Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

A ortodoncia, máis cómoda e sen límite de idade: Sorrisos, nada aparatosos

Levar aparatos nos dentes para lucir un sorriso bonito xa non é patrimonio de nenos e adolescentes

  Un neno de 8 anos, unha moza de 20, un home de 34, outro de 43 e unha muller que supera os 50. Esta é a radiografía actual da sala de espera dun dentista. O diagnóstico é o mesmo para todos: dentes tortos cara a dentro, cara a fóra, desgastados, mandíbulas desencaixadas... O tratamento tamén é idéntico: ortodoncia. Esta elección, que ata hai ben poucos anos se cinguía sobre todo a nenos e mozos que case nunca superaban a maioría de idade, estendeuse entre unha poboación máis maior, ata o punto de que nos últimos cinco anos a ortodoncia en adultos se triplicou, de xeito que o 35% delas se realiza en pacientes maiores de 18 anos, principalmente en idades comprendidas entre os 25 e os 45 anos, segundo a Sociedade Española de Ortodoncia Invisible. O fin non é outro que lucir un sorriso bonito e unha boca saudable, por esta orde, tal e como revela a última enquisa realizada por esta organización (o 70% asegura que se sometería a un destes tratamentos para mellorar o aspecto do seu sorriso).

Non é unha cousa de idade

Os últimos avances tecnolóxicos fixeron posible a aplicación dos máis sofisticados tipos de ortodoncia sen límite de idade. Aínda que as máis das ortodoncias colocadas se concentran en persoas con idades comprendidas entre os 25 e os 45 anos, tamén hai quen con 50 e 60 anos recorre a elas. Malia que en moitos casos a idade apropiada para comezar o tratamento se sitúa entre os 12 e os 15 anos (cando a dentición xa é completa), débese visitar o ortodoncista por primeira vez a partir dos 7 anos, salvo que se detectara con anterioridade a esta idade un problema dental. O correcto desenvolvemento da boca depende de múltiples factores, como a alimentación, os hábitos e mais a herdanza xenética. Ante calquera problema dental que xurda durante a etapa de crecemento, só un tratamento precoz evitará danos irreversibles que poidan aparecer nun futuro.

  Este é, precisamente, un dos principais problemas aos que se enfrontan os adultos, xa que, finalizado o seu período de crecemento, é imposible mudar a forma, o tamaño dos ósos da boca e a parte inferior da cara. Tamén contribúen a empeorar a súa saúde dental os dentes perdidos dende hai moito tempo e as enfermidades localizadas nas enxivas como consecuencia doutros tratamentos dentais realizados no pasado. En definitiva, a maioría acode ao dentista coa intención de lucir unha dentadura ben encaixada, de amosar un sorriso atractivo e un rostro harmónico. Conseguilo non só recompensa cunha boa saúde dental e bucal, senón tamén psíquica, xa que medra a autoestima.

Aínda que as razóns estéticas son as que máis pesan na decisión de levar unha ortodoncia durante un longo tempo, non son as únicas que animan a elixir este tratamento. As técnicas ortodóncicas poden emendar problemas de saúde, como a patoloxía de mandíbula curta, que facilita a aparición do rouquén e da apnea do sono, amais de dificultar unha posible intubación orotraqueal. Nestes casos, está especialmente indicado realizar un alongamento mandibular combinando ortodoncia e cirurxía.

Por iso, acadar o correcto posicionamento dos dentes e unha boa función da boca pode ser máis complexo ca nos nenos e require o traballo coordinado do ortodoncista (dentista especializado na prevención, diagnóstico e tratamento das anomalías dos dentes e das estruturas que os rodean), do periodoncista (dentista especializado na prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades periodontais, como as das enxivas), do dentista e do cirurxián maxilofacial. Son, precisamente, os adultos os que máis recorren á colocación de aparatos estéticos máis discretos, mesmo invisibles, con respecto aos que se aplican nos nenos, o que require unha maior especialización e formación do ortodoncista.

Ortodoncia, para todos os gustos e carteiras

Os tipos de ortodoncia resúmense en dúas, a removible e mais a fixa

  1. Removible: Son aparatos de "quita e pon", xeralmente usados durante o crecemento do neno co fin de corrixir anomalías funcionais, esqueléticas ou hábitos en desenvolvemento. Estes aparatos son distintos de acordo á anomalía que sufra o menor.
  2. Fixa: É unha ortodoncia formada pola combinación de bráckets, elementos metálicos ou cerámicos pegados sobre os dentes e de arcos de metal que os atravesan.

Por outra banda, a ortodoncia pode ser visible -a clásica- ou invisible, a máis sofisticada e máis demandada polos adultos, xa que é imperceptible e acada os mesmos resultados ca a convencional. Posto que unha das maiores inquedanzas da poboación adulta ao se someter a un tratamento de ortodoncia é a estética, a carón da económica, deseguido enuméranse cales son as técnicas máis atractivas por ser as que pasan máis desapercibidas:

  • Os bráckets de cerámica. Translúcidos ou transparentes péganse á superficie exterior dos dentes e toman a súa cor, polo que apenas se notan. Non conteñen metal visible, aínda que os arcos de arame que os unen son metálicos. Tampouco interfiren na fala e o tempo de acomodación é curto. Combinan estética e eficiencia na corrección dental. Prezo: Os casos máis habituais custan entre 3.000 e 3.500 euros e os máis sinxelos entre 1.600 euros e 4.300 euros.
  • Invisaling. É unha técnica baseada en alienadores dentais (pequenas férulas que se colocan en determinados dentes), totalmente transparentes, de "quita e pon", que permiten de xeito progresivo colocar as pezas dentais na posición desexada. Este sistema non utiliza nin arames nin bráckets, faise á medida e é cómodo de levar. Prezo: Os máis sinxelos custan 2.500 euros e 6.500 os máis complexos. O tratamento máis habitual custa arredor de 5.500 euros.
  • A ortodoncia lingual. Trátase de aparatos que se fixan aos dentes pola súa cara interna, de xeito que están ocultos. Como parte deste tipo de ortodoncia atópase o sistema Incógnito, de última xeración, que supón un grande avance no campo da ortodoncia invisible. Prezo: Dende 3.000 euros ata 8.000 euros, pero os máis habituais custan arredor de 6.500 euros.

Incógnito lingual, un avance revolucionario

É a técnica que se desenvolveu máis axiña no tocante ao número de usuarios: durante o último ano máis do 200%. A innovación que achega céntrase, por un lado, na utilización de aparatos invisibles, xa que se pegan na parte interior dos dentes. Deste xeito, permite corrixir a colocación dos dentes cun axeitado funcionamento da boca, sen interferir nas actividades cotiás das persoas que os levan, non molestan e reducen a duración dos tratamentos de ortodoncia de xeito significativo.

Por outro lado, esta técnica permite realizar unha total individualización dos aparatos. Para iso, a partir dunha imaxe tridimensional virtual dixitalizada da boca do paciente, deséñanse os bráckets por ordenador para cada un dos dentes, ao igual ca os arcos de arame. Grazas a este sistema pódense facer perfís de aparatos tan finos que permiten un bo control de movemento dental e sen apenas molestar cando se fala (só interfiren na fala durante as dúas primeiras semanas), o que a distingue do resto de técnicas linguais.

Duración e resultados

Os avances realizados nos últimos dez anos permitiron unha redución considerable da duración dos tratamentos ortodóncicos. Agora os profesionais contan con aparatos de alta tecnoloxía, como arames con memoria -aos que se lles dá información que se expresa co tempo- e bráckets novos que utilizan un tipo de movemento dentario diferente, con forzas máis lixeiras, máis lenes, que mancan menos e que contribúen a que os dentes se movan máis rápido. Mediante esta nova tecnoloxía, a duración media dos tratamentos sitúase entre os 12 e os 18 meses, o que significa que estes progresos deron reducido este tempo en moitos casos a menos de un 50%.

Agora ben, os dentes pódense mover durante toda a vida, é algo fisiolóxico, polo que os ortodoncistas recomendan o uso dalgún tipo de retedor que os manteña na posición final do tratamento ortodóncico. Trátase de aparatos sinxelos que o paciente non nota sequera na boca. Nos tratamentos que se aplican nos nenos, recoméndase o uso de retedores durante varios anos, de acordo ao tipo de defecto previo, mentres que nos adultos a retención aconséllase de por vida.

Un investimento para toda a vida

Os prezos da ortodoncia difiren segundo o tipo elixido. Unha ortodoncia externa -clásica- custa arredor de 3.000 euros, mentres que as ortodoncias invisibles poden chegar aos 7.000. Estes tratamentos non están subvencionados pola Sanidade pública, aínda que algúns seguros privados cobren os tratamentos máis básicos.

Segundo o Informe Sorriso, elaborado pola Sociedade Española de Ortodoncia Invisible, considérase que un sorriso é bonito cando ao se separaren os beizos aparecen, nun contexto de simetría, uns dentes brancos, ben aliñados, nunha arcada dental ancha, con tamaños proporcionados e formas regulares e coas enxivas que os cobren á altura axeitada. Non obstante, o mal encaixe entre os dentes aparece nunha alta porcentaxe de bocas adultas, aínda que esta malformación pode darse a calquera idade e en diferentes magnitudes (dende unha ou dúas pezas que se saen da arcada ata cambios xerais na oclusión e na posición dental). Cos anos, case todas as arcadas dentais sofren alteracións negativas, tanto na forma de encaixar como na posición dos seus dentes. E uns dentes tortos e que encaixen mal entre eles acábanse desgastando máis á présa, o que favorece a aparición de enfermidades nas enxivas, hipotecando, co tempo, o bo funcionamento da boca.

Por outra banda e de xeito indirecto, comprobouse que a ortodoncia implica a prevención doutras enfermidades, xa que o paciente adquire unha disciplina de hixiene dental. Tende a coidar máis a boca e é menos proclive a sufrir problemas periodontais ou carie, de maneira que a ortodoncia é un modo de afianzar un coidado da boca exhaustivo e a longo prazo.

A imprescindible hixiene

A ortodoncia require unha sesión de hixiene exhaustiva cada noite. Os dentes, as enxivas e os aparatos deben cepillarse acotío durante polo menos tres minutos. Para eles, os cepillos interdentais resultan útiles para completar a limpeza entre os bráckets e o arco de ortodoncia. Tras as comidas, hai que realizar un cepillado rápido co fin de eliminar os posibles restos de alimentos. De xeito complementario, hai que se someter a unha sesión de hixiene profesional de xeito periódico que, combinada co repaso da hixiene que se realiza en moitas das visitas ao ortodoncista, axudará a manter os dentes limpos e as enxivas sas.

Na ortodoncia fixa interior lingual, a parte exterior dos dentes non require de ningún coidado extra. Débese dedicar todo o esforzo á cara interna dos dentes e orientar cara a esta parte o cepillo dental para que acceda á maioría da superficie dos bráckets e dos dentes. Ademais, convén saber que os aparatos de ortodoncia, se son metálicos, poden rexistrar algunha interferencia coa resonancia magnética, aínda que é escasa.

Lembre...

  •   A idade propicia para acudir ao ortodoncista é a partir dos 7 anos.
  • As técnicas actuais de ortodoncia permiten que o adulto poida someterse a un tratamento que non se ve, que non doe e que é curto na súa duración.
  • O ortodoncista é o especialista no tratamento das anomalías dos dentes e é el quen se debe coordinar co dentista xeral e co resto de especialistas.
  • Cun mantemento mínimo e sen causar molestia ningunha, os resultados obtidos coa ortodoncia poden permanecer invariables no tempo.
  • Os dentes pódense mover a calquera idade e un bo ortodoncista buscará a mellor solución coa tecnoloxía máis actual.
  • Os avances en ortodoncia permiten realizar os tratamentos en apenas un ano.

Fonte: Arturo Vela, vicepresidente da Sociedade Española de Ortodoncia Invisible


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto