Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Begoña Carbelo. Investigadora sobre a relación entre o humor e a saúde: "O bo humor pódese ensinar e aprender"

 Begoña Carbelo tivo que loitar no ámbito académico para que a tomen en serio. E sempre o fixo con bo humor. Cuestión de coherencia: a liña de investigación desta profesora da Escola de Enfermería da Universidade de Alcalá de Henares afonda na relación entre a saúde, o humor e no seu uso polo persoal sanitario. Na súa particular aposta polo sorriso, pola risa e polo optimismo como instrumentos terapéuticos e de mellora da calidade de vida atopouse con obstáculos a xeito de estirados catedráticos, retratados nunha viñeta de Forges que adorna o seu despacho, un cuarto no que sobresaen varias caricaturas da súa persoa. E non é casual. "É fundamental rirse de un mesmo".

Cal é a relación entre a saúde e o humor?

Desde o punto de vista emocional éo case todo. E éo case todo en dúas vertentes: no profesional da saúde, que ten que coidarse emocionalmente para atender nas mellores circunstancias; e tamén no paciente, no que o enfoque de determinados estados de ánimo con mellor predisposición permitirá que se encaixe mellor a situación. Pero eu vou alén disto: a experiencia que temos sobre a evolución de certas enfermidades é que é mellor cando se coida o ánimo, cando un se decata do importante que é coidalo.

A que enfermidades se refiere?

Refírome a enfermidades crónicas e graves como o cancro.

E nesas enfermidades ten cabida o bo humor?

Ten, e logo! O problema é que soa tan chocante que parece imposible. Pero non se necesitan saber grandes cousas, cómpre ter un enfoque mental, non deixar que che inunde a situación porque daquela paralízate.

Pero, como se lle pode pedir a unha persoa que sofre un cancro que leve a vida con humor?

Isto vai por pasos. Unha persoa non chega a unha consulta na que se lle informa da enfermidade e escoita decontado do seu médico: "ten que levar isto con bo humor". Non funciona así. Precísase unha axuda. Hai que estudar as características de cada caso, porque non a todo o mundo lle serve ir ao mesmo cine, os mesmos chistes, as mesmas películas cómicas.

É un tratamento individualizado.

Si, individual e moi do de acotío. É dicir, isto non se debe facer de vez en cando, senón dende que te ergues da cama. O primeiro que hai que facer é erguerse e sorrir, aínda que soase o espertador e ese día haxa que facer cousas importantes. É clave comezar o día co benestar que dá un sorriso. É como un ritual.

E quen son os sacerdotes dese ritual?

Cada vez hai máis persoas que traballan neste aspecto emocional. O bo humor conecta cunha emoción básica, que é a ledicia e tamén a sorpresa. Pero tamén está vinculado coa tristura, un sentimento que non ten por que ser negativo. É un sinal de que algo non vai ben, é unha información que podemos utilizar para recuperar o bo ánimo. Por iso, evitar a tristura non é bo, porque se obvia a valiosa información que trae esa emoción.

O obxectivo non é negar a tristura, senón sabela interpretar.

Claro, estar enfermo ponme triste porque teño unha perda de saúde, porque teño que facer cousas que non facía e sentir cousas que non sentía. Iso é información, pero a información, por si mesma, non é nin boa nin mala. Hai que sabela utilizar.

No tratamento contra o cancro, o estado de ánimo é unha variable que inflúe na súa evolución

  Si, e a niveis inimaxinables. Coñezo un caso dunha persoa próxima á que lle diagnosticaron un cancro cunha posibilidade de supervivencia do 1%. Esta persoa superou os tres anos, tivo un traballo intenso persoal e non digo que vaia vivir 30 anos máis, pero o que viviu, á parte de ser máis do que se prevía, viviuno mellor. Hai que pensar que o que tes telo, pero este xeito de afrontalo leva a ter unha mellor vida. Eu oínlle dicir a pacientes terminais que cando as súas familias se decataron das enfermidades que sufrían, todo ao seu redor se tornou tan transcendente que lle amargaban a vida. Dicían: "eu sei que vou morrer, pero o tempo que me queda estanme a amargar". A tristura, as caras de circunstancia, impedir que a persoa faga o que facía antes, ver chorar os familiares... isto fai que o enfermo viva e morra en peores circunstancias, cunha peor calidade.

O tratamento non é só para o paciente, tamén para o seu contorno.

Iso é. Non sería a primeira vez que vemos persoas moi enfermas animando a quen os arrodea, o que amosa unha enorme calidade humana e, para os profesionais, unha aprendizaxe enorme.

Pódese ensinar o bo humor?

Abofé que si, pódese ensinar e pódese aprender. Hai xente que chega aos cursos con moi mal humor e dinche dende o comezo: "eu teño un humor de cans" e fano moi serios. Lembro un curso cun grupo de empresarios. Dicían que estaban moi estresados, coas súas gravatas, cos seus traxes, moi ríxidos, e acabaron todos cun nariz de pallaso, pinchando...

Que significado ten a capacidade de rirse de un mesmo?

É fundamental. O primeiro que fas para un exercicio é pór o nariz e buscar un defecto teu que non aceptas e magnificalo. Ao final acaba sendo tan esaxerado que botas a rir.

Pero iso funciona sempre?

No 100% dos casos non funciona. Nunhas persoas funcionan uns exercicios e noutras funcionan outros. Unhas terapeutas ocupacionais ás que lles impartimos un curso viñeron ao día seguinte e contaron que repartiran os zumes da noite disfrazadas con turbantes que fixeran con bolsas de plástico... e contaban que os vellos escacharan a rir e durmiran moi ben esa noite. Mira que parvada, pero que parvada tan importante. Todos os días igual non funcionaría ben, porque xa sería rutina, pero se sorprendes as cousas funcionan. E para iso hai que estar moi áxil porque require esforzo. Eu xa o advirto: isto non é doado, é un reto hai que querer facer e no que se require un gran traballo persoal todos os días.

Se as emocións positivas dan tanto e lles facilitan tanto a vida ás persoas que non o teñen nada doado, por que non se leva máis a práctica?

Porque non nos ensinan. Victoria Camps escribiu nun libro hai xa uns anos que aos nenos hai que ensinarlles amabilidade e bo humor. A min non mo ensinaron nunca e aos meus fillos, que son máis modernos, tampouco.

Esta práctica sería moi útil na adolescencia.

Desde logo. Pero na adolescencia, onde se instala unha especie de enfado permanente, non se utiliza. O problema é que na universidade somos poucos os que estamos concienciados así. Moi poucos. Non obstante, algunhas cousas empézanse a facer.

O problema é que a credibilidade asóciase máis á seriedade ca ao bo humor.

Claro, iso dende logo.

Pódese estar sempre de bo humor?

Nin se pode nin se debe estar sempre de bo humor. O medo, a tristura, o enfado... todo iso é información. Algo me dixeron, pisaron as miñas barreiras, os meus límites, puxéronme en evidencia e iso anóxame. Pero o xeito que eu elixo para responder a iso é meu, é unha opción que eu me dou. E se o asumes, a vida funciona doutro xeito.

O bo humor mellora a calidade de vida, pero alóngaa?

A min gustaríame poder afirmar iso, pero non o podo facer se quero ser coherente cunha liña científica. Hai un traballo publicado na revista da Clínica Mayo na que se puido estudar a máis de 800 monxas. As monxas que afrontaban dun modo optimista as situacións viviron máis. Eu, dende logo, espero que o humor me alongue a vida porque espero vivir moitos anos.

Para levar unha boa vida precísase unha dieta saudable, exercicio físico e unha dose diaria de risa?

Si, pero varias doses de risa ao día, mañá, tarde e noite (risa).

Cantas veces ri ao día?

Mira, eu cando vexo que xa levo moito tempo e non río, río soa. Pero eu río moito.

E ri máis dende que estuda a relación entre o humor e a saúde?

Ti conectas con aquilo que conecta contigo, ou sexa que ti previamente tes algo. Pero tamén vin persoas que buscan a risa porque a consideran como unha necesidade.

Vostede avoga por introducir o humor e as emocións positivas entre persoal médico, sanitario e pacientes. Pero os hospitais non son precisamente lugares onde abunde a risa.

Non, pero cumpriría fomentar e facerlles ver ás persoas que alén do que lles suceda deberían coidar o bo humor como unha parte importante para se recuperaren. E se os profesionais da saúde lles transmitísemos aos pacientes e familiares o importante que é, isto melloraría moito.

Fanlle caso?

A min chámanme para darlles clases a profesionais, a sociedades de minusválidos, a coidadores de persoas con problemas moi graves... Lembro un caso de hai ben pouco no que lle preguntaba a unha persoa que precisaba, e dicía que era marchar a Galicia, á súa terra, porque había 10 anos que non ía e non podía porque estaba a coidar unha persoa. E eu dicíalle: "seguro que non"? E no grupo xurdiron alternativas: "eu podería ir o sábado", "eu podo ir facer o xantar" e así se fixo. E esa persoa xa sorrí despois disto.

E canto dura ese sorriso?

Hai persoas ás que lles dura máis e a outras menos, polo que precisan facer máis cousas. É como se tiveses unha ferida que hai que sandar acotío. Se non o fas inféctase e doe. O mesmo acontece coas feridas emocionais, son moi semellantes ás físicas: supuran, mancan, están encarnadas, inchadas.

Daquela é compatible a mala saúde e mais o bo humor?

Si. En pacientes terminais é moi habitual que che digan: "precisaba rir nesta etapa da miña vida igual ca no resto da miña vida anterior". Eles saben que van morrer, pero non o queren facer nunha tristura máis grande polo que lles pasa.

Como se pode debuxar un sorriso nunha persoa que sofre?

Achegándote a ela cun sorriso e tocándoa, que moitas veces nos dá medo e a morte non se contaxia. Non se trata de estar todo o anaco a gargalladas, senón de buscar o equilibrio anímico. E un sorriso xa é moito.

Non son poucos os familiares e pacientes que se laian do trato do persoal médico e sanitario.

Nun curso convidamos ao defensor do paciente e máis do 80% das queixas tiñan que ver coas relacións co persoal. Se os profesionais soubésemos iso, cun trato máis próximo neutralizariamos máis do 80% das queixas. O que acontece é que non non damos xestionados os nosos estados emocionais e imos a onda outra persoa coa nosa emoción e as emocións transmítense, as boas e as malas. Debemos de ser moi conscientes diso.

Habería que ofrecer unha formación específica nas disciplinas vinculadas coa Saúde?

Estamos a traballar niso. Pero non só en enfermeiros e médicos, senón que habería que espallala a outros profesionais. E o primeiro é decatarse do importante que é e asumir que rirte de ti mesmo representa correr algún risco.

Pero a esas persoas que levan traballando 24 horas salvando vidas pódeselles pedir bo humor?

Se durante unha semana estás traballando as túas horas só como un profesional e non como unha persoa, tomando todo moi en serio, mantendo as distancias, querendo facer todo perfecto e sen cometer un erro levas unha vida estresante e non saudable. Non fai falta estar 24 horas así, con 7 xa acabas mal. O que hai que incorporar é que as persoas necesitamos alixeirar a vida no traballo porque o traballo forma parte da vida. Son moitas horas.

O problema non pode estar en que estes profesionais conviven con moitas desgrazas alleas?

O problema dos profesionais é que están extralimitados. Estamos nun mundo moi emocional e na saúde hai moitas emocións das desagradables porque hai moito medo: sufrir unha enfermidade xera moita inseguridade e esta conduce a ter un medo, ás veces atroz, ao que vaia pasar. Os profesionais da saúde van acumulando emocións que non son súas.

E iso non se debería ensinar nas escolas de enfermería?

Debería, pero non podemos facer milagres. Temos aulas grandes, celebramos seminarios... pero non todo o mundo recibe esta información, hai que practicar moito.

Cal foi a reacción ante a súa mensaxe?

Hai de todo, como na botica, e nunca mellor dito. En termos xerais, a receptividade é maior cando se pode practicar.

Os médicos téñenlle medo á risa?

Algúns si, claro. Queren rir cos pacientes? Non. E matizo a preposición "con", non de. Tamén pasa cos profesionais que están a facer unha cama, que poden rir de algo sen faceren partícipe o paciente que está na cama. Iso non é do que falamos. Trátase de incluír o outro ou gardalo para cando vaias a casa.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto