Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

Boletíns

| Baixa | Máis opcións |

Canles de EROSKI CONSUMER


Cambiar idioma

Outras utilidades

  • enviar a outra persoa

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Nin caprichosos nin egoístas... só fillos únicos

A condición de fillo único non é nin unha vantaxe nin un inconveniente en si mesma, todo depende do tipo de educación, de valores e de actitudes que os pais fomenten neles

Entrevista co psicólogo Albert Soldevilla, do Instituto Mensalus de Barcelona

"A sobreprotección dos fillos únicos evítase cando se teñen en conta as súas opinións e desexos"

Por que os fillos únicos non queren ter un só fillo?

  A tendencia dos pais é intentar darlles aos fillos todo o que eles non tiveron. Iso podería condicionar a quen medrou sen irmáns, e pensar que lles deben proporcionar un ou máis irmáns ou irmás aos seus fillos. Pero non deixa de ser unha crenza algo errónea, xa que os pais non se deberían sentir obrigados a cubrir todas as necesidades das que eles non gozaron. É máis, poden pensar por un momento nas vantaxes de medrar como fillos únicos para fomentalas no seu. Se pensan que tiveron algunhas carencias por seren fillos únicos, pódenas cubrir sen teren que recorrer obrigatoriamente a ter máis fillos.

Os fillos únicos son máis caprichosos e egoístas. Tópico ou realidade?

Iso podería depender máis dos pais ca dos propios fillos, xa que se ben é certo que o fillo único non ten que loitar tanto pola atención dos seus pais nin compartir tan a miúdo os seus privilexios, é tarefa dos pais ensinarlle os valores relacionados coa xenerosidade e o esforzo por acadar o que un desexa.

A sobreprotección cara ao fillo único é contraproducente? En que sentido?

Un menor sobreprotexido pode non desenvolver algunhas habilidades necesarias para o seu desenvolvemento, como por exemplo a autonomía. Precisamente valórase que os fillos únicos teñan máis posibilidades de reforzar a devandita autonomía ao se veren obrigados moitas veces a xogaren sós e a crearen os seus propios xogos. Polo tanto, sería interesante que os pais facilitasen ese proceso.

Como se pode evitar?

A sobreprotección evítase cando se conta coa opinión e desexos dos propios nenos. Os pais non deben facer constantemente o que os fillos xa están preparados para facer por si sós. Débese pensar nos fillos como persoas cos seus criterios e opinións que haberá que ter en conta, aínda que os pais teñan maior poder de decisión e aconsellen o que para eles é correcto.

No proceso de socialización, os fillos únicos teñen máis problemas para se relacionaren, compartir, xogar con outros nenos...?

Iso só acontecería se o fillo único non comparte experiencias cos seus iguais noutros contextos. É importante que desenvolva as súas habilidades de relación en actividades escolares ou extraescolares que fomenten as súas habilidades sociais. Se é así, a súa socialización será normal.

"Por que os meus amiguiños teñen irmáns e eu non"? Que resposta deben dar os pais ante esta pregunta tan repetida en certas idades?

Sempre hai que dar respostas que os nenos poidan comprender segundo a súa idade. É importante evitar detalles que só lles competen aos adultos (falta de recursos económicos, infertilidade, divorcios, etc.). Con salientar que hai diferentes tipos de familias, algunhas máis numerosas ca outras, podería abondar. Tamén é determinante que o neno vexa nos seus iguais a oportunidade de ter amizades coas que pode compartir o mesmo que se tivese máis irmáns.

Maior atención, pero tamén maior presión. Todas as expectativas dos pais recaen nos fillos únicos. Onde está o límite? Como afecta esta presión ao seu desenvolvemento?

Os pais deben ser coidadosos coas expectativas que xeran sobre os seus fillos únicos. Para eles é como ter soamente unha oportunidade de que os seus desexos como pais se vexan cumpridos. Isto pode contribuír a que se desenvolva un control excesivo sobre o seu comportamento ou traxectoria futura, o que podería xerar unha falta de motivación no neno ao se ver obrigado a cumprir os desexos dos pais máis ca os propios. Ao fillo único hai que guialo e aconsellalo, como a calquera outro, pero fomentando tamén a súa independencia de criterio e autonomía persoal para que perciba que tamén é partícipe do seu desenvolvemento.

Quero ter un segundo fillo para lle dar un irmán ao que xa teño. Ese é o principal motivo. É saudable este razoamento?

Ter outro fillo sempre debe ser unha decisión dos pais porque queiran ser pais por segunda vez, nunca para dar un irmán como principal motivo, xa que podería acontecer que os pais se visen obrigados a realizar un sobreesforzo para atender as necesidades do segundo fillo por coidaren que iso era o que debían facer.

Non hai que sufrir polo benestar dos fillos únicos, non hai estudos que demostren que deban compartir a súa vida cun irmán ou irmá para o seu correcto desenvolvemento.

Paginación



Recursos desta páxina



Validaciones desta páxina

  • : Conformidad co Nivel Triplo-A, das Directrices de Accesibilidad para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI
  • XHTML: Validación do W3C indicando que este documento é XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación do W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que os nosos titulares RSS teñen un formato correcto