Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Relacións entre irmáns: Equilibrio, a mellor terapia contra os ciúmes infantís

Cando un novo bebé entra no fogar, é común que os nenos asuman con dificultade que teñen que compartir o seu protagonismo na familia, pero os celos poden controlarse con atención e comprensión antes, durante e tras o nacemento

  A chegada dun novo membro á familia é un momento de gran felicidade, e de enormes cambios, de xeito especial para o irmán ou para a irmá maior, que ve no bebé que acaba de nacer un intruso que vén usurpar o seu posto de "rei da casa". É habitual que os irmáns asuman con dificultade que teñen que compartir o seu protagonismo na familia. A ausencia, ou o control, dos ciúmes infantís dependerá en boa medida do xeito en que os pais xestionen o anuncio do embarazo e o nacemento, momentos nos que o amor, a comprensión e a atención serán os instrumentos para que o neno non se sinta "destronado".

Alisando o terreo ante a chegada do "intruso"

  • Elixa o intre máis axeitado para o informar da chegada do seu novo irmán. Explíquelle que é o que vai acontecer. Fágalle saber como vai influír o novo bebé na súa vida. Cóntelle as cousas positivas e mais as negativas: cambio de cuarto, compartir os seus xoguetes, axudar a mamá e a papá, facer de irmán ou de irmá maior, etc.
  • Responda ás súas preguntas e inquietudes de acordo coa súa idade e nivel de madureza. Satisfaga as súas inquedanzas acerca de como se desenvolve o bebé na barriga de mamá en termos que poida comprender.
  • Relacione o momento do nacemento con momentos sinalados. Nove meses de espera son moi longos e difíciles de entender para unha mente infantil. Póñalle unha data que poida comprender: Nadal, cando cheguen os Reis Magos, o verán, etc.
  • Involúcreo no proceso do embarazo. Léveo á consulta co xinecólogo ou coa matrona para que escoite os latexos do corazón do seu futuro irmán ou irmá. Tamén o pode acompañar a coñecer o hospital ou clínica onde vai nacer o seu futuro compañeiro de xogos.
  • Fágao participar nos xogos de estimulación prenatal. Anímeo para que lle fale ao bebé no ventre, para que sinta os movementos do bebé dentro de mamá, etc.
  • Explíquelle o mundo dos bebés. Amóselle fotos e roupa de cando era un bebé e cóntelle a historia dos seus primeiros días, da ilusión coa que os seus pais prepararon as súas cousas. Gustaralle saber que antes do seu nacemento se lle puxo tanta atención coma ao novo bebé.
  • Se ten a oportunidade, visite amigos ou familiares que teñan un bebé na casa, para que vexa como se alimentan e canto dormen os primeiros meses. É moi normal que esperen que o seu irmán ou irmá xogue a canda eles así que naza, e levan unha gran desilusión cando comproban que o único que fai durante os primeiros meses é durmir.
  • Comente con el ou ela a situación dalgún amiguiño que teña irmáns, e fágao matinar no bonito que é e nas vantaxes que ten ser o primoxénito.
  • Deixe que participe nas conversas sobre o novo bebé e conte coa súa opinión para elixir nome.
  • Ao mesmo tempo, non deixe de dedicarlle unha atención especial, a conversar das súas cousas, das súas experiencias, das súas inquedanzas. Non centre todas as conversas no futuro bebé. Fágalle sentir que seguen a manter unha relación especial na que segue a ser único, aínda que cheguen máis fillos ou fillas.
  • Fágao partícipe dos cambios que vai realizar na casa para preparar a chegada do novo membro, de xeito que poida colaborar e participar neles: preparar as cousas para o bebé, ordenar os armarios, etc.
  • Anímeo a que escolla ou a que prepare un regalo de benvida para o bebé.
  • Se a chegada do novo membro da familia implica un cambio de cuarto, fágao con antelación abonda, para que o pequeno non o asocie á chegada do bebé e non o culpe diso.
  • Prevexa con antelación quen vai coidar o seu fillo ou filla o día do parto e os sucesivos, e explíquello para que se sinta coidado e protexido en todo momento.
  • Leve a cabo os cambios necesarios na vida do neno con antelación á chegada do bebé (quitarlle o chupete, cambialo do berce á cama ou levalo á gardaría ou á escola) e así non os asociará coa chegada do seu irmán.

O bebé xa naceu, e agora, que?

 
  • Trate de que o irmán ou a irmá sexa un dos primeiros en visitalo e que lle dedique na súa primeira visita atención exclusiva.
  • A primeira vez que vexa o bebé, é aconsellable non telo nos brazos e que sexa el quen poida agarimalo e mesmo collelo. Deixe que toque e que acaricie o seu irmán ou irmá dende o primeiro día.
  • De volta á casa, trate de que coopere en todo o posible no coidado do bebé; que lle dea o biberón, que axude a vestilo, ou que mexa o berce para adormecelo.
  • Se a criatura ignora o bebé non force a situación, cando o crea conveniente achegarase.
  • Manteña e respecte os seus espazos e pertenzas.
  • Saque tempo de onde poida para llo dedicar en exclusiva.

Que facer cando aparecen os ciúmes

  • Os celos non sempre aparecen tras a chegada do hospital. Tamén xorden cando o maior sente o novo bebé como un rival que lle rouba o agarimo e mais a atención dos pais.
  • Póñalle atención a calquera cambio no carácter e no xeito de se comportar do seu fillo ou filla. Pode que non teña ningunha reacción e que se amose indiferente cara ao bebé ou que, pola contra, queira participar en todo momento no seu coidado. Calquera extremo é un sinal de que non entendeu ou aceptou o nacemento do bebé e que lle está afectando.
  •   Comprobe se amosa actitudes agresivas cara ao bebé ou se ten condutas regresivas, é dicir, propias dun neno de menor idade, como tatexar, non querer comer, agatuñar, non avisar para que o leven ao baño, etcétera. Ante estas reaccións non se debe anoxar, xa que o neno ou a nena culpabilizará o bebé da situación e gardará o seu resentimento cara a el. Manteña a calma e sexa paciente, comprensivo e tolerante.
  • Reserve un tempo especial para estar co seu fillo máis vello, e non permita que nada interfira con ese momento. Apérteo, cántelle ou léalle un conto. Mentres menos cambios se produzan na súa rutina, menos estrés sentirá.
  • Procure non facer distincións no tempo que lle dedica a un e outro fillo e na atención que lles dá.
  • Evite establecer comparacións. Tomaraas a mal e sentirase menosprezado. A súa mente interpretaraas como un sinal de que que antes todo o facía ben e que agora o seu irmán ou irmá lle fai a competencia.
  • Informe ao seu contorno dos celos que sofre o seu fillo ou filla maior. Pídalle aos amigos e familiares que amosen interese polo maior e que o gaben. Nestes casos é moi habitual que todos digan o rico que é o pequeno e que o irmán maior pase desapercibido, o que agudiza os seus ciúmes.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto