Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Como afrontar a Declaración da Renda: Facenda non perdoa nin en crise

Aínda que as declaracións positivas hai que pagalas en prazo, sempre que o contribuínte demostre que se atopa nunha situación difícil, de paro de longa duración ou ante unha etapa de elevado endebedamento, a lexislación permite aprazar o pagamento por máis tempo

  Bálsamo ou agonía. Así conciben este ano os contribuíntes a súa cita anual para declarar todos os ingresos e movementos do patrimonio realizados no exercicio 2008. Para os que vaian recibir unha suculenta devolución, facer balance co fisco será a mellor terapia antiestrés e un bo xeito de liberar as tensións que crea a crise en moitos fogares. A outros, non obstante, a Axencia Tributaria amosaralles a súa cara máis amarga cando vexan que o resultado da súa Declaración é positivo e que deben pagar. En calquera caso, o momento actual demanda máis calma ca nunca á hora de cubrir e presentar a Declaración do IRPF. Tanto se sae a pagar como a devolver hai que volverse un avezado investigador que sexa quen de descubrir calquera erro no borrador ou nos datos fiscais que poida supor recibir un euro menos do que corresponde. Neste momento de naufraxio económica, Facenda ofrece unha serie de axudas que serán moi ben recibidas nos fogares máis afogados, polo que non está de máis telas en conta. Sirvan, como guía, os seguintes consellos:

Coidado co borrador:

Este ano, Facenda envioulles o borrador da Declaración a máis de seis millóns de contribuíntes. Todos eles, se así o desexan, poderán confirmar os datos e agardar a correspondente devolución ou o pagamento comprometido dende agora. Os borradores conteñen os datos máis importantes sobre os ingresos e movementos bancarios realizados polos cidadáns. Non obstante, poden conter omisións, sobre todo de deducións que supoñen un importante aforro no pagamento de impostos. O borrador pódese confirmar ata finais de xuño, pero o máis atinado non é dar o visto bo canto antes con tal de cobrar decontado (para este ano, a Axencia Tributaria acelerará as devolucións, un 85%, antes de agosto), senón de facelo ben. Hai que se asegurar de non deixar pasar por alto ningunha posible omisión.

Revisión de datos:

  Numerosos contribuíntes confirman os seus borradores así que os reciben. máis recibilos. Amosan unha confianza cega con Facenda e para evitaren romper a cabeza optan pola solución doada: confirmar os datos que ten a Axencia Tributaria e esquecer o IRPF. Non obstante, esta sinxela vía non ten por que ser sempre a máis rendible. De feito, confirmando sen revisar o borrador, o contribuínte pode estar a renunciar a suculentos recortes no pagamento de impostos. Por iso, convén revisar os documentos nos que figuran as retencións de pagamentos facilitadas polas empresas coas que o contribuínte manteña unha relación monetaria (adoitan chegar por correo ordinario).

Datos persoais:

Outra información que cómpre revisar nos borradores de Facenda son os datos persoais familiares, como os relativos ao número e idade dos fillos, que inflúen nas deducións por familia numerosa, o falecemento de membros familiares, etc. Unha información equivocada sobre o número de fillos nunha familia numerosa pode levar a perder importantes deducións, non só xerais senón tamén autonómicas.

Comprobar as deducións:

Unha vez verificados os datos, hai que revisar as deducións ás que se ten dereito. En moitos casos non están reflectidas nos datos dos borradores, co que convén non os confirmar para non perder o dereito á redución de impostos que implican.

Dedución por vivenda habitual:

A omisión máis frecuente que poden conter algúns borradores é a dedución dunha vivenda habitual, cunha desgravación que pode alcanzar os 900 euros no caso dunha hipoteca compartida por unha parella, matrimonio ou non, sempre que decidan realizar a declaración por separado. Os contribuíntes que residen en Biscaia, Álava ou Guipúscoa, en empréstitos destinados á adquisición ou á rehabilitación da vivenda habitual poden deducir, de maneira xeral, o 18% das cotas pagadas durante o ano (amortización máis xuros) co límite de máximo de dedución anual de 12.000 euros. No resto das comunidades, a dedución máxima é do 15% das cotas pagadas durante o ano (amortización máis xuros) cun límite de 9.015 euros.

Ademais, no primeiro ano no que se declara a compra dunha vivenda pódense deducir os gastos de escritura, notario e seguros subscritos, unha opción que non se inclúe nos borradores. De igual maneira, as deducións por ingresar cartos nunha conta aforro vivenda tampouco se recollen nestes documentos. De ser así, o contribuínte perdería a opción de gozar de desgravacións de ata 9.015 euros como máximo (en todas as comunidades agás no País Vasco). Outro dos erros máis comúns atópase nas referencias catastrais de garaxes vinculados á vivenda habitual que, en ocasións, se consideran outro inmoble e, en consecuencia, son mal tributados.

Dedución por alugueiro:

É habitual que no borrador da Declaración non figure a dedución por alugueiro, que, con carácter xeral, alcanza ata un 10% do achegado. Así, se se desembolsaron 10.000 euros durante todo o exercicio 2008 en concepto de alugueiro, tense dereito a unha redución de 1.000 euros.

Desgravación do aforro:

Outra desgravación que non sempre se reflicte nos borradores é a relacionada con achegas a plans de pensións e EPSV. Todos aqueles contribuíntes que realizaran ingresos nestes produtos de aforro a longo prazo ao longo do 2008 deben comprobar que os datos que contén o seu borrador son exactos. A redución de impostos derivada de subscribir e aforrar a través destes produtos é unha das máis avultadas. En concreto, no País Vasco, as persoas de ata 52 anos poden reducir da base impoñible xeral ata 8.000 euros anuais achegados a estes instrumentos. Os maiores de 52 anos poden gozar dunha redución da súa base impoñible de ata 8.000 euros anuais máis 1.250 euros por cada ano de idade que exceda de 52 anos. No territorio xeral, para os adultos de ata 50 anos a dedución será a menor das dúas cantidades seguintes: 10.000 euros anuais ou o 30% da suma dos rendementos netos do traballo e de actividades económicas percibidas individualmente no exercicio. Os maiores de 50 anos poden deducir ata 12.500 euros anuais ou o 50% da suma dos rendementos netos do traballo e das actividades económicas percibidas individualmente no exercicio.

Deducións autonómicas:

Numerosas comunidades autónomas incorporaron nos últimos meses deducións que, en ocasións, tampouco aparecen reflectidas nos borradores de Facenda. Axudas por alugueiro, para minusválidos, por facer achegas a ONG ou a outras institucións benéficas, por aboar cotas nun sindicato, por contribuír á mellora do medio natural, por contratar unha asistenta social... As deducións son moi numerosas e de moi diversa índole. Por iso hai que se informar sobre as axudas fiscais da comunidade autónoma na que se reside. Cada ano, ademais, as comunidades autónomas amplían estas axudas, polo que convén acudir a unha fonte fiable e oficial (por exemplo a unha delegación da Axencia Tributaria) para se informar con datos actualizados.

Contactar cun asesor:

Se se teñen dúbidas á hora de realizar a Declaración, o máis apropiado é solicitar unha cita co asesor da entidade bancaria da que se sexa cliente e na que se vaia entregar o IRPF cubrido debidamente. De modo gratuíto, as entidades poñen os seus asesores á disposición dos seus clientes para que estes se informen e aclaren todas as súas dúbidas. De igual xeito, na Axencia Tributaria tamén se pode pedir cita cun asesor fiscal, que axudará o titular a cubrir todos os documentos da Declaración de Facenda. Pódese pedir cita previa no teléfono da Axencia Tributaria 901 22 33 44 de luns a venres, de 9 a 21 horas, ata o 29 de xuño de 2009.

Solicitar un aprazamento do pagamento de impostos:

Os contribuíntes con Declaracións negativas poden pagar un 60% da débeda en xuño e o 40% restante en novembro sen aboar ningún tipo de penalización e, se a súa situación económica actual é crítica (longo tempo no paro, elevado endebedamento...), poden aprazar o pagamento durante máis tempo.

Este aprazamento, non obstante, supón a remuneración do xuro de mora polo tempo comprendido entre o día seguinte ao vencemento do prazo de ingreso en período voluntario e a data do vencemento do prazo concedido. O tipo actual de xuro de mora está fixado no 7%. É dicir, empresas e particulares deben aplicar este tipo cando lle devolven ao fisco a débeda aprazada. Así e todo, o Goberno, a petición de numerosos asesores fiscais, economistas e de diferentes asociacións, comunicou recentemente que estudará rebaixar o devandito xuro ata o 5%.

A solicitude de aprazamento do pagamento de impostos, xa sexa de IRPF ou de calquera outro gravame, realízase ante a Administración tributaria correspondente, acompañada dunha explicación das dificultades financeiras ou de tesourería polas que atravesa o contribuínte e do xeito en que lle pensa facer fronte ás devanditas débedas. En concreto, a solicitude debe incluír unha garantía, un aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca ou certificado de seguro de caución. Poden admitirse outras garantías se se xustifica que non é posible obter as anteriores ou solicitar a dispensa de garantías por contías inferiores a 6.000 euros e para outras cantidades maiores, sempre que se acrediten as circunstancias que xustifiquen esta petición.

Así que se presenta a solicitude hai que agardar unha notificación de Facenda na que a institución expresará se concede ou denega o aprazamento. Se se concede, Facenda establecerá tamén un calendario de pagamentos para aboar a débeda pendente, cos seus correspondentes xuros.

Como modificar ou rectificar o borrador de Renda

Cando o contribuínte desexe modificar o borrador pódeo facer a través destas vías:

  • Por Internet: www.agenciatributaria.es
  • Por teléfono (901 200 345)
  • Persoalmente nas oficinas da Axencia Tributaria
  • En entidades colaboradoras

Onde se pode confirmar o borrador da renda:

  • Por Internet: www.agenciatributaria.es
  • Por teléfono (VRU): a través do servizo automático do número 901 12 12 24
  • Por SMS: enviando unha mensaxe ao 5025 que poña o seguinte: Renta(espazo)número de xustificante do borrador (espazo)NIF. Se o borrador é de declaración conxunta engádese un espazo e o NIF do cónxuxe (esta canle só se pode empregar para borradores a devolver)
  • Por teléfono (falando cun operador): 901 200 345
  • En caixeiros automáticos: Das entidades financeiras que presten este servizo
  • Persoalmente, nas oficinas da Axencia Tributaria ou nas habilitadas polas comunidades autónomas

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto