Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Do aforricas ao gastador: Unha cuestión de carácter, non de cartos

O nivel de ingresos das persoas non inflúe dun xeito determinante no seu desexo de gastar ou de aforrar

  Os cartos xeran paixóns contraditorias: uns gozan gastándoo sen medida (os gastadores) e outros gozan tanto co seu contacto que non se dan desfeito dun só peso (os avarentos e aforricas). O mecanismo que explica estes comportamentos reside no carácter de cada persoa e non tanto no seu nivel de renda: non é difícil atopar no contorno próximo persoas que viven por riba das súas posibilidades económicas, que espremen ao máximo, e tampouco é complicado atopar persoas con importantes ingresos que se decantan por unha austeridade exacerbada.

A avareza

Todas os tipos de mesquindade coinciden en darlles aos cartos un valor excesivo, ás veces chegando á obsesión. É o risco que corren as persoas que queren ordenar e organizar as facetas todas da súa vida, e que trasladan esa mentalidade aos cartos. O desexo de manter un dominio esaxerado pode dexenerar nunha sobrevaloración que se plasma nunha perniciosa ansiedade.

  O control que se pode exercer sobre os cartos é relativo, xa que o contexto económico vai mudando e porque irán xurdindo imprevistos aos que ninguén é inmune. E esta incerteza pódelle ocasionar sufrimento a unha persoa alérxica ás novidades. Para palialo, pódese converter nun individuo avarento ou aforricas -con independencia do seu nivel de ingresos-, xa que este férreo control tórnase no ansiolítico que lle proporciona a desexada seguridade.

Por iso, as persoas moi obsesivas é máis fácil que se tornen en aforradoras en extremo: os pensamentos obsesivos asócianse coa prevención de temores. Priman a seguridade, non toleran ben a incerteza e converten o diñeiro nun elemento de sosego. Pódelles custar asumir algúns gastos cotiáns, polo que se xorden imprevistos ou se ven obrigados a desembolsar unha cantidade importante poden sentirse desprotexidas e con sensación de vulnerabilidade.

As persoas menos impulsivas, polo xeral, xestionan a súa economía con máis eficacia. Por ese motivo, os maiores son menos desbaldidores, xa que a súa maior experiencia foilles ensinando a valorar máis os seus gastos. Ademais, coa idade búscase a máxima estabilidade e o mínimo risco, o que explicaría tamén que ese sector da poboación se atope entre os máis aforradores e gardiáns dos cartos. A iso engádese a diminución dos seus ingresos, o que agudiza a súa situación. Ata é probable que os máis atrevidos cos seus gastos vaian reducindo a súa actitude gastadora así que se van facendo vellos, como o é tamén que os que xa formaban parte da confraría do puño pechado renoven os seus votos con máis énfase.

Con todo, ser aforradores reporta tamén algúns beneficios, como gozar dunha sensación de control e de seguridade que non viven os máis desprendidos, que poden ver perigar a súa economía. Pero cando a mesquindade se torna excesiva, pode xurdir o efecto contrario e comezar a sentir angustia ante a posibilidade de gastar máis do que se considera necesario, intentando controlar case de maneira obsesiva a economía. Esta situación orixina unha menor capacidade para pasalo ben, xa que, levados pola obsesión do aforro, déixanse pasar oportunidades para vivir pequenos praceres que traerían algo máis de felicidade.

O extremo oposto: o dispendio

No lado oposto aos avarentos aparecen os que lle teñen pouco apego aos cartos: poden gastar sen se sentiren culpables por iso. Non obstante, na medida en que o descontrol sobre a propia economía ocasiona uns gastos malos de afrontar, convén valorar se se trata dun problema relacionado cun trastorno psicolóxico que pode ir en aumento e pór en risco a propia supervivencia e, en consecuencia, a do núcleo familiar de o haber.

Algunhas persoas atopan pracer gastando os seus ingresos como lles peta, xa sexa en si mesmas ou nos demais. Caracterízanse por seren máis impulsivas e menos controladoras e toleran mellor o feito de quedaren expostas a unha situación económica delicada. As máis das veces, tampouco planifican e organizan outras facetas da súa vida, aínda que isto non significa un problema se non carrexa consecuencias negativas para elas mesmas ou para os demais. Simplemente trátase dunha mentalidade hedonista que busca máis o pracer e non tanto o sacrificio e control constante; en definitiva, antepón o gozo aos apuros ocasionais que, por veces, se poidan dar pola falta de planificación, e malia a algúns conflitos que xorden coas persoas máis próximas por diferenzas de criterio na xestión dos cartos.

Non obstante, poden aflorar certos sentimentos de culpabilidade ante algunhas compras ou gastos excesivos que non achegan o desfrute que se coidaba que ían proporcionar. Isto acontécelles ás persoas impulsivas que non atopan o xeito de parar os seus desexos consumistas: atópanse ante unha situación que lles gustaría frear, pero non dan, e reaccionan ante esta impotencia con angustia e malestar. Por veces pode suceder que os gastos relacionados con compras compulsivas se relacionen cos trastornos por ansiedade e nese caso deben ser tratados por profesionais. Esta situación é frecuente que aconteza fronte a unha suposta necesidade imperiosa de mercar artigos que en realidade son produto dunha reacción emocional; os gastos xerados convértense en alivios ocasionais, pero que acaban reforzando o malestar.

Buscando a euforia

Hai outro tipo de perfil próximo aos desbaldidores que ten que ver coas sensacións de euforia ocasionais. Trátase de persoas cun estado de ánimo moi voluble e que reaccionan en determinados casos cun desmesurado optimismo que non lles permite calcular os riscos de gastar os cartos por riba das súas posibilidades. Esta situación pódese tornar nun problema pola falta de control sobre os propios actos, dexenerando nunha tristura posterior debida ben a sentimentos de culpabilidade ou polos conflitos que aparecen coa familia a consecuencia desta mesma falta de control económico durante as fases de euforia. Este é o caso de trastornos do estado de ánimo oscilantes, como o trastorno maníaco-depresivo ou a síndrome bipolar.

Idades diferentes, valores distintos

  Ser unha persoa que goza ao gastar os cartos non ten por que representar un problema. É algo normal, que depende do carácter ou da idade. Os máis novos non lle conceden o mesmo valor ao diñeiro ca os adultos, polo mero feito de que son máis impulsivos e de que prefiren os praceres inmediatos a ter que conservar os seus recursos económicos para un futuro que parece lonxe. Investir é un concepto que lles pode custar entender e entra dentro do normal que utilicen todos os seus recursos para pasalo ben aquí e agora, se ben pode resultar pouco comprensible para os adultos ao seu cargo. Os adolescentes poden chegar a se enfrontaren cos seus pais por desacordos nese sentido, máis cando se trata dos cartos da súa familia. Pero non é estraño que rachen coas normas económicas establecidas, xa que forma parte da súa aprendizaxe para a vida adulta e que coa idade se irá normalizando.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto