Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Da timidez ao illamento social: Enfermos de timidez

A timidez extrema acompañada dun cadro de ansiedade social pode xerar un problema de illamento e danar o xeito de se relacionar cos outros

  As persoas reservadas son máis aburridas: falso; os tímidos íllanse e tenden ao illamento social: falso; os introvertidos están socialmente menos valorados: certo. Aínda que as persoas máis remisas a amosaren os seus sentimentos en público teñen, en xeral, un mundo interior rico e estimulante, gozan de menos simpatía e aceptación social. Non obstante, todo é cuestión de confianza. Cando se lles dá unha oportunidade, sen xulgalos de antemán, sorprenden pola súa capacidade para conversar e pola súa simpatía. Agora ben, se a timidez se transforma nun problema de ansiedade ante determinadas situacións sociais, pódese xerar un "comportamento evitativo" no que a persoa trata de evitar calquera tipo de contacto persoal e íntimo cos demais.

De carácter introvertido

A diferenza das persoas extrovertidas que prefiren as actividades grupais e que se atopan cómodas en ambientes máis ben estimulantes e dinámicos nos que interaccionar co mundo exterior, as que teñen un carácter introvertido optan por non se exporen constantemente a estas situacións. Agora ben, esta menor actividade social non significa que carezan de habilidades para interactuar cos demais, senón que se senten atordadas máis facilmente ante un grupo de persoas numeroso, máis aínda se son descoñecidas. Por esta razón amósanse máis cómodos e seguros en ambientes íntimos e grupos reducidos.

Este carácter introvertido relaciónase cunha actividade cerebral elevada que provoca que as persoas estean máis pendentes dos seus propios pensamentos e non da información que procede de fóra. Procesan a información do exterior cara ao seu propio interior, no canto de o faceren cara ao exterior co fin de interaccionar con outras persoas, como faría unha persoa extrovertida.

Lonxe de ser un problema, a introversión é unha dimensión da personalidade que non debe ter consecuencias para a saúde psicolóxica, senón que se limita a determinar a maneira de relacionarse co mundo. Os individuos introvertidos son máis reservados, pero o seu mundo interior é, en xeral, máis rico, mentres que os extrovertidos poñen menos atención en si mesmos, pero son máis sociables.

A timidez

  É habitual que ás persoas introvertidas lles leve máis tempo xerar confianza nos demais, ao se amosaren menos expresivas e mesmo algo retraídas, o que en ocasións fai que sexan consideradas tímidas. As persoas do seu contorno tenden a animalas, de maneira insistente, a que falen e se comuniquen con naturalidade para xeraren confianza. Non obstante, esta actitude tan xeneralizada, lonxe de beneficiar ao interlocutor máis retraído, provoca que se sinta aínda peor porque se lle está pedindo que se amose como non é, no canto de darlle tempo para gañar confianza, sen présas nin obrigas. Deste xeito, consegue atoparse cómodo sen ser protagonista, ao mesmo tempo que goza, dun xeito máis pausado, da compañía de amigos e familiares.

Aínda que introversión e timidez se utilizan indistintamente para referirse a unha mesma persoa, non son o mesmo. A timidez implica certa dificultade para relacionarse cos demais. A unha persoa tímida gustaríalle gozar de xeito activo da interacción con outros individuos pero non o dá feito polo medo que sente ante os demais, en particular, ante os descoñecidos. As súas inhibicións sociais provócanlle ansiedade e se estes temores se agravan pode chegar a sufrir cadros de ansiedade social ou fobia social. Este tipo de trastornos adoitan provocar comportamentos estraños que se traducen, sobre todo, en evitar a interacción social de maneira deliberada.

Medo á relación social

Cando a timidez se converte nun problema de ansiedade ante determinadas situacións que esixen un comportamento social extrovertido pódese xerar un comportamento no que o afectado evite calquera tipo de contacto persoal e íntimo cos demais. Por norma xeral, trátase de persoas que sofren ansiedade elevada e con dificultades para afrontar os seus medos, polo que non acoden a ningún especialista para que as axude, xa que perciben a interacción co terapeuta como ameazante.

A timidez extrema que acompaña á ansiedade social pode xerar un problema de illamento. Estas persoas buscarán contextos nos que non sexa obrigatorio relacionarse, para o que evitarán todo tipo de contacto social. Unha "conduta evitativa" que mingua as posibilidades de levar unha vida normal, xa que a especie humana é social e é case imposible sobrevivir sen relacionarse.

Aínda que poucas veces o medo á relación social leva consigo un illamento case total, pódense dar casos de gravidade que inhabiliten a persoa, non só nun sentido social, senón tamén persoal, polo malestar xerado. Son individuos conscientes do que lles acontece, pero que se senten incapaces de superaren esta situación, polo que buscan o illamento constante. Esta práctica fainos sufrir como consecuencia do medo que senten ao se exporen aos demais.

Como saír do illamento

  As persoas que sofren este tipo de illamento social poden rebaixar o grao de timidez extremo e aumentar a súa capacidade para convivir en sociedade. Para iso recoméndase acudir a un especialista que proporcione un ambiente cálido e íntimo no que se sintan cómodas. Por outra banda, o uso das novas tecnoloxías pode ser un primeiro paso para iniciar unha interacción social de maneira indirecta. Non obstante, só se debe recorrer a esta opción como unha vía máis para socializar e non como a única.

As persoas con dificultades para se relacionaren non se deben obsesionar nin pretender tornarse individuos extrovertidos e totalmente sociables, xa que esta obsesión non xera máis ca ansiedade. O seu obxectivo máis inmediato será converterse nunha persoa máis sociable. Como se consegue? Mediante a busca de situacións nas que a persoa se sinta cómoda, como contactos breves e cotiáns que sirvan para reducir os medos. Entre as máis recomendables atópase a de acudir ás tendas do barrio e ser amable cos dependentes que, con seguridade, lles responderán co mesmo trato. Esta experiencia servirá para que non se perciba aos demais como seres ameazantes. Tamén poden realizarse outras actividades que non impliquen unha interacción íntima cos demais, como apuntarse a unha actividade ou curso breve nun grupo reducido, como un ximnasio ou un club deportivo onde ninguén espere desta persoa un grande esforzo para relacionarse. O prioritario é manter o contacto con outras persoas, aínda que este sexa superficial, porque un illamento social persistente pode xerar tal sentimento de soidade que podería acabar en intensos sentimentos de tristura ou depresión.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto