Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Pepa Fernández. Presentadora e directora do programa de RNE "No es un día cualquiera": "Oes chover, oes un petardo, pero nós aspiramos a que nos escoiten"

 Leva dez tempadas á fronte de "No es un día cualquiera ", un dos programas máis premiados da radio española. Dous Ondas, o último á súa carreira profesional, un Micrófono de Ouro, dous Micrófonos de Prata e unha Antena de Ouro, entre outros galardóns, testemuñan a calidade dun programa no que se fala con naturalidade de ciencia e de Historia, de lingua e de filosofía. A proba do seu éxito, as máis de 700.000 persoas que o escoitan os sábados e domingos en Radio Nacional. Pepa Fernández asegura que todo o mérito do programa é dos seus colaboradores: "se saíse mal, teríanme que botar a min". Véndoa en directo nótase que goza das súas cinco horas de programa. Ela confirma que se lle fan curtas, porque lle entusiasma a radio. Só hai unha cousa que non lle gusta do seu traballo: madrugar.

Como leva erguerse todos os sábados e domingos ás seis da mañá?

Sempre digo que Radio Nacional non me paga por facer este programa. Estou absolutamente segura porque gozo tanto facéndoo que coido que debería pagar eu. É polo de madrugar, lévoo fatal.

Diría que si a un programa de tarde?

Non estaría mal. Sería unha oferta que consideraría. O que en ningún caso consideraría sería facer un programa de mañá cinco días á semana. Paréceme admirable o esforzo que fan os meus compañeiros para madrugar tanto. Gústame a fin de semana por que son dous programas e iso permíteche coidalos moito, ler os libros, ver as películas, preparar os guións... Cousas que un programa diario non me permitiría.

Que lle dá a radio a cambio de tanto madrugar?

Pasámolo moi ben. Son tópicos o de "que grande equipo, que ben nos levamos", pero é que neste caso é certo. Colaboro con grandes profesionais, fixémonos amigos e gústame velos as fins de semana. Porque, aínda que a xente che diga "mira estes, todas as fins de semana están nalgures", non é marabilloso, é un esforzo persoal. Os colaboradores teñen outros traballos, os máis deles. E saen a tarde do venres para facer o programa nalgún lugar de España e non volven deica o domingo á noite. É un esforzo moi grande e a xente que pensa "que ben o pasan" trabúcase e ademais, ás veces, confúndese con mala uva. Pasámolo ben pero hai que ver a parte dura do asunto.

Colabora con Forges, Manuel Toharia, Jose María Iñigo, Andrés Aberasturi, así é doado facer un programa?

Eu sempre lles digo aos meus xefes que se o programa funciona mal deberían botarme a min. Porque son moi bos, son xente de primeira liña nos seus apartados, temos o mellor naturalista, os mellores expertos en música, o mellor debuxante gráfico... xente boísima, e esa é a grandeza do programa.

Dise do seu programa que é culto e entretido. Máis dun diría que son termos contraditorios.

Ésa é a graza. Conseguir dar información e motivos de reflexión e non ser duro de roer. Este programa apostou sempre, non por sentar cátedra, nin por crear opinión, senón por propor a reflexión. Hai pouco fixemos un faladoiro de corenta minutos sobre a prudencia. Porque pensamos, é importante na vida? É. Daquela, falemos diso. Se cadra facémoslle pensar á xente. Se cadra din "pois teño unha actitude demasiado prudente ante certas cousas ou demasiado temeraria". Non pretendemos chegar a ningunha conclusión. Pero si establecer un tema de reflexión.

Nunca lle puxeron presión para que falase do corazón?

Non falar da crónica social é unha aposta miña. Eu non teño interese nesas cousas. Sempre penso que é moi respectable que lle gusten á xente pero coido que o tempo que Radio Nacional me ofrece administrar non o debo dedicar a cousas que non acheguen algo. De xeito entretido, divertido, pero que acheguen. Eu de todos os programas levo algo. Unha palabra que non coñezo, conceptos que me fan pensar, algo.

O seu programa non ten oíntes, ten "escoitantes", por que?

Moitos dinnos que non é correcto, pero é unha palabra correctísima que xa utilizou Cervantes. Suxeríunola un escoitante cando comezabamos. Díxonos "este programa non é para oír, é para escoitar, así que eu consideroume escoitante". Pareceume ben bonita! O que fala pretende que o outro escoite. Ti oes chover, oes un petardo, pero escoitas a quen che interesa o que di. Hai xente que oe a radio e que a ten de fondo, pero ao que aspiramos nós é a que nos escoiten.

Ten moitos seguidores, que lles dá aos escoitantes?

Cando estourou o boom da televisión, a xente dicía que a radio ía morrer, pero a radio non vai morrer nunca porque che dá unha proximidade imbatible. Hai xente que che di "almorzo a canda ti acotío, érgome a canda ti, escóitoche na cama". Iso dáche unha relación de afecto coa xente que é moi gratificante. Sobre todo, é bonito saber que axudas a persoas que o están a pasar mal. Quen ten que traballar a fin de semana ou quen fai traballos especialmente ingratos, quen ten que pasar o ferro ou estar na cociña ou coidar a un enfermo. Estamos aí, axudándoo, e iso é marabilloso.

Cando senta fronte ao micrófono, a quen se dirixe?

Non pensamos en ningunha idade, nin en ningún perfil social, porque nos decatamos de que nos escoita todo tipo de xente. Quen xa é vello e non tivo oportunidade de ir á escola e que che di "canto aprendo con vostedes, vostedes son a miña escola", pero tamén quen ten un gran nivel académico: escóitannos catedráticos, por exemplo. Cando fago un programa en directo e teño un momento de reflexión dedícome a ver a cara da xente e digo "fíxate, haiche de todo". Dende un señor que me dicía que me escoitaba dende as viñas traballando ata profesores, enxeñeiros ou arquitectos.

A crise beneficiou a saúde da radio? As audiencias soben.

O Estudo Xeral de Medios ten varias medicións ao longo do ano e sempre nalgunhas sobe e noutras baixa o público da radio. Eu son moi cauta con estas cousas, coas audiencias da radio en xeral e do programa en particular. Esta última medición dános 120.000 escoitantes máis, e estou contentísima, porque iso significa que hai unha tendencia a subir, pero non creo que gañaramos toda esa audiencia en tres meses. As audiencias hai que velas ano a ano, para observar as tendencias. Iso si axuda, pero non hai que ver unha soa ondada.

Que as audiencias non se midan día a día é unha vantaxe da radio sobre a televisión?

Sen dúbida ningunha. Os que fan televisión e, sobre todo, televisión diaria viven pendentes das audiencias e todos recoñecen que é unha cruz. Porque, ademais, as flutuacións de audiencia son moi raras. Ás veces podes facer un programa que ti cres que é xenial e ao día seguinte a audiencia pégache un pau e ti pensas "coa boa entrevista que fixen onte...". A televisión castiga moito aos profesionais, debería haber apostas a longo prazo. Julio César Iglesias sempre di que na radio un programa non dura porque sexa bo, é bo porque dura. É dicir, as apostas a longo prazo fanse boas. E a tele non dá tempo, porque o tempo son cartos en publicidade e, claro, hai que atopar unha fórmula que funcione. Pero se os programadores de televisión tivesen un chisco máis de paciencia, estou segura que de moitos programas e moitas series que se retiraron ao mes agora estarían a ter éxito.

Fixéronlle as beiras da televisión?

Levo feito algunha cousa na televisión. Pero nunca me ofreceron algo que fose engaiolante, ao que non puidese dicir que non. Nunca tiven unha grande oferta da televisión. Tamén é verdade que na televisión eu non me sinto tan a gusto coma na radio, porque a radio é naturalidade e a televisión, para min, se cadra porque non domino o medio, non é naturalidade. Non me permite ser eu mesma.

E se lle ofrecen facer este mesmo programa na televisión?

Moita xente dinos que había ser un éxito. Eu coido que non. Penso que ten o ritmo da radio. Ademais, é un programa de radio pública, cunhas particularidades que non sei se funcionarían nunha radio privada.

Por que?

Hai programas que só poden ser de radio pública. Non digo que este sexa un deles, teño as miñas dúbidas, pero hai programas que só se poden facer nunha radio pública. Debe existir unha radio pública para garantir que eses programas cheguen ao aire. O anunciante quere programas que teñan moita audiencia. Pero hai outros programas que, aínda que non a teñan, hai que facer porque son de servizo social.

Radio pública sen publicidade e televisión pública con anuncios. Parécelle o máis correcto este modelo?

Poderíase pagar a televisión mediante un canon, pero, a xente estaría disposta? Se ti lle dis agora ao público de TVE "pois mire, non vai ter publicidade pero vai ter un canon", deseguro que che van dicir que non. E máis nun momento de crise. Sería outro tipo de televisión, seguramente. Ou debería selo. Non entraría no xogo comercial.

No seu programa miman moito a linguaxe.

  O outro día preguntábanme en Calahorra se eu era filóloga. Non son filóloga, pero son xornalista e interésome polo meu instrumento de traballo, que creo que é a ferramenta de traballo de moitísima xente, non só xornalistas, senón de todas as persoas que no seu traballo teñen que se relacionar cos demais. Todos utilizamos a linguaxe e todos teñen certo empeño en falar o máis correctamente posible. No programa fixemos un pouco bandeira diso.

Hai un descoido da linguaxe entre os xornalistas?

Somos moi culpables de certas incorreccións que se van repetindo. Todos nos trabucamos, eu a primeira, pero cando me trabuco intento corrixir.

Pésanlle máis as críticas ou os afagos?

Non me gustan moito as críticas inxustificadas. Cando a cousa está xustificada e cho din con respecto, gústame. Pero as críticas maledicentes, maleducadas, esas non as podo aturar. Non podes dicir "bote vostede a ese tío, que non me gusta". Esa crítica non a acepto. Simplemente dígolle "vostede pode elixir o que quere escoitar, eu non podo elixir quen me escoita".

Se traballa na fin de semana, desconecta entre semana?

Non. Non desconecto xamais. Ese é o problema cando os teus días libres son luns e martes. Queiras ou non, chámante, porque non traballas nos horarios habituais. Pero cando o traballo che gusta, cando é un traballo tan marabilloso coma este, se me queixase sería unha ingrata.

Nota a crise tamén no seu programa?

Os medios e as empresas que viven da publicidade, en tempos de crise pásano moito peor. Afortunadamente Radio Nacional non vive da publicidade, pero vive indirectamente da publicidade da televisión e os recortes de publicidade, evidentemente, aféctannos. Eu estou a traballar este ano con menos compañeiros ca o ano pasado.

Internet cambiou a radio?

Internet abriu unhas posibilidades infinitas para a radio, infinitas. E coido que aínda estamos comezando, que van ser moitas máis. Escoitar o programa cando ti queiras, descargalo nun podcast... iso é estupendo. E o correo electrónico permite unha comunicación inmediata co público. Se te equivocas, corríxente ao momento. É máis, dubidamos de algo e ao minuto hai tres ou catro que responden. É marabilloso.

Lembra o seu primeiro programa?

Foi terrible. Nunca fixera un programa en castelán, traballara sempre en catalán. Estaba moi nerviosa. Sentía moita responsabilidade. Debía ser a persoa máis triste do mundo. Onte mesmo, un matrimonio díxome "eu a vostede considerábaa horrible".

E aínda se pon nerviosa en directo?

Nervios non. Sempre hai sentido da responsabilidade. Os momentos puntuais de nervios están case sempre asociados a alguén que ten que estar en antena en media hora e non se presenta. Pero adoito manter o tipo. Son moito máis calmada na radio ca na miña vida cotiá. Cando acaba o programa, non obstante, penso moito en se tiña que dicir algo e non o dixen, cousas así. Son moi de autoflaxelarme e de darlle voltas. Hai xente que pensa: "pois xa está feito e ao feito, peito". Supoño que é o ideal. Pero eu son de darlle volta aos miolos. Ademais, cando son consciente dos meus erros, que é case sempre, castígome moito. A miña principal crítica son eu.

Ou sexa, que malia aos premios, non se relaxa.

Non, nada. Non son de relaxarme nada, non me penso durmir nos loureiros. Onte estas mesmas persoas que me dicían que eu non lles gustaba nada ao primeiro dixéronme tamén "despois vostede aprendeu e o mellor de todo é que segue aprendendo". E iso espero. Sei que agora sei máis ca hai dez anos e espero que dentro de dez anos, se dou aturado este ritmo, saiba máis do que sei agora.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto