Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Analizados 4 ferros de pasar e 4 centros de pasada: Os centros de pasada só compensan coas grandes coadas

Os centros de pasada son tres veces máis caros e poden tardar ata 10 minutos en quecer. Máis liviáns ca os ferros cheos de auga, expulsan vapor durante máis tempo, pero só achegan valor diferencial con grandes cantidades de roupa

 Aínda que hai quen goza pasando o ferro mentres escoita a radio ou mira para a televisión, para a maioría é unha das tarefas máis ingratas do fogar. Hai máis de mil anos, os chineses xa premían os tecidos con tixolas cheas de carbón ben quente para alisalos e nas tumbas viquingas atopáronse pezas de vidro escuro ás que se lles atribúe a mesma función. Aínda que as ferramentas usadas evolucionaron moito, o proceso para alisar as engurras segue a ser o mesmo: aplicar calor para eliminar as unións entre os polímeros de cadea longa das fibras e premer cunha superficie lisa. En tecidos como o algodón, engádese auga para liberar as unións moleculares. A pasada ten, ademais, unha función hixiénica, dado que, grazas á calor, reduce a cantidade de microorganismos dos tecidos.

CONSUMER EROSKI analizou catro ferros de vapor e catro centros de pasada que custan dende os 19,92 euros do ferro de Ufesa ata os 177,20 euros do centro de pasada Delonghi. Os centros de pasada son, de media, case tres veces máis caros ca os ferros de pasar convencionais. Amais do prezo, distínguense deles en que teñen un xerador de vapor independente. Este depósito de auga autónomo ten máis capacidade ca o dos ferros convencionais e xera maior cantidade de vapor, o que pode facilitar a pasada. Non obstante, os centros de pasada tardan máis en quecer, polo que alcanzan as súas maiores cotas de eficacia cando hai grandes cantidades de roupa que alisar.

A 'mellor relación calidade-prezo' foi para o ferro Bosch Sensixx  Illnox. Custa 31,60 euros (o segundo máis barato), é o máis lixeiro de todos os ferros e só hai que agardar minuto e medio dende que se enchufa ata que comeza a liberar vapor. Entre os centros de pasada, sobresae Taurus: é o máis barato e o único de todo o comparativo que ofrece 12 meses de garantía adicional, amais dos dous anos obrigatorios por lei. Para os que desexen un resultado profesional para grandes cantidades de roupa e estean dispostos a gastar máis cartos, a opción máis interesante é o centro de pasada Di4 Jet Expresing Kappa. Custa 99 euros pero ten o ferro máis lixeiro e amosou unha boa temperatura de sola.

Peso e temperatura

O peso do ferro non é unha cuestión menor, xa que alisar a roupa leva tempo e cargar moito peso pode xerar molestias. Para determinar que referencia era a máis liviá durante a operación de pasada, enchéronse os ferros de auga e comparáronse cos centros de pasada. Comprobouse que os ferros, aínda que máis lixeiros baleiros, así que se enchen pesan case medio quilo máis ca os centros de pasada. O máis pesado foi Rowenta (1.735 gramos) e o máis livián Di4, con menos dun quilo de peso (940 gramos).

Canto maior sexa a temperatura da sola do ferro, máis sinxela será a operación de pasada, sempre dentro duns límites que eviten que se queime a roupa. A norma establece que tanto os ferros como os centros de pasada deben ter tres temperaturas de sola distintas sinaladas cos símbolos (* entre 70 ºC e 120 ºC para poliamidas e tecidos semellantes), (** entre 100 ºC e 160 ºC para poliéster e la, por exemplo) e (*** entre 140 ºC e 210 ºC para tecidos como o algodón ou o liño). As oito referencias analizadas cumpriron neste apartado.

Pero non só é importante a temperatura máxima que alcanza a sola, tamén convén que a calor se distribúa por toda a superficie. Para medir este extremo axustouse o termóstato a 150 ºC e calculouse a temperatura no punto máis quente, no punto medio, a 20 milímetros da punta da sola e a 20 milímetros do final da sola. Delonghi amosou unha maior homoxeneidade de temperatura e Bosch foi o máis irregular.

Duración do vapor

Os centros de pasada tardan, de media, cinco minutos máis ca os ferros de pasar en obter o caudal de vaporización óptimo que indica a norma. Valorouse positivamente o ferro Bosch, que só precisou 1 minuto e 29 segundos fronte aos máis de 10 minutos que tardou o centro de pasada Polti en expulsar vapor. Non obstante, unha vez quentes, os centros de pasada deron mantido o chorro de vapor durante moito máis tempo. Así, mentres o vapor de Bosch durou apenas dez minutos, o centro de pasada Delonghi mantivo o chorro durante 85 minutos. Por outra banda, o ferro que máis auga liberou con cada pulverización foi Rowenta (0,9 gramos por pulsación). Os centros de pasada non contan con esta opción, polo que convén usalos tendo preto un pulverizador cheo de auga.

Como contrapartida, os centros de pasada son, de media, un 14% máis rápidos ca os ferros convencionais. Dez consumidores alisaron unha camisa e un pantalón idénticos e cronometraron o que lles levaba ata que consideraron que estaban lisos. Entre a mellor e a peor referencia as diferenzas foron de máis dun minuto: co ferro de pasar de Rowenta tardaron 6 minutos e 36 segundos e co centro de pasada Delongui, 5 minutos e 21 segundos.

Seguridade eléctrica e etiquetaxe

Para comprobar que todos os centros de pasada e ferros de pasar cumprían coa norma de seguridade eléctrica curtocircuitouse o dispositivo de control de temperatura e en ningún aparello se observaron lapas, metal fundido, gas velenoso ou inflamable en cantidades perigosas (aínda que o ferro de Bosch quedou completamente inservible). Mediuse tamén a rixidez dieléctrica aplicando unha tensión de corrente alterna entre as terminais da batería. En todos os casos, o illamento evitou correntes perigosas. Os aparellos tamén superaron as probas de potencia e corrente, xa que a diferenza entre a potencia nominal e a consumida en ningún caso superou o 10%. Todos estaban ben construídos, coas partes amovibles ben fixadas, sen bordos cortantes ou afiados nin terminacións en punta e coas tomas de terra correctas. Ningún ferro queceu excesivamente durante o seu funcionamento e todos incluían unha placa cos datos obrigados pola norma (nome do fabricante e potencia nominal, entre outros), e o seu marcado demostrou a súa durabilidade (non se borrou despois de fregalo con auga e gasolina durante 15 segundos). Por outra banda, considerouse mellorable o manual de instrucións de Polti. A diferenza do resto, non incluía unha advertencia desaconsellándolles o seu uso a persoas con minusvalideces mentais, físicas ou sensoriais.

Proba de uso

Realizáronse dúas probas de uso, unha para ferros de pasar eléctricos e outra para centros de pasada, con dez usuarios que avaliaron os produtos. O ferro de pasar que máis gustou foi Rowenta (7,3 puntos), polo seu deseño e polo acabado da roupa alisada, e o que menos, Solac (6,3 puntos), catalogado como ergonómico pero con problemas para escorregar pola roupa. Os consumidores non apreciaron diferenzas entre pasar cun ferro ou cun centro de pasada, xa que as notas nestes aspectos foron case idénticas. Entre os centros de pasada, a peor nota foi para o modelo de Polti, con 5,9 puntos e a mellor para o de Di4, que obtivo 7,5 puntos e é a única referencia do comparativo cun ''moi ben'' en calidade final. Polti quedou nun mediocre 'mellorable' e a calidade de Ufesa e Solac considerouse 'suficiente', mentres que lograron un 'ben' os modelos analizados de Bosch, Rowenta, Taurus e Delonghi.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto