Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Analizadas 4 bandas de cera, 4 ceras e 4 cremas depilatorias: As bandas de cera son a opción máis barata para depilarse na casa

Depilarse do xeonllo ao nocello con ceras de depilación custa, de media, o dobre que facelo con bandas ou con cremas depilatorias. A depilación definitiva esixe un desembolso mínimo de 600 euros, equivalente a 5 anos de depilación á cera nun centro estético

 Os homes prehistóricos empregaban navallas de ferro e cobre, as mulleres exipcias valíanse de ceras fabricadas con azucre e os gregos usaban pedra pómez. Distintos medios para un mesmo fin: cortar o pelo ou a lanuxe. A Humanidade buscou dende os seus albores métodos para facer desaparecer a parte visible do pelo. A industria médica e cosmética conseguiu crear sistemas de eliminación do cabelo máis duradeiros (fotodepilación, depilación eléctrica, láser...) e avanzou na creación de ceras frías e semifrías boas de aplicar, aínda que non deu acabado coa dor que produce arrincar o pelo dende a súa vulva ou papila pilosa.

CONSUMER EROSKI analizou tres sistemas de depilación das marcas Veet, Taky, Byly e Daen: bandas depilatorias, cera de depilación e cremas depilatorias. Ademais, preguntouse o prezo dunha sesión de depilación á cera en tres salóns de beleza e visitáronse 30 centros estéticos e médicos para coñecer as tarifas por fotodepilación con luz pulsada e depilación láser. Para quen opte por se depilar na casa, a opción máis barata son as bandas, xa que depilarse do xeonllo ao nocello custa 1,75 euros con este sistema fronte aos 3,60 euros que custa facelo con ceras. As cremas teñen un prezo intermedio, 3,28 euros, pero a duración do depilado é menor, xa que non arrincan o pelo de raíz. Entre as cremas e ceras a mellor relación calidade-prezo foi Byly e nas bandas depilatorias sobresaíu Daen. A depilación duradeira esixe un desembolso superior aos 600 euros no caso da fotodepilación e próximo aos 1.000 euros se se opta polo láser, pero é unha opción interesante para os quen se depilan a miúdo á cera nun salón de beleza, xa que o investimento amortízase en tan só 5 anos.

Bandas: a opción máis barata

As bandas son "ceras frías", que non requiren quecer para a súa utilización. Debido á súa consistencia semisólida mantéñense estables dentro do seu envase orixinal dúas láminas flexibles que se adhiren á pel e que arrincan a lanuxe de raíz ao tirar delas. É o método de depilación caseiro máis económico xa que, de media, depilar medias pernas con bandas de cera fría custa 1,75 euros e tan só 1 euro se se utilizan bandas depilatorias Daen. Todas as mostras inclúen dúas toalliñas post depilación, tres no caso de Veet (a terceira de regalo). Ademais, Daen ofrece unha toalliña retardante e Taky dúas toalliñas predepilación.

Byly foi a banda con maior lonxitude de cera (14,8 centímetros, dous máis ca a media), mentres que Daen resultou ser máis ancha (6,6 centímetros, fronte á media de 5,9 centímetros). Byly tiña maior superficie de cera (78,4 centímetros cadrados) e maior gramaxe de cera (235,9 gramos/cm2), é dicir maior cantidade de cera por área de pel e polo tanto, maior eficacia. Na proba de uso non se rexistraron diferenzas significativas, as notas movéronse entre o 6,4 de Veet e o 6 de Daen e Byly. A mellor relación calidade-prezo foi para Daen, a máis barata en prezo por banda e sesión, a máis ancha, a segunda con maior superficie de cera e a única que ofrecía toalliñas retardantes.

Ceras: mellor con rolo

As ceras de depilar son produtos químicos de aspecto similar á cera de abella, que se aplican quentes sobre a pel, abren os poros e facilitan a extracción do cabelo mediante un tirón enérxico. Na proba con 30 consumidoras concluíuse que se trata do método de depilación doméstico máis caro: depilarse dende o nocello ao xeonllo custa de media 3,60 euros. Así e todo, as diferenzas de prezo entre as marcas son salientables (con Daen custa 1,63 euros e con Taky 5,89 euros). En todo caso, depilarse na casa é tres veces máis barato que facelo nun salón de beleza, onde se cobra de media algo máis de 14 euros.

En todos os casos a etiquetaxe foi correcta, aínda que Bily ao chocolate e Taky froitos vermellos teñen unha etiquetaxe que se asemella a produtos de alimentación e podería resultar atraente para os nenos. Daen indica na etiquetaxe que inclúe unha toalliña que atrasa a aparición da lanuxe, pero algunhas das unidades adquiridas para realizar a comparativa carecían dela.

A cera Taky retírase da pel tirando directamente dela, mentres que as outras tres inclúen bandas de tecido que se poden aplicar sobre a cera estendida para retirala. Daen e Byly foron ben valoradas na proba de uso porque teñen un rolo ou sistema de aplicador roll-on que axuda a estender o produto sobre a pel.

Byly, Daen e Veet son ceras mornas, xa que os seus ingredientes principais, a sacarosa e a glicosa, se funden a baixa temperatura. Ademais, son solubles en auga e polo tanto elimínanse da pel e pódense reutilizar con máis facilidade. Taky, non obstante, utiliza unha base de resina que non amolece ata que non alcanza os 55 ºC, os seus compostos non son solubles en auga (polo que resulta máis complicado limpalos) e é a referencia máis viscosa. Ademais, como non é un produto con base acuosa non se puido determinar o seu pH. Nas outras tres referencias, este foi máis ácido que o da pel sa (5,5). Finalmente, Taky foi a referencia con máis extracto seco (maior porcentaxe de ingredientes activos), aínda que todos amosaron porcentaxes moi elevadas, superiores ao 90%.

Na proba de uso non houbo diferenzas significativas e aínda que Taky obtivo a mellor cualificación (7,1 sobre 9), o galardón de mellor relación calidade-prezo foi para Byly. É o máis económico dos catro, resulta doado de aplicar e obtivo unha boa cualificación por parte das consumidoras (6,3 puntos sobre 9).

Cremas: depilación química

As cremas depilatorias eliminan a parte visible do pelo grazas á acción do ácido tioglicólico e a un pH moi superior ao da pel sa que hidrata a lanuxe rapidamente e a rompe. A súa vantaxe fronte ao rasurado é que evitan calquera perigo de cortes ou de abrasión da pel en zonas como as axilas, onde é difícil guiar a máquina de afeitar ou a coitela, aínda que convén aplicalas sobre a pel seguindo estritamente os tempos establecidos polo fabricante, xa que unha exposición máis longa a un produto tan alcalino (teñen un pH próximo ou superior a 12) podería danar a pel.

De media, depilarse as dúas medias pernas cunha crema custa 3,28 euros, a segunda opción máis barata para se depilar na casa despois das bandas depilatorias. A crema máis barata foi Byly (1,86 euros por sesión), que mereceu, ademais, o galardón de mellor relación calidade-prezo. Byly foi a referencia con máis tioglicolatos (4,2%) e, xunto con Veet, a de maior extracto seco, é dicir, maior contido de ingredientes e menos auga. Ademais, Byly destacou tamén como a menos viscosa e a de menor pH. Na proba de uso, non obstante, só obtivo 5,2 puntos sobre 9.

Canto se tarda en amortizar a depilación definitiva?

Quen ansía unha solución para se librar da lanuxe para sempre pode recorrer á depilación eléctrica ou, se opta por unha tecnoloxía máis avanzada e menos dolorosa, á depilación con láser ou luz pulsada (un feixe de luz policromático similar ao láser e co que se obteñen idénticos resultados). Trátase de métodos que requiren un notable desembolso económico: uns 600 euros custa a fotodepilación nun centro estético sempre tendo en conta que se trata da tarifa mínima e que poden ser necesarias máis sesións. Se se opta por un centro médico, o mínimo que hai que aboar son 757 euros e, no caso da depilación láser, uns 900 euros nun centro estético e arredor de 1.000 nun centro médico. Con estas tarifas, pode estimarse que unha persoa que se depila na casa con bandas amortizaría o seu investimento, aproximadamente, en 41 anos, mentres que lle abondarían 20 anos se utilizase ceras e 11 se se depilase con cremas. A quen se depile habitualmente con cera nun centro estético abondaralle 5 anos para amortizar o que custa esquecer a depilación para sempre.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto