Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Sete autobronceadores: Hainos baratos de tanta calidade coma os de alta cosmética

Os autobronceadores, inocuos para a pel, proporcionan un ton moreno decontado e facilmente, e dun xeito máis saudable que tomando o sol ou usando lámpadas de bronceado

  A exposición aos raios UVA (ben sexa tomando o sol, ou someténdose a unha sesión de lámpadas de bronceado) non é o único xeito de se poñer moreno. Tamén se pode acadar un bronceado natural, doado e rápido grazas ás cremas autobronceadoras. Non son unha maquillaxe que "pinte" a pel de maneira máis ou menos duradeira, senón que incorporan unha substancia que xera unha reacción nas células das capas máis externas da pel. O resultado que conseguen os autobronceadores hoxe, como comprobou esta análise, é satisfactorio e dista moito do que lograban hai anos as primeiras cremas autobronceadoras, que adoecían de dúas limitacións: o seu cheiro desagradable e penetrante e a cor alaranxada que lle procuraban á pel. A cor dourada que obteñen os autobronceadores actuais é case indistinguible do obtido das dúas maneiras máis comúns: tomar o sol e broncearse mediante a exposición ás lámpadas UVA.

Analizáronse sete autobronceadores para corpo e non aptos para o rostro, moi diferentes tanto en formato (seis deles conteñen entre 125 e 250 mililitros de produto; e un, Garnier, 400 ml) como en prezo: saen dende 14,22 euros por litro (Garnier) ata os máis de 200 euros por litro de Guerlain, Estée Lauder e Clarins.

Os catro máis baratos (Nivea, Dove, L'Oréal e Garnier) son autobronceadores progresivos e teñen menos substancia activa (dihidroxiacetona), polo que son adecuados para un uso cotián como crema hidratante que, ademais, broncea. Os tres máis caros están concibidos para un uso ocasional, e conseguen un bronceado máis rápido. A única irregularidade na etiquetaxe viuse en Estée Lauder: non indica un enderezo postal nalgún país da Unión Europea, malia que é obrigatorio facelo.

A 'mellor relación calidade-prezo' é L'Oréal: aprobou folgadamente os test de laboratorio e foi o que máis gustou na proba de uso. Para quen busca unha crema que broncee decontado e non repara moito no prezo (125 mililitros custan 32,6 euros), Clarins é a mellor opción. Ten unha gran calidade (a única cun "moi ben" na análise de laboratorio), se ben quedou nunha discreta posición intermedia na proba de uso con 30 consumidoras.

pH ácido

As cremas analizadas teñen un pH menor, máis ácido, ca o da pel sa, que anda arredor do 5,5. L'Oréal (con pH 3,9) é a mellor neste sentido, e Estée Lauder (con pH 2,9), a peor. Así e todo, na proba práctica ningunha consumidora se queixou de molestias nin comechóns. Unha crema demasiado líquida escorrega entre os dedos cando se aplica sobre a pel, pero se é demasiado espesa custa que a pel a absorba e tende a quedar adherida ao envase. Por iso a viscosidade se torna nunha característica importante de calidade nas cremas en xeral e inflúe na percepción que delas ten quen as aplica. A crema autobronceadora menos viscosa foi Nivea, con 9.500 centipoises, e a de maior viscosidade Clarins, que case multiplica por dez esa cifra.

As cremas son emulsións de auga con compoñentes oleosos. Un xeito de medir a súa calidade é obter o extracto seco, o que queda logo de eliminar a auga. Para determinalo, quentáronse as sete cremas a 105º C ata que só quedaron os aceites e outros axentes hidratantes. Estée Lauder tiña o menor extracto seco (16%), mentres que Dove foi o de maior, cun 26%.

A substancia activa

A substancia activa que broncea é a dihidroxiacetona (DHA). Da súa cantidade depende, en teoría, o nivel de moreno e o tempo que leva acadalo. A quen busca un bronceado progresivo que lle permita manter un ton dourado durante varios meses convéñenlle produtos con baixo contido de DHA. Pola contra, a quen desexe un bronceado rápido e intenso resultaranlle máis apropiados autobronceadores cunha maior concentración desta substancia. Nivea é o que menos DHA (1,6%) ten, mentres que Guerlain (o máis caro: sae a máis de 280 euros o litro) foi o que máis DHA contiña (4,9%.) Clarins e Dove incoporan, amais de DHA, eritrulosa, unha substancia similar que tamén colorea as capas externas da pel. A normativa que regula os cosméticos identifica 26 substancias que poden provocar alerxias, polo que o seu uso se debe mencionar na etiqueta se a súa presenza supera as 10 partes por millón (ppm). O obxectivo é que as persoas alérxicas a elas os eviten. O laboratorio mediu a presenza destes 26 alérxenos nas sete mostras, e constatou que o único autobronceador sen alérxeno ningún en cantidade superior a 10 ppm era Clarins. E que tamén só un, Estée Lauder, contiña un alérxeno, Linalol (trátase dun perfume), en cantidade superior a 10 ppm sen mencionalo na súa etiqueta. No autobronceador Guerlain detectáronse dez alérxenos; en Dove, nove, e en Nivea, Garnier e L'Oréal, sete, seis e cinco respectivamente. Pero en todos eles se indicaba o seu uso cando superaban o límite de 10 ppm fixado pola norma.

Tendo en conta todos os parámetros medidos no laboratorio, a crema de mellor calidade foi Clarins, a única que acadou un "moi ben". O resto quedou en "ben", salvo Estée Lauder, que mereceu un "mellorable".

Proba de uso

30 mulleres probaron as sete cremas durante tres días alternos sen saberen de que marca se trataba en cada caso. A mellor valoración global foi para dúas das cremas máis baratas, L'Oréal (7,4 puntos sobre 9) e Garnier (7,2 puntos sobre 9). As que menos gustaron foron Nivea (5,3 puntos), Estée Lauder (6,2 puntos), Guerlain (6,4 puntos) e Dove (6,6 puntos).

Nas sete cremas o nivel de hidratación percibido polas consumidoras que participaron na proba de uso foi semellante. Tras a primeira aplicación, apenas se detectaron diferenzas no ton de cor conseguido. Logo de dúas aplicacións, Nivea foi significativamente peor nesta prestación ca L'Oréal, Garnier, Guerlain e Clarins. Ao rematar a terceira e última aplicación, os autobronceadores con mellores resultados foron Garnier e L 'Oréal, fronte a Nivea e Dove, que conseguiron os menos satisfactorios. En contra do que cabía esperar, os resultados en bronceado non amosaron unha relación directa coa concentración de dihidroxiacetona de cada produto: maior cantidade de DHA non significou maior capacidade de broncear. Por outra banda, as cremas autobronceadoras teñen sona de desprenderen un cheiro forte e desagradable, pero xa non a merecen. A única significativamente peor ca as demais neste aspecto foi Nivea, mentres que a maioría de consumidoras comentaron o agradable do cheiro de L 'Oréal e Dove. No tocante á cor do produto en si, as que máis gustaron foron as de L'Oréal e Garnier, fronte aos de Clarins e Guerlain, as cores peor valoradas. Para rematar, a crema máis doada de estender foi L'Oréal, mentres que Nivea (a menos viscosa) e Guerlain (a segunda máis viscosa) foron as peores nesta función.

Como dan bronceado?

  Se ben o resultado a simple vista é semellante, o mecanismo que fai que a pel mude de cor cando se expón ao sol ten pouco que ver co efecto das cremas autobronceadoras. Os raios ultravioleta atravesan a capa superficial da pel e estimulan a produción de melanina, un pigmento que se produce na derme, capa profunda da pel. De alí pasa á derme, o que escurece a pel. Os autobronceadores non xeran melanina, limítanse a tinguir células da pel que están a piques de eliminarse. Por iso, o seu efecto non dura máis dunha semana. O cambio de cor prodúcese cando a dihidroxiacetona (DHA), substancia activa destas cremas, se pon en contacto cos aminoácidos da pel. Estes oxídanse e producen melanoidinas, de efecto similar á melanina. As zonas con máis proteína (cóbados, xeonllos e palmas de pés e mans) tínguense de maneira máis intensa. A coloración aparece ao cabo de entre tres e seis horas e chega ao máximo un día despois da súa aplicación. Dúas ou tres aplicacións ao longo de doce horas tinguirán a pel e manterana con esa cor durante uns dez días, se ben hai autobronceadores máis rápidos e outros máis lentos. Unha cousa está clara: canto máis tempo permaneza o produto sobre a pel, máis intenso será o bronceado. É por iso que se recomenda aplicar estes cosméticos antes de deitarse.

O ton moreno conseguido con estas cremas é máis saudable ca o convencional: non ten os inconvenientes de tomar o sol, xa que non produce queimaduras nin propicia o melanoma ou cancro de pel. Pero non todo son vantaxes. este moreno cosmético non protexe fronte aos raios solares, é un "falso bronceado". Outra cuestión: DHA é unha substancia natural presente no metabolismo de plantas e animais, pero reseca a pel, polo que non está indicada para persoas con peles moi secas; por iso, estes autobronceadoes conteñen substancias hidratantes. 'Os autobronceadores non só son unha maneira rápida e cómoda de acadar un ton dourado de pel, senón que constitúen unha alternativa saudable e segura ao bronceado natural'.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto