas abundantes proteínas e fibra, pero resultan moi calóricos e algúns teñen demasiado sal: mellor un consumo moderado e ocasional

  Analizáronse 8 mostras de cócktail de froitos secos distintas entre si, tanto nos froitos secos (cacahuetes, améndoas, abelás, anacardios, pistachos) e outros ingredientes (millo, fabas, pasas, snacks) que conteñen, coma na proporción en que aparece cada un deles e no tratamento térmico que reciben (fritidos ou torrados). Preséntanse en bolsas de plástico que pesan desde 100 ata 500 gramos, agás un que se vende en lata.

Todos comparten sistema de envasado, atmosfera protectora, que substitúe o osíxeno por outros gases para evitar que o produto se faga rancio. A gran diversidade dos seus ingredientes tradúcese en ostensibles diferenzas de prezo, desde os menos de 5 euros o quilo de Son Sánchez Fritos, Plis Plas Popurri e Borges Mezcla Surtido ata os ao redor de 15 euros o quilo que custan as dúas mostras da marca Eagle, que conteñen os ingredientes máis caros.

Os ingredientes fundamentais destas oito mostras son: froitos secos, aceite vexetal e/ou graxa vexetal (excepto en Son Sánchez Mezcla, que di non usar aceite nin graxa vexetal), sal e fariñas.

Sabido é que o consumo de froitos secos é, en xeral, moi saudable pero a análise realizada describe estes cócktails como moi enerxéticos (de media, 535 calorías cada cen gramos; achegan desde 467 ata 637 calorías/100g), debido ao seu gran contido en graxa (37% de media, pero desde o 59% ata o 23%, segundo as mostras). Esta graxa é saudable xa que case toda é insaturada (81%, de media), aínda que en tres dos oito produtos entre o 23% e o 28% da súa graxa eran ácidos graxos saturados, os menos saudables. Tamén é significativo nestes produtos que mesturan froitos secos o contido en carbohidratos (31% de media) e proteínas (19% de media; desde o 25% ata o 11% segundo a mostra).

Unha das características máis positivas dos froitos secos é o seu gran contido de fibra (que favorece a motilidade intestinal e combate o estrinximento), e os cócktails analizados tamén poden presumir diso xa que de media teñen o 7% de fibra, desde o 6% ata o 10% de fibra segundo o produto. A améndoa é o froito seco con máis fibra: crúa contén máis do 10% de fibra. Estes cócktails son, por outra banda, pobres en azucres xa que sete dos oito contiñan só entre o 1% e o 5% de azucres totais. A excepción constitúea o de máis uvas pasas (Eagle Cocktail Exótico), que chega ao 24% de azucres. Por outra banda, o contido en minerais dos froitos secos é superior ao do resto de froitas, e destacan en magnesio, fósforo, potasio, calcio e ferro, e en oligoelementos como o zinc e selenio, ambos os dous con acción antioxidante. Son Sánchez Mezcla foi, nesta comparación, o de maior contido en minerais (as cinzas representaban un 5,8% do produto) e Eagle Cocktail Exótico o de menos (cinzas: 2,4%). En canto a vitaminas, os froitos secos carecen de vitamina C pero son ricos en B1 ou tiamina, niacina ou B3 e folatos. Ademais constitúen unha das fontes vexetais máis abundantes en vitamina E, aínda que parte das vitaminas B1 e E se destrúen coa calor da fritura ou do torrado.

A cantidade de sal non era excesiva (desde o 0,05% ata o 1%) en cinco dos oito produtos, pero en tres (teñen entre o 3,3% e o 4% de sal) si que o é, duplica sobradamente o límite (1,5% de sal) a partir do cal un produto é demasiado salgado para a saúde. Outra conclusión é que só Mistercorn Mix emprega aditivos potenciadores do sabor e que tamén foi o único dos comparados cuxa calidade sanitaria resultou "mellorable", aínda que o seu reconto de mofos e fermentos-superior ao das outras mostras- non supoñía risco para os consumidores. Mediuse tamén no laboratorio a cantidade de aflatoxinas que contiña cada mostra. As aflatoxinas son micotoxinas que contaminan os produtos agrícolas, particularmente certos froitos secos. Producidas por fungos do xénero Aspergillus e coñecidas pola súa actividade carcinóxena, evitar o seu desenvolvemento é difícil e require un estrito control do procesamento, secado e almacenaxe. Os resultados da suma total de aflatoxinas foron inferiores ao permitido (2 µg/kg, ou partes por billón, para a aflatoxina B1 e 4 µg/kg para a suma das B1, B2, G1 e G2, aínda que os dalgunhas mostras se achegaron ao límite. Por último, a análise de detección de transxénicos revelou que ningún destes oito produtos contiña millo xeneticamente modificado.

Cata e mellor relación calidade-prezo

  Na cata participaron 30 consumidores habituais deste tipo de froitos secos, aos que se lles preguntou pola aparencia, sabor, intensidade do sabor salgado, sensación ao masticar e combinación de ingredientes destes oito produtos. Ademais, consultóuselles que ingrediente engadirían ou aumentarían e cal quitarían ou reducirían en cada produto, así como pola súa preferencia e valoración global de cada mostra. A cata evidenciou diferenzas significativas en todos os parámetros, circunstancia pouco habitual nas análises sensoriais desta revista. A principal conclusión é que Eagle Musik Selected Nuts, Eagle Cocktail Exótico, Mistercorn Mix 5, Facundo e Son Sánchez Fritos foron superiores ás tres mostras restantes, e que Borges e Plis Plas lograron as peores valoracións; Son Sánchez Mezcla ocupou unha posición intermedia. O mellor valorado polos catadores foi Eagle Musik Selected Nuts, o máis caro, a máis de 15 euros o quilo. Se se atende a composición nutricional, prezo e resultados de cata, a mellor elección, isto é, a mellor relación calidade-prezo desta comparación é Son Sánchez Fritos. Para quen prefira un produto máis variado e con ingredientes máis caros, unha opción interesante é Eagle Cocktail Exótico.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto