Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Testamento vital: As instrucións máis difíciles

Calquera persoa pode deixar escrita a súa vontade de aceptar ou rexeitar un tratamento médico en caso dunha enfermidade irreversible

  Nada é tan valioso como a vida, por iso custa tanto imaxinar e, máis aínda, decidir a través de terceiros, o seu final en situacións extremas. Non obstante, os lexisladores si pensaron niso e estableceron un conxunto de normas para regular unha situación que non deixa a ninguén indiferente. O Convenio do Consello de Europa sobre os dereitos do home e a biomedicina entrou en vigor en España o 1 de xaneiro do 2000. Con carácter xurídico vinculante, a súa especial valía reside no establecemento dun marco común para a protección dos dereitos humanos e a dignidade humana na aplicación da bioloxía e a medicina. O Convenio recolle a necesidade de recoñecer os dereitos dos pacientes, entre os que destaca o dereito á información, o consentimento informado e a intimidade da información relativa á saúde das persoas. Así se pronuncia a Lei de autonomía do paciente do 2002, en virtude da cal toda actuación no ámbito da sanidade require, con carácter xeral, o previo consentimento dos pacientes.

Tales principios de autonomía e dignidade permiten que, en situacións extremas, persoas con enfermidades graves de difícil curación, segundo a Declaración sobre a eutanasia da Sociedade Española de Coidados Paliativos do ano 2002, poidan optar polos tratamentos que se consideren proporcionados e poidan rexeitar de xeito responsable os medios excepcionais, desproporcionados ou alternativas terapéuticas con dubidosas probabilidades de éxito. Esta actitude do paciente debe ser respectada e non pode confundirse cunha conduta suicida ou coa eutanasia.

Pero que acontece cando o estado de saúde do paciente non permite outorgar o seu consentimento ao tratamento? O consentimento, que debe obterse despois de que o paciente reciba unha información axeitada, debe de ser libre e voluntario, salvo que o paciente, segundo o criterio do médico, non sexa capaz de tomar decisións ou o seu estado físico ou psíquico non lle permita facerse cargo da súa situación.

Se o enfermo non pode tomar decisións, quen decide?

  Neste caso, o consentimento prestarano as persoas vinculadas a el por razóns familiares ou relacións de feito. Farano de acordo ás circunstancias, sempre en favor do paciente e con respecto á súa dignidade persoal.

Os médicos non poden decidir sen o consentimento do paciente?

A Lei é clara: o consentimento do paciente debe constar por escrito no correspondente documento de consentimento informado. Aínda así, os facultativos poden executar as intervencións clínicas indispensables para mellorar a saúde do paciente sen necesidade de contar co seu permiso en dous supostos:

 

  • Cando hai un risco para a saúde pública. Non obstante, sempre que se dispoña o internamento obrigatorio de persoas, débeselle comunicar á autoridade xudicial no prazo máximo de 24 horas.
  • Cando se diagnostica un risco inmediato e grave para a integridade física ou psíquica do enfermo e non é posible conseguir a súa autorización. En todo caso, deberán ser consultados, cando as circunstancias o permitan, os seus familiares ou as persoas vinculadas de feito a el.

A familia pódese manter á marxe e non tomar ningunha decisión? Pódeselle evitar á familia a carga de decidir?

Si, sempre que se desexe. Para iso hai que elaborar un documento de instrucións previas ou anticipadas dirixido ao médico responsable. Recorrerase a el cando o paciente sexa obxecto de intervención e se mostre incapacitado para expresar o seu consentimento

Que é o Testamento Vital?

Identifícase co que a Lei de autonomía do paciente denomina como Instrucións Previas. É un documento de planificación polo que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e o tratamento da súa saúde, co obxecto de que esta se cumpra no momento en que non sexa capaz de expresala, ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo ou dos seus órganos. O titular do documento pode designar, ademais, un representante para que, chegado o caso, sirva como interlocutor co médico ou co equipo sanitario co fin de procurar o cumprimento das instrucións previas. As comunidades autónomas tamén lexislaron esta vía e incorporan as súas propias definicións.

Pódese optar pola eutanasia neste documento?

Non se poden ter en conta vontades anticipadas que incorporen previsións contrarias ao ordenamento xurídico ou á boa práctica clínica, nin as que non se correspondan co manifestado. A eutanasia está penalizada. Non obstante, a web da Asociación Morrer Dignamente inclúe un formulario de testamento vital coa seguinte declaración de intencións: "Se daquela a lexislación regula o dereito a morrer con dignidade mediante eutanasia activa, é a miña vontade evitar todo tipo de sufrimento e morrer de maneira rápida e indolora de acordo coa lex artis ad hoc".

Cal pode ser o seu contido?

No documento reflíctense os propios valores persoais, o alivio da dor e do sufrimento e mais o tratamento na última fase da vida, a limitación do esforzo terapéutico e a renuncia a técnicas de soporte vital ou a intervencións cando o estado do paciente sexa irreversible, irrecuperable ou terminal. As persoas optan, en xeral, polos coidados paliativos sempre que non supoñan prolongar unha situación de agonía. Tamén se aborda a doazón de órganos.

Unha vez realizado, podo cambiar de opinión?

As instrucións pódense revogar libremente en calquera momento sempre que se deixe constancia de novo por escrito.

Hai que ir ao notario?

No tocante á forma, estes desexos sempre se deben reflectir por escrito. E en canto ao outorgamento, hai que respectar a normativa de cada comunidade autónoma. En xeral, pódese outorgar ante notario, pero tamén ante testemuñas e ante o Rexistro de Vontades anticipadas ou persoal da Administración. A normativa catalá, a primeira, permite optar entre dúas modalidades de outorgamento. A primeira, ante notario, sen necesidade de testemuñas. A segunda modalidade de outorgamento posible é ante tres testemuñas maiores de idade e con plena capacidade, das cales dúas como mínimo non deben ter relación de parentesco ata o segundo grao co outorgante nin vinculación patrimonial.

E despois?

Inscribiranse nos correspondentes Rexistros autonómicos de Vontades anticipadas. Unha vez realizada esta inscrición, os responsables deberán comunicalo ao Rexistro Nacional, regulado por Real Decreto 124/2007, por vía telemática no prazo dunha semana.

Nas comunidades autónomas que aínda non regularan o procedemento de inscrición das instrucións previas, os interesados deberanllas entregar á autoridade sanitaria da súa comunidade autónoma que, á súa vez, as remitirá ao Rexistro Nacional para a súa inscrición provisional.

O Rexistro Nacional serve para garantir que o documento de instrucións, con independencia do lugar no que se formalizase, poida ser coñecido en todo o territorio nacional polos profesionais da saúde aos que no seu momento corresponda a asistencia sanitaria do paciente.

Con cantas copias do testamento se debe contar?

Aconséllase contar con varias copias do documento: unha para o médico de cabeceira, outra para o especialista, unha terceira para os rexistros autonómicos, unha cuarta para un representante que se encargue de perseguir que se cumpra, e outra para un mesmo.

Hai formularios xa redactados?

Aínda que hai varios formularios, non é necesario cinguirse a un. Destaca o da Asociación Dereito a Morrer Dignamente ou o posto a disposición pola Igrexa católica española, que foi a pioneira, divulgando en 1989 un borrador para que os católicos puidesen renunciar ao encarnizamento terapéutico.

Que acontece cando un paciente ou a súa familia non aceptan o tratamento prescrito polos servizos médicos?

Cando un paciente ou a súa familia non acepta o tratamento prescrito, a Lei di que se lle proporá ao paciente ou usuario a sinatura da alta voluntaria. Se non se asina, a dirección do centro sanitario, por proposta do médico responsable, poderá dispor a alta forzosa nas condicións reguladas pola Lei. Pero o rexeitamento ao tratamento prescrito non dá lugar á alta forzosa cando haxa tratamentos alternativos, aínda que teñan carácter paliativo, sempre que os preste o centro sanitario e o paciente acepte recibilos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto