Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Sete xeados, catro de chocolate e tres de stracciatella: Poderían ser máis saudables: achegan moitas calorías e graxa saturada

Son nutritivos, saborosos e refrescantes pero, por mor do seu contido en graxa e azucres, resultan máis caloríficos ca outras sobremesas lácteas. E a súa graxa é maioritariamente saturada, a menos saudable

  Os xeados de chocolate e de stracciatella (de nata con cachos de chocolate) están ben elaborados, véndense en correcto estado hixiénico-sanitario, carecen de ingredientes transxénicos, cumpren as normas de calidade e están ben etiquetados.

Os seus ingredientes fundamentais son leite, azucre, graxas vexetais, manteiga e pasta de cacao, emulxentes, espesantes, estabilizadores e aromas. No xeado, o pracer que proporciona o seu consumo ten un protagonismo superior ao doutros alimentos. De aí a importancia das súas características organolépticas (sabor, textura, olor, cor) que neste caso se comprobaron moi diferentes e nada ou pouco relacionadas co prezo do xeado. Pero os xeados non son unha lambetada refrescante, senón un alimento de gran valor nutritivo: achegan graxa, proteínas e hidratos de carbono en cantidade significativa.

Moderación no consumo

Deben ser consumidos con moderación, por dúas razóns. Unha é a súa achega enerxética: nos de chocolate e stracciatella o máis común é que sexa dunhas 210 calorías cada cen gramos, pero hainos de 150 (os sen azucre) e de máis de 260 calorías cada cen gramos (os de máis graxa). A achega calorífica dos xeados é moi superior á doutras sobremesas lácteas doces, como iogures, flans, arroz con leite ou batido de cacao, todos eles con preto de 100 calorías cada cen gramos. A outra razón para non se exceder no consumo destes xeados é que a maioría da súa -por outra parte, abundante- graxa é saturada, a menos saudable. Ademais, o seu gran contido en azucres convérteos en inadecuados para persoas con diabete, obesidade ou hipertrigliceridemia. Ademais, a adición de leite e derivados fai que os xeados estean contraindicados para quen sofre intolerancia á lactosa ou alerxia á caseína (proteína do leite). O xeado pode conter tamén ovo ou froitos secos (quen teña intolerancia a estes ingredientes debe evitalos) e aditivos espesantes que poden ser amidóns de trigo, polo que os celíacos deben permanecer alerta.

Estas son as conclusións xerais da análise comparativa e cata (diferenciada para cada tipo de xeado) á que foron sometidas 4 mostras de xeado de chocolate e 3 de stracciatella, as sete con cachiños de chocolate.

Dúas, ambas as dúas de chocolate, son distintas das demais: Ben & Jerry´s adquiriuse a granel nunha xeadería (o seu envase non ten denominación de venda nin lista de ingredientes) e Häagen Dazs é un "xeado de crema" (ten como mínimo un 8% de materia graxa, que debe ser láctea, e un mínimo do 2,5% de proteínas, tamén de orixe láctea), mentres que os outros cinco son simplemente "xeado", polo que, atendendo á lexislación, terán polo menos un 5% de graxa, que pode non ser láctea; e as súas proteínas -sen obriga dunha cantidade mínima- serán de orixe láctea. No "xeado de crema" o ingrediente principal é a nata, mentres que os outros seis, os "xeados", empregan fundamentalmente graxas vexetais, se ben algúns incorporan outras graxas: manteiga de cacao e manteiga.

A normativa establece, para os xeados, estoutras denominacións:

  • Xeado de leite: como mínimo, un 2,5% de materia graxa láctea e un 6% de extracto seco magro lácteo.
  • Xeado de leite desnatado: como máximo, un 0,30% de materia graxa láctea; e polo menos un 6% de extracto seco magro lácteo.
  • Xeado de auga: como mínimo, un 12% de extracto seco total.
  • Sorbete: polo menos, un 15% de froitas e un 20% de extracto seco total.

O xeado con menos aditivos, e neste sentido o máis natural, é o de Häagen Dazs. Presenta tamén o perfil lipídico máis saudable (a súa proporción de graxa saturada é a menor, o 67%), se ben a súa grande cantidade de graxa (a maior, o 20% do produto é graxa) relativiza esta virtude, xa que a súa cantidade total de graxa saturada (13 g/100 g) é a maior das sete mostras. Continuando con Häagen Dazs, as súas superiores calidade e prezo (sae a 12,28 euros o litro, máis do triplo ca La Lechera e o dobre ca Carte D´Or) non se ven correspondidas cunhas superiores cualificacións na cata: foi precisamente este o xeado de chocolate peor cualificado na análise sensorial. Mentres que o máis barato (sae a 3,35 euros o litro), La Lechera de chocolate, resultou un dos mellores na cata, o que unido a que é o menos graxo e o menos calorífico o fai merecente do galardón de mellor relación calidade-prezo entre os de chocolate.

Nos de stracciatella, o elixido é Carte D´Or, o mellor na cata e o máis barato (4,55 euros/litro), se ben as diferenzas de prezo foron pouco importantes.

Proteínas, graxa, azucres...

A auga é o compoñente maioritaria dos xeados, supón de media un 54% do produto. O de máis humidade é Royne (66%) e o de menos, Häagen Dazs (45%). Tamén abunda a graxa: de media representa o 11%, pero alcanza o 20% en Häagen Dazs e queda en menos do 8% no de chocolate de La Lechera e nos de stracciatella de Royne e de Carte D´Or. Esta graxa provén fundamentalmente da graxa vexetal, da manteiga de cacao e do leite desnatado, pero tamén da manteiga e do ovo, aínda que hai xeados que non conteñen estes dous últimos ingredientes. Häagen Dazs é o único xeado de crema, polo que a maior parte da súa graxa provén da nata. Máis xenerosa aínda é a presenza de hidratos de carbono, na súa maioría azucres engadidos para proporcionarlles aos xeados o seu sabor doce característico. Estes azucres representan de media o 23%, se ben a galla vai dende o 7% de Royne (usa edulcorantes en lugar de azucre) ata o 28% de La Lechera e o 35% de Carte D´Or, ambos os dous de stracciatella; o resto teñen entre o 20% e o 25% de azucres. O frío diminúe a percepción dos sabores e produce un efémero adormecemento das papilas gustativas; velaquí o motivo polo que se emprega tanto azucre na elaboración de xeados. Outros produtos lácteos igualmente doces pero non conxelados, como o arroz con leite (16% de azucre), a crema catalá (14%), o flan de vainilla (15%), o batido de cacao (11%) ou as cremas (10%) conteñen menos azucre ca os xeados.

Tamén é importante o contido en proteínas (entre o 3% e o 5,5%; os que máis, Häagen Dazs e Ben & Jerry´s), de alto valor biolóxico e que deben ser obrigatoriamente de orixe láctea. Todas as mostras cumpren o que a norma establece no tocante ás cantidades e orixe da graxa e proteína destes xeados. Para rematar, entre os minerais e vitaminas destes xeados destacan o calcio e o fósforo e as vitaminas B1, B2, B3, A e D.

En termos de achega enerxética, non é o mesmo consumir un ou outro xeado: entre estes sete hai un que só achega 148 calorías cada cen gramos (substitúe o azucre por edulcorantes), mentres que outro (Häagen Dazs chocolate) supera as 300 calorías e un terceiro (Ben & Jerry´s chocolate) chega ás 265 calorías. Os catro restantes proporcionan arredor de 210 calorías cada cen gramos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto