Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
A condición de fillo único non é nin unha vantaxe nin un inconveniente en si mesma, todo depende do tipo de educación, de valores e de actitudes que os pais fomenten neles
Pouco ou nada queda xa daquelas fecundas familias que recibían premios en concursos de natalidade envolvidos xa en brumas de alcanfor. Co cambio de século, o fillo único erixiuse en protagonista de máis do 30% dos fogares españois. As estatísticas non enganan: segundo datos do Instituto de Política Familiar (IPF), os fogares españois teñen cada vez menos membros, 2'9, e as familias con cinco ou máis membros pasaron de representaren o 29% en 1980 a non superaren o 7% no 2007, cunha caída do 75% en algo menos de tres décadas. Na sociedade actual, un de cada cinco fogares compóñeno parellas sen fillos, seguido das familias formadas por unha parella e mais un fillo. Pola contra, as parellas que teñen tres fillos case non chegan ao 4%. As causas desta mingua familiar e da supremacía do fillo único hai que buscalas nun ritmo de vida que apenas deixa tempo para compatibilizar familia e traballo, nunha tardía maternidade, nos matrimonios que rompen cada vez máis axiña e nos gastos que implica ter un fillo. Todo iso contribuíu a que en España os fillos únicos deixasen de ser unha rareza dende o punto de vista sociolóxico. Son máis, polo tanto, os pais e nais que se enfrontan acotío á ardua tarefa de educar uns nenos catalogados tradicionalmente como egoístas, malcriados e caprichosos.
Cando hai 30 anos se lle preguntaba a unha parella cantos fillos quería ter, as respostas máis habituais eran: "os que Deus queira" ou "os que veñan". Tres décadas despois, os máis dos futuros pais considera que "con un abonda", aínda que tamén hai quen se atreve a ir pola "parella". Segundo a macroenquisa "Fecundidade e Valores na España do século XXI" do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) de marzo do 2007, o núcleo familiar ideal dos españois é o formado por un matrimonio e dous fillos, aínda que son cada vez máis os condicionantes e obstáculos para acadar tal obxectivo, e os estudos demostran que na práctica se impón a tendencia ao fillo único. Os últimos datos que manexa o Instituto Nacional de Estatística (INE) indican que un 57% das mulleres que xa foron nais rexeita a posibilidade de ter máis descendencia.
O atraso na idade da maternidade -as españolas (30'9 anos) son, a carón das italianas (30'8) e das holandesas (30'6), as mulleres da UE que máis tarde teñen o seu primeiro fillo-, os problemas económicos, as dificultades para conciliar vida persoal e laboral, os matrimonios que cada vez duran menos, o individualismo e o aumento das familias monoparentais conseguiron en España o que en China custou 30 anos de medidas drásticas de control da natalidade. Segundo se desprende do Informe Evolución da Familia en Europa 2008, do Instituto de Política Familiar (IPF), a baixa natalidade en España, 1'39 fillos por muller (2007), é un dos índices máis baixos da Unión Europea, cun 1'5 de media, e está moi por baixo do nivel de substitución xeracional (2,1 fillos por muller).
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI