Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Ben utilizado, o deporte contribúe ao desenvolvemento psicolóxico e social de nenos e adolescentes
Mentres que os adultos atopan no deporte unha vía para controlar o peso e un xeito de manter unha vida saudable, para os rapaces e adolescentes o deporte en equipo pode ser un modo de socialización e integración. Practicado dun xeito san, o deporte facilita as relacións humanas nun contexto lúdico e permite aumentar a autoestima e a seguridade en un mesmo. Así e todo, pais e profesionais deben procurar que os mozos entendan esta práctica deportiva como un xogo e non como un sistema para fomentar a competitividade.
Os nenos que non destacan na escola polas súas habilidades de trato cos demais compañeiros poden atopar no deporte a oportunidade de se relacionaren con persoas diferentes nun contexto informal e divertido. Practicar exercicio en grupo facilita a relación entre os menores e a súa colaboración mutua para acadar un obxectivo común. Deste xeito ráchanse as barreiras de comunicación para moitos nenos e adolescentes introvertidos ou tímidos que non gozan da complicidade e aceptación dos seus compañeiros.
O exercicio pode ser moi beneficioso para os menores con problemas de confianza e malos resultados académicos. A actividade deportiva permítelles pór en práctica outras habilidades fóra do contexto escolar e desenvolverse nun contorno no que se senten en igualdade de condicións con respecto aos seus compañeiros.
Mediante o deporte mellórase a percepción de un mesmo cando se descobren calidades descoñecidas como resultado de practicalo día a día. Perfeccionadas as capacidades físicas, o menor gaña confianza, aínda que sexa nun terreo diferente ao rendemento intelectual. Ademais, ante os acertos deportivos, os pais teñen a oportunidade de reforzar a súa autoestima e aproveitar para aprenderlles a tolerar o erro e a derrota evitando o dramatismo e a perda de confianza. O deporte facilita que o cerebro estea máis activo, polo que axuda á concentración e, de xeito indirecto, a favorecer o rendemento escolar.
Os deportes en equipo fomentan valores educativos útiles para o desenvolvemento infantil-xuvenil. Sentirse parte dun grupo facilita o desenvolvemento de valores como a xenerosidade e o compañeirismo, á vez que permite aprender a compartir experiencias como a ledicia e a decepción cos compañeiros. Por iso, os nenos e adolescentes máis rebeldes e con dificultades para seguiren as normas atopan a oportunidade de fomentar a tolerancia á frustración ao se veren obrigados a ceder ante as indicacións dun líder -representado pola figura do adestrador- e a non actuar de xeito impulsiva segundo os seus desexos.
O deporte tamén fomenta a responsabilidade, xa que ensina a mellorar a partir dos propios erros, e os menores perciben que controlan a súa evolución como persoas. Ademais, seguir un horario de adestramento e cumprir cos compromisos deportivos -disciplina- tamén axuda.
Os adultos, tanto os pais como os adestradores, deben asegurarse de que o deporte inflúa de xeito positivo nos menores. Un aspecto que cómpre ter en conta, sobre todo cando se trata de deportes que implican competición, nos que o resultado pode xerar frustracións difíciles de asimilar para persoas moi noviñas. Pero non é o único elemento que se debe controlar. Débese constatar que o deporte elixido non fomente a discriminación. En numerosas ocasións, só destacan algúns dos integrantes do grupo e déixanse nun segundo lugar os que mostran menos habilidades. Esta é unha práctica prexudicial para quen sofre dunha baixa autoestima con respecto ao resto de compañeiros.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI