Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Obra social de entidades financeiras: analizada a dotación a iniciativas sociais de 21 caixas de aforro e de cinco bancos españois: As grandes caixas reforzan os seus fondos de reserva a custa da Obra Social

·As caixas de aforro españolas destinan dez veces máis cartos a iniciativas sociais ca os bancos.
·A porcentaxe de beneficios para obra social das dúas grandes caixas reduciuse drasticamente nos cinco últimos anos.
·Os cartos dedicados ao apartado sanitario-asistencial medrou un 63% en detrimento do ámbito cultural e de tempo libre

  O destino dos beneficios das caixas de aforro bifúrcase en dúas vías: a da garantía de solvencia e a da solidariedade. Así o marca a lei. Cando a confianza e os resultados positivos imperan, o diñeiro flúe máis facilmente pola senda das obras sociais. Cando a incerteza e a inquedanza xermolan na conta de resultados, a prudencia, a presión institucional e a dos propios clientes limitan a vertente filantrópica. Esta é precisamente a dirección que tomaron as principais caixas de aforro españolas, tal e como comprobou CONSUMER EROSKI tras a análise da contía e das características da obra social de 21 das 46 entidades españolas. Se se comparan os datos cos obtidos nun estudo similar elaborado no 2004, obsérvase unha realidade con dúas caras. Por unha banda, o crecemento do investimento social en termos cuantitativos é ben notable: de 677 millóns de euros a 1.654 millóns (1.338 millóns de euros se só se inclúen as 15 entidades avaliadas hai cinco anos). Agora ben, se se toma como referencia a porcentaxe sobre beneficios, compróbase unha tendencia descendente xeneralizada, comportamento que se acentúa nas dúas grandes entidades do país: La Caixa e, sobre todo, Caja Madrid. Nesta última, a proporción de resultados para a obra social no 2008, un 8,7%, é tres veces inferior á do 2003, un 26,9%. En La Caixa, a porcentaxe reduciuse á metade, do 37,6% no 2003 ao 18,7% no 2008. Outro dato: a suma dos beneficios das dúas entidades no 2008 representa o 58% do total das 21 caixas analizadas. Non obstante, no total de gasto de obra social, a porcentaxe redúcese a un 43% (un 28% de La Caixa e un 15% de Caja Madrid).

  Polo tanto, o crecemento do investimento das caixas de aforro en iniciativas sociais produciuse fundamentalmente polo aumento dos beneficios e non polo crecemento das porcentaxes dedicadas a estes fins, afectado pola necesidade de reforzar as reservas das entidades. Segundo datos da Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA), as 46 entidades españolas que se aglutinan nesta asociación, entre as que atopan as 21 seleccionadas para este informe, dedicaron o pasado ano 2.060 millóns de euros (1.941 millóns proceden do investimento das mesmas caixas e os 117 millóns de euros restantes corresponden aos ingresos xerados por actividades e subvencións) para sufragar actividades de interese social das que se beneficiaron máis de 142 millóns de persoas. Desa cantidade, o 80% corresponde ao gasto realizado polas caixas de aforro incluídas na mostra de CONSUMER EROSKI (1.654 millóns de euros). A listaxe compóñena Caja Cantabria, Caja Rioja, Bilbao Bizkaia Kutxa (BBK), Kutxa, Caja Vital, Caixanova, Caixa Galicia, Caja Catalunya, Caja Sur, Unicaja, Caja de Ahorros de la Inmaculada (CAI), Ibercaja, Caja de Ahorros del Mediterráneo (CAM), Caja Murcia, Caja España, Caja Duero, Caja Madrid, Cajastur, La Caixa, Bancaja e Caja de Ahorros de Navarra (CAN). Consultáronse as súas memorias e contas anuais e remitíronselles cuestionarios pechados aos responsables da Obra Social de cada unha delas. Convén matizar que nas caixas de aforro, para acordar o orzamento destinado a Obra Social dun ano, se toman en conta os beneficios obtidos o exercicio anterior, é dicir, as iniciativas sociais no 2008 fináncianse cunha parte dos beneficios do 2007. No caso dos bancos, o diñeiro destinado a actividades filantrópicas estímase baseándose nos beneficios dese mesmo ano. A única excepción neste último caso é o BSCH, que funciona como unha caixa de aforros.

A diferenza das caixas, os bancos non están obrigados a reservar parte dos seus dividendos para fins sociais. Non obstante, a maior concienciación cidadá e o valor crecente da Responsabilidade Social das empresas redundan nun maior compromiso social do sector bancario. Malia iso, e a teor dos datos recollidos por CONSUMER EROSKI en tres dos grandes bancos españois, BSCH, BBVA e Banco Popular (Bankinter e Banco Sabadell non pecharan no momento de elaboración do estudo os datos requiridos), a aposta, polo menos en termos porcentuais, é moi limitada. Mentres que as caixas de aforro dedicaron no 2008 de media un 26% dos seus beneficios anuais (entre o 42% de Caixa Galicia e Caja Rioja e o 8,7% de Caja Madrid) a actividades e iniciativas de índole social, a media dos bancos apenas superou o 1,7%. Esta distancia, lonxe de reducirse, viuse incrementada lixeiramente en comparación coas cifras de hai cinco anos, cando as caixas de aforro destinaban case dez veces máis cartos ca os bancos.

A crise tamén incidiu na orientación da obra social. A diferenza do estudo de hai cinco anos, no que a metade dos recursos se dirixían ao ámbito de cultura-tempo libre, o principal destino dos fondos recae agora na atención social-sanitaria, cun 39%, un 63% máis ca no 2004. As iniciativas de cultura-tempo libre pasan de representar un 52% a un 35% e, tras elas, aparecen as vinculadas con educación-investigación (17%) e as de recuperación do patrimonio histórico-artístico e medio natural (11%).

Como cambiou a Obra Social?

O investimento en Obra Social das caixas de aforro foise modificando co paso das décadas, e fíxoo seguindo o ritmo dos cambios e demandas da sociedade. Dende comezos do século pasado ata finais dos anos 60, este labor centrábase na cobertura das necesidades básicas da poboación máis desfavorecida: tarefas benéficas e asistenciais, como a atención sanitaria, a distribución de alimentos para indixentes, a rehabilitación de mutilados... Tratábase de facilitar o acceso de grande parte da poboación ás necesidades básicas que o Estado por si só non daba cuberto. A partir da década dos 70 e nos 80, coa chegada do denominado Estado do benestar, o papel asistencial e benéfico das caixas de aforro perde forza e boa parte da dotación de Obra Social encamíñase cara aos eidos cultural e educativo (construción e mantemento de escolas, bibliotecas, salas de exposicións, reconstrución de edificios históricos ou rehabilitación de obras de arte, entre outras). Nos últimos cinco anos, e en especial a raíz da crise económica, asístese a un regreso ás iniciativas de marcado carácter asistencial e sanitario, especialmente cara aos colectivos sociais máis vulnerables (inmigrantes, minusválidos, desempregados...) e para a terceira idade. As máis das veces, as caixas de aforro complementan as accións sociais organizadas dende a Administración pública.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto