Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Gozar da natureza na cidade: Natureza urbana

As iniciativas que propoñen un contacto coa natureza urbana son cada vez máis numerosas e divertidas

  'Ecosafaris' ao lado de estacións de autobuses, quilómetros de carril bici que bordean fábricas, observatorios de especies de fauna e flora locais a poucos quilómetros da oficina, mantemento de hortas nas azoteas... As cidades brindan cada vez máis oportunidades para manter un contacto coa natureza a poucos metros da casa e do traballo e ofrecen maiores posibilidades para gozar do medio natural nos núcleos urbanos. A ecuación é simple: cantos máis espazos e actividades de natureza urbana, maior calidade de vida para todos.

Nestes momentos, a maioría da poboación é urbana. Sirva como exemplo un dato: máis do 80% dos europeos habita nas cidades. Por iso aumentan as iniciativas que perseguen un contacto co medio natural sen saír da cidade, algunhas delas moi curiosas. O programa "Biodivercidade", do Instituto Jane Goodall en España, propón diversos 'ecosafaris' e obradoiros nos que se explican feitos sorprendentes sobre a biodiversidade urbana e se conciencia da necesidade de protexer a natureza. Durante o curso 2009-2010, estas actividades de carácter gratuíto e dirixidas ás familias e escolas e mais aos cidadáns particulares desenvolveranse en Madrid, Barcelona e Lleida con programas tan rechamantes como "Bicivoadores", "O coro dos anfibios", "CSI fauna nocturna", "Percorrido a través dos sentidos", ou "Viaxe a través do tempo". A web do programa (www.biodiverciudad.org) explica os detalles e como apuntarse.

Para os amantes dos paxaros, a organización SEO/BirdLife tamén organiza actividades urbanas. Entre elas, a observación e identificación de aves, unha afección que levanta paixóns nos países anglosaxóns, a construción de comedores para aves, a alimentación de aves de xardín, ou o coidado de pitiños orfos.

Máis novidoso é o programa Vías Verdes, centrado na rehabilitación ecolóxica de infraestruturas e liñas ferroviarias sen servizo para se usaren a pé ou en bicicleta. Cando discorren polas zonas urbanas convértense, ademais, nun sistema de desprazamento alternativo entre a periferia e o centro da cidade. Na actualidade hai 70 vías verdes repartidas por toda España, cun percorrido de 1.700 quilómetros. Os seus responsables, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM), o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), RENFE e FEVE ofrecen máis información na súa web oficial (www.viasverdes.com).

Centros de educación ambiental

  Entre todas estas propostas destacan os centros de educación ambiental (CEA). Son lugares de encontro para coñecer mellor a natureza e para protexela día a día e España conta con máis de 700, entre eles, Granxas-Escola, Aulas da Natureza, Centros de Interpretación, Casas do Parque ou Ecomuseos. Todas as comunidades autónomas contan, ademais, con polo menos un xardín botánico no que se catalogan cientificamente plantas vivas locais e exóticas e onde se protexen especies en risco de extinción. Os seus responsables desenvolven actividades de investigación para científicos e outras educativas á disposición de todos os cidadáns. Os zoolóxicos tamén cumpren un papel educativo e de conservación importante, aínda que os máis deles deben mellorar as súas instalacións.

En calquera caso, os CEA ofrecen en xeral unha gran variedade de actividades e de proxectos educativos destinados tanto aos escolares, nenos e mozos, como ao público adulto. Para localizalos, o máis conveniente é acudir ao Concello correspondente, xa que gardan un rexistro de todos eles.

Participación ambiental activa

Por outra banda, as organizacións ambientalistas e as institucións propoñen cada vez máis accións de voluntariado ambiental nos ámbitos urbanos ou limítrofes e non só nos grandes espazos naturais. Os interesados pódense dirixir a ONG ambientais como WWF, Ecoloxistas en Acción, SEO/BirdLife, Acciónatura, Fundación Global Nature, Fundación Osíxeno e Fundación Máis Árbores que impulsan actividades de participación cidadá a nivel estatal, provincial ou local. Tampouco faltan actividades de carácter público. O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM), amais dos seus programas de educación ambiental, impulsa diversas iniciativas, como o Programa de Voluntariado en Ríos, que trata de solicitar a colaboración dos cidadáns para recuperar estes ecosistemas fluviais danados en boa parte do seu percorrido.

Para coñecer a oferta actual destas organizacións e institucións, o máis conveniente é facer un primeiro contacto cunha das súas oficinas locais. Colaborar con elas é un xeito de contribuír a conservar e a recuperar espazos naturais que non reciben a miúdo recursos abondos, amais dunha maneira de se sentir útil de coñecer persoas comprometidas coa conservación da natureza.

Precisamente, utilidade e compromiso ambiental definen a creación das hortas urbanas nas urbes españolas. Amais de cultivar produtos naturais para autoconsumo, os cidadáns entran en contacto coa natureza dun xeito lúdico e dende o respecto polo medio. Esta práctica permite tirar un gran rendemento a partir de pequenos terreos: un soar en desuso, un balcón, unha terraza ou unha azotea pódense tornar un verxel cun chisco de tempo, paciencia e cunha pouca información básica. Entre os seus defensores destacan os "localtarianos", que salientan as vantaxes para a natureza, a saúde e a economía de consumir alimentos locais e de tempada.

Zonas verdes urbanas: un percorrido máis ca recomendable

Os lugares máis visitados para gozar dunha "eco-excursión urbana" son os xardíns e os parques, sen esquecer os espazos naturais periurbanos (limítrofes á cidade). Se ben os cidadáns coñecen, en xeral, a súa situación, sempre son conscientes da importancia de mantelos en bo estado e, no posible, de ampliar o seu tamaño.

As bondades destes espazos verdes son diversas:

 

  • Combaten o cambio climático, xa que a súa flora retén o dióxido de carbono (CO2)
  • Reducen a contaminación acústica e lumínica
  • Purifican o aire, o solo e a auga
  • Estabilizan o microclima das cidades
  • Protexen o solo da erosión
  • Albergan un patrimonio natural e cultural
  • Ofrecen produtos agrícolas e silvícolas de calidade
  • Constitúen un contorno saudable para o deporte e o lecer
  • Permítenlles aos cidadáns manter un contacto próximo coa natureza.

A pesar diso, os expertos lémbrannos as presións que poñen en perigo a súa conservación, como o desenvolvemento urbanístico mal planificado, a construción de infraestruturas, a transformación artificial do contorno ou un uso inadecuado dos seus recursos naturais. O labor cidadán é determinante para conservar estes espazos. Son eles os que deben usalos de maneira respectuosa e esixirlles ás institucións locais ou autonómicas a posta en marcha de plans de conservación que eviten as posibles ameazas.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto