Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Documentarse antes de saír de casa, realizar un adestramento físico axeitado, cargar o indispensable e alimentarse ben durante a peregrinación son as claves para pasalo ben e chegar a Santiago en boas condicións
Coa chegada do verán, as corredoiras do Camiño de Santiago xa van espertando do seu letargo tras a Semana Santa e prepáranse para acoller milleiros de peregrinos. Os máis aventureiros aproveitarán os seus días de festa para preparar as cousiñas e encamiñarse cara a Santiago de Compostela, onde, segundo reza a tradición, xacen os restos do Apóstolo Santiago o Maior. Nestas vacacións non hai lugar para o luxo nin para o descanso físico. Non obstante, os interminables quilómetros transitados por peregrinos de todo o mundo constitúen o mellor remedio contra o estrés. Dende o achado do sepulcro, hai preto de 1.200 anos, millóns de peregrinos chegados dende todos os confíns da Terra acudiron á chamada do apóstolo a través dunha viaxe que, para os máis, acaba converténdose nunha busca interior e nunha experiencia para toda a vida. Lonxe de remitir, a afluencia de peregrinos, ben sexa a pé, en bicicleta ou dacabalo, non deixa de medrar. De acordo cos datos estatísticos que ofrece a oficina de acollida ao peregrino, no 2008 foron 125.141 as persoas - fronte ás 114.026 do 2007 - que recibiron a Compostela, o certificado que acredita que se realizaron, polo menos, os últimos 100 quilómetros a pé ou dacabalo ou os últimos 200 en bicicleta. O Camiño de Santiago, ademais, prepárase para a afluencia masiva do ano 2010, último Ano Santo antes do 2021. Os dous últimos Anos Santos, 1999 e 2004, atraeron 154.613 e 179.944 peregrinos.
O Camiño Francés, que comeza en Saint Jean Pied de Port ou en Roncesvalles, é o máis transitado e cobre unha distancia próxima aos 800 quilómetros. Non é a única opción. O fervor xacobeo xerou ao longo da Historia distintas rutas que perviven ao paso do tempo polas que transitan cada ano máis peregrinos: a variante aragonesa do Camiño Francés, que parte dende o alto de Somport; o Camiño do Norte; o Camiño Primitivo; a Vía da Prata; o Camiño Sanabrés; o Camiño Portugués; o Camiño de Levante; o Camiño Catalán; o Camiño Vasco do Interior ou Vía de Baiona, etc.
O percorrido completo dunha das numerosas vías xacobeas non é tarefa doada e faise preciso un labor de documentación previo e un adestramento físico axeitado. Xa en marcha, unha correcta alimentación, o sentido común e a improvisación fronte aos contratempos fan o resto para que a viaxe sexa un éxito.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI