Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Manexar a privacidade en Internet: Na rede, como na rúa

A mellor fórmula para se mover por Internet mantendo a bo recado a nosa información persoal é o sentido común

  Que usuario lle confiaría á primeira persoa que pasase pola rúa a clave das súas contas bancarias? E quen lle daría o seu número de teléfono a un completo descoñecido ou lle ensinaría unha foto da súa familia a alguén que acabase de coñecer? Ninguén, probablemente. O sentido común dítanos que certos datos sensibles teñen que se protexer se non se coñece ben o contorno, e este xeito de actuar que nos foi inculcado dende a infancia é igual de útil en Internet. Hoxe en día, case todos os servizos de calidade na Rede permiten elixir que datos se fan públicos e para quen, aínda que ao mesmo tempo as empresas que ofrecen estes servizos se converten en depositarias dunha gran cantidade de datos íntimos do usuario e de información sensible, polo que convén sempre coñecer a súa política de privacidade.

Pailarocos dixitais?

  Poderíase dicir que a sociedade dixital se divide en dous grandes grupos. Os 'nativos dixitais', que naceron hai menos de vinte anos e practicamente medraron relacionándose cos ordenadores e coa Rede, e o resto da Humanidade, que son, en maior ou menor grao, 'pailarocos dixitais''. Este termo non indica ignorancia ou descoñecemento das novas tecnoloxías, senón unha falta de hábitos convenientes e de comportamentos apropiados, debida, sen dúbida, á novidade do medio on line. Así, os máis dos usuarios que usan a rede non saben moi ben aínda que poden e que non poden facer nos distintos servizos para non perderen o poder sobre a súa información privada, e descoñecen, ademais, as consecuencias que terán os seus actos. Isto é moi evidente, por exemplo, nas redes sociais, onde se adoitan colgar fotos de amigos e de familiares sen contar co seu permiso, ou se divulgan datos persoais sen delimitar con precisión a quen deben chegar e que persoas deben ser excluídas de recibilos.

Para non se laiar máis adiante, hai que actuar con precaución e con sensatez. O máis conveniente á hora de tomar unha decisión correcta é que o usuario se pregunte que faría ante unha situación semellante no mundo 'off line'. Mostraría esas fotos que está pensando en publicar en Flickr? Importaríalle que se soubese da súa amizade con determinadas persoas ás que engadiu en Facebook? Sería lóxico que determinado grupo de contactos coñecese o seu enderezo ou a súa dirección de correo? Se a resposta é positiva para a rúa, en principio débeo ser tamén para Internet, e viceversa.

Configurar a intimidade dixital

Ninguén sae á rúa nin tapado de pés a cabeza nin completamente nu. Do mesmo xeito, cada usuario debe decidir que información privada desexa amosar e que datos prefire manter en privado, e seguramente o termo medio será a resposta. Afortunadamente, a gran maioría dos servizos de calidade da rede, e das redes sociais en particular, permiten outorgarlle o grao de privacidade que se lle quere dar a cada información que o usuario ofrece. En plataformas sinxelas como Flickr ou Youtube, que serven para publicar fotos ou vídeos, o usuario determina quen poderá ver cada información antes de subila: o público en xeral, só el ou determinadas persoas ás que el invite. Por defecto, as imaxes poden ser vistas por calquera usuario de Internet, polo que hai que reflexionar antes de publicar nada e, unha vez tomada a decisión que máis conveña, configurar as opcións de privacidade.

As redes máis complexas, como Facebook ou Tuenti, ofrecen moitas opcións de privacidade. Grazas a distintos sistemas de cifrado para o envío e almacenaxe da información garanten que só as persoas que se convidan poidan ver a información persoal. Neste caso convén coñecer ben os sistemas, para configurar quen pode ver e utilizar os datos e mais a información persoal, xa que, aínda que un coide que determinada información non ten importancia para o usuario, pode tela para algún dos seus contactos.

Un caso paradigmático é o de pór nestas redes imaxes dunha festa onde aparecen outras persoas. As imaxes poden ser moi inocentes para o usuario ou usuaria que as colga, pero a súa exposición pública pode amolar ou comprometer a outras persoas que saen fotografadas. A norma sempre é pedir permiso antes de subir este tipo de fotos.

Tamén hai que actuar con sentido común á hora de escribir ou opinar nos foros das redes e demais plataformas de comunicación públicas. Internet é un amplificador potentísimo no que cómpre ter moito coidado co que se di, xa que todo queda gravado e á disposición dos buscadores. É paradigmático o caso dunha informática que foi despedida por escribir en Twitter comentarios pexorativos sobre o director da súa empresa sen saber que unha das persoas que seguía o seu microblog era a esposa do directivo en cuestión.

Privacidade e intimidade, valores negociables?

A privacidade en Internet engloba varios aspectos. Por unha banda, a confindencialidade e a seguridade de determinados datos, como claves bancarias, historial médico ou contrasinais de correo que só atinxen ao usuario. Por outra banda, aspectos relativos á intimidade do internauta, informacións, arquivos e datos que pertencen á súa vida privada e que el debe decidir se llelos quere amosar aos demais. Xa que logo, aínda que a privacidade é un valor fundamental e irrenunciable na rede, contén aspectos negociables, xa que cada usuario fixa os seus niveis de intimidade en función dos seus desexos e necesidades. De feito, en numerosas plataformas, como Facebook e todos os servizos relacionados con Google, faise negocio cos datos persoais do usuario ao tempo que se utilizan eses mesmos datos para lle dar mellor servizo. Almacenando a información persoal do internauta, estas plataformas ofrécenlle publicidade contextual, pero tamén lle permiten recuperar correos electrónicos de hai anos, ou conversas de chat en aparencia intranscendentes que conteñen datos importantes. E o mesmo acontece con imaxes, cancións ou vídeos que se crían perdidos.

Agora ben, o prezo de ter toda esta información á man dende calquera sitio e sen se preocupar de discos duros ou de cargar co ordenador é renunciar á nosa privacidade, polo menos en exclusiva, para compartila coa empresa que nos dá o servizo e confiar en que o seu tratamento dos datos privados será honesto. Aínda que adoita ser así, non está de menos ler as condicións de uso de todos os servizos que se empregan para saber se a súa política de privacidade é conforme coa lexislación vixente en España.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto