Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A Lei de axuizamento civil prevé a posibilidade de reclamar no xulgado sen a necesidade de contratar un avogado e procurador, sempre que a débeda sexa inferior a 900 euros
Se non é polas boas, polas malas. E en termos legais, reclamar cartos polas malas é facelo nun xulgado. Nunha situación como a actual, marcada por unha crecente morosidade, o Consello Xeral do Poder Xudicial prevé para este ano que as execucións hipotecarias sufrirán aumentos do 234% e que os xuízos ordinarios se incrementarán nun 29% con respecto ao 2007. Estima, ademais, que os xuízos verbais aumentarán nun 5%, mentres que os monitorios, os máis numerosos entre os contenciosos civís, se incrementarán un 76%. Ante este panorama, non está de máis coñecer os procedementos previstos pola Lei para reclamar uns cartos adiantados no seu momento ou, pola contra, para saber como actuar ante a interposición dunha demanda por parte doutros. Nestas situacións non sempre é necesaria a contratación dun avogado e procurador.
O procedemento monitorio e o verbal. A Lei de axuizamento civil prevé a posibilidade de reclamar, sen necesidade de avogado e procurador a través do proceso monitorio, cantidades de ata 30.000 euros, sempre que se reúnan os requisitos e os documentos legalmente requiridos. Está regulado nos artigos 812 a 818 da Lei de axuizamento civil do 7 de xaneiro do 2000. A mesma norma recolle a vía do procedemento verbal para contías inferiores a 900 euros, sen necesidade de tales profesionais.
Ese é o obxectivo. Para iso pódense conseguir impresos e formularios na web do Consello Xeral do Poder Xudicial (http://www.poderjudicial.es/). Non obstante, e aínda que se inicie un procedemento monitorio sen avogado, sempre que o debedor se opoña, o procedemento converterase nun xuízo verbal ou ordinario no que o acredor si precisará a asistencia de avogado e procurador, salvo que a cantidade demandada sexa inferior a 900 euros.
Sempre que se cumpran os requisitos, é preferible optar polo monitorio, aínda que sempre pode finalizar nun xuízo verbal.
Un documento que recolla unha débeda monetaria vencida, esixible e líquida que debe ser inferior a 30.001 euros para que o procedemento se desenvolva sen avogado. Acompañarase de facturas, albarás de entrega, certificacións, telegramas, telefax e outros documentos que verifiquen os créditos e débedas. Nas comunidades de propietarios serven as certificacións de non pagamento das cantidades debidas en concepto de gastos comúns.
Se un acredor presenta unha petición inicial de procedemento monitorio e é admitida, o xulgado requirirá de pagamento ao debedor. Unha vez recibido este requirimento, o debedor pode pagar ou comparecer ante o xulgado, mediante un escrito de oposición no que alegue os motivos polos que considera que non debe esa cantidade, en todo ou en parte. Se a débeda é superior a 900 euros, deberase acudir canto antes a un avogado, salvo que decida pagar.
O debedor pode elaborar un escrito no que alegue non deber todo o reclamado, senón unha parte da cantidade solicitada.
Pasado o prazo de vinte días sen comparecer por escrito nin pagar a débeda, o xulgado iniciará os trámites para o embargo de bens.
Non se procede ao embargo de bens inmobles cando o seu valor previsible sexa superior á cantidade debida, salvo que non houbese outros bens. Non se embargan os salarios ou pensións que non excedan do salario mínimo profesional nin o mobiliario e enxoval dunha casa. O primeiro que se busca embargar son os cartos, as contas correntes e os títulos e valores.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI