Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O sobrepeso, o sedentarismo, a ausencia de exercicio físico e as malas posturas contribúen a acelerar a dexeneración do disco, polo que convén manter unha coidada hixiene postural, amais de practicar exercicio con regularidade
As engurras non son as únicas pegadas que testemuñan o paso dos anos. O organismo humano agacha outras, imperceptibles á primeira vista, que non sempre se manifestan a través das dobras da pel ou da perda do pelo. A enfermidade dexenerativa do disco é unha delas, xa sexa a xeito de protusións (dexeneración do disco anterior a unha hernia) ou de hernias discais e ciática. Este tipo de desgaste afecta a boa parte da poboación, a home e mulleres por igual, e é a causa máis frecuente de incapacidade laboral por debaixo dos 45 anos. Os expertos advirten de que moitos adultos sans maiores de 30 anos poden sufrir protusións de disco (ata tres) sen seren conscientes diso. Trátase, xa que logo, dun problema de saúde cada vez máis frecuente, e o seu tratamento non ten por que acabar sempre na mesa dun quirófano.
Esta decisión dependerá, en primeiro lugar, do tipo de afección: non é o mesmo ter unha hernia que padecer unha dor lumbar. Por este motivo, no canto de falar de hernia dise que un paciente sofre unha dexeneración discal, que pode estar asociada a unha hernia ou non, igual ca a dor.
As protusións e hernias discais non só se deben ao proceso de avellentamento do disco. Tamén poden aparecer de súpeto, motivadas por un forte traumatismo. Por iso, as persoas que nos seus traballos erguen pesos son máis propensas a sufriren a rotura dun disco intervertebral e unha hernia de xeito agudo, ao igual ca os atletas, por mor dun xesto súbito.
O principal sistema de protección é o uso de faixas especiais. Pero non é o único método. Como noutros problemas relacionados coas costas, é fundamental manter un bo estado de saúde, unha coidada hixiene postural e practicar exercicio con regularidade. A boa musculatura abdominal e do tronco reduce a probabilidade de desenvolver unha protusión ou hernia discal. Pola contra, o sobrepeso, sedentarismo, ausencia de exercicio físico e as malas posturas incrementan o risco de sufrir unha hernia discal. O tabaquismo tamén é un factor que favorece a enfermidade dexenerativa do disco.
Padecer unha hernia non é sinónimo, nin moito menos, de visitar a sala de operacións. Estímase que o 80% dos adultos sofre algunha dor lumbar ao longo da súa vida, pero só entre o 1% e o 2% precisan cirurxía. Principais tratamentos
EXTRAER O DISCO OU DISCECTOMÍA. Esta operación consiste en retirar a hernia e a dor do nervio ciático. O problema é que, unha vez practicada, entre vértebra e vértebra xa non hai un disco e, polo tanto, cos anos, o paciente podería ter problemas. Ata os 50 anos, cunha hernia discal pura, sen artrose ou outras doenzas engadidas, a discectomía é a técnica máis utilizada. Unha variante desta técnica é a microdiscectomía lumbar, a discectomía que se practica a través dunha incisión milimétrica no raque (a columna vertebral) coas técnicas da cirurxía minimamente invasiva -menos agresivas-. Con ela redúcense as complicacións no postoperatorio, permítese acurtar a hospitalización e o tratamento é menos custoso para o sistema sanitario. Pero aínda non está moi espallada.
Cos métodos tradicionais, o éxito da cirurxía é do 85%, o que significa que a dor radicular desaparece. Así e todo, o 5% de pacientes poden sufrir unha nova hernia discal e, entre o 10% e o 15%, dor lumbar residual. Como parte das técnicas de cirurxía mínima invasiva xurdiron varias, como a discectomía percutánea por aspiración do disco e a discectomía percutánea por láser, pero en ningún dos dous casos se achegan aos niveis de éxito da discectomía clásica. En cambio, a microdiscectomía endoscópica, que permite visualizar as estruturas que se están a operar cun endoscopio, rexistra unha taxa de resultados do 90%.
SUBSTITUÍR O DISCO. O disco soporta as presións que se exercen sobre a columna, actúa como amortecedor e distribúe as cargas. Por estas razóns investíganse distintas posibilidades para a súa substitución. Velaquí as que se utilizan na actualidade:
TÉCNICA DE FUSIÓN: É a máis frecuente e segura para os pacientes que, amais do disco herniado, sofren de artrose ou desgaste do segmento enfermo. Consiste en colocar, no lugar do disco, unha especie de caixa do disco e un enxerto do óso, o que faría desaparecer o movemento entre as dúas vértebras. Esta técnica coñécese como fusión vertebral e elimina a función do disco enfermo. A súa vantaxe é que conserva o espazo e a altura, pero exclúe a mobilidade entre os segmentos das vértebras para evitar a lumbalxia. Suprime a dor, pero tamén a mobilidade.
Hai uns anos, logo de sufrir unha cirurxía da hernia de disco, os pacientes debían permanecer ingresados no hospital entre unha e dúas semanas. Pero os progresos alcanzados nos últimos anos coa anestesia permitiron reducir este tempo de permanencia no hospital a 24-48 horas. Agora ben, convén continuar o postoperatorio no seu domicilio e mais seguir determinadas pautas:
Quen vén de se operar debe utilizar unha faixa lumbar que colocará ao se erguer da cama e mais tomar a medicación indicada e coidar da súa ferida cirúrxica, que debe manter limpa e seca. Convén que sente en cadeiras altas -ou, en caso de non dispor delas, que utilice un par de coxíns- e, de ser posible, con repousabrazos. Durante este período é recomendable sentar só para comer, cear ou utilizar o inodoro. O resto do tempo hai que permanecer deitado na cama e camiñar acotío durante breves períodos de tempo que irán aumentando segundo as indicacións médicas.
Na terceira semana despois da intervención o habitual é que o paciente se sinta moi recuperado, aínda que poida notar algún síntoma como formigos ou falta de sensibilidade nas pernas e mesmo algunha dor nas costas cando as move.
Como parte da recuperación, o paciente pode comezar a se bañar na piscina, aínda que debe descender con coidado pola parte que non cobre. Logo de camiñar durante un tempo ata sentirse seguro, xa pode nadar de costas. Tamén pode optar por practicar outros deportes como a bicicleta estática cinco minutos ao día, durante os cales debe permanecer ergueito, ou ben camiñar por un terreo chairo, con calzado cómodo e deportivo polo menos unha hora ao día. Así que remata a cuarta semana, cómpre acudir de novo á consulta do médico para se someter a unha revisión.
Fonte: J. Sales Llopis, do Servizo de Neurocirurxía do Hospital Xeral Universitario de Alacante
Fonte: Andrés Combalia, cirurxián ortopédico e traumatólogo do Hospital Clínic, de Barcelona.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI