Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Insectos no fogar: Pragas domésticas invasoras

As infestacións de chinches, de formigas e de diversos insectos que se crían erradicadas dende hai anos reaparecen como consecuencia do transporte de mercadorías e dos turistas

Nin avisan con antelación á súa visita nin son ben recibidas. Non obstante, non deixan de autoinvitarse e de entrar polas fiestras e polas fendas das nosas casas. Algunhas destas pragas, consideradas erradicadas dende hai décadas, como a chinche de cama, e especies invasoras como a cascuda americana, a formiga Arxentina ou a formiga de xardín Lasius, déixanse ver con maior frecuencia en chalés, pisos, oficinas e hoteis. Introducidas polo transporte de mercadorías e de terras e polos propios viaxeiros pódense controlar a través de insecticidas e mediante unha limpeza continuada.

O regreso das chinches

  A soa mención de atopar unha chinche na cama trasládanos a épocas pasadas e é que este pequeno insecto, de aspecto plano e de cor castaña clara, erradicouse en Europa tras a Segunda Guerra Mundial. Non obstante, agora o tráfico internacional de persoas e de mercadorías contribuíu á súa reaparición, tal e como alerta a Asociación Nacional de Empresas de Control de Pragas, ANECPRA. Un estudo elaborado por esta organización advirte de que a aparición de chinches de cama aumenta en España a un ritmo de entre o 10 e o 20%, en función da zona xeográfica. As máis afectadas por este novo brote son as áreas do Mediterráneo, con incrementos de ata o 50%, e Canarias, cun incremento de ata o 90%.

Outro dos datos que proporcionou esta investigación é que os hostais e hoteis de 4 e 5 estrelas son os establecementos que máis demandaron os servizos para eliminar chinches, seguidos polos domicilios particulares. Este feito avala a teoría de que a chinche reapareceu na nosa sociedade accidentalmente a través das equipaxes de viaxeiros procedentes, sobre todo, do continente asiático.

Posto que a chinche de cama se alimenta de sangue humano e a noite é o momento no que máis activa se atopa, é habitual que se instale no mesmo espazo no que localice a súa fonte de alimento (as persoas), de aí que se aloxen en colchóns, mesiñas de noite e noutros mobles do cuarto. Agora ben, se a praga é numerosa, as chinches trasladaranse a todos os recunchos da casa. O problema é que ante a crenza xeneralizada de que estas pragas desapareceron da nosa sociedade, descoñécese o aspecto do bicho e cando se atopa unha chinche confúndese con outro insecto sen ser conscientes de que demorar a súa desaparición mediante tratamentos específicos pode agravar a situación.

As chinches adultas caracterízanse polos seus corpos ovalados e planos, de cor vermella óxido e do tamaño dunha semente de mazá. Non obstante, como se agachan, é máis sinxelo identificar a praga pola súa picadura: unha roncha grande semellante á da pulga, pero sen o punto vermello no medio. Aínda que nun primeiro momento non doe, pasado un tempo produce unha comechón intensa.

As formigas, non son tan inofensivas

Outros insectos de aparencia inofensiva, as formigas, teñen un modus operandi semellante. Espallouse a crenza de que son insectos limpos que non causan problemas sanitarios como as cascudas, razón pola que non se intervén ata que a praga se desenvolve. O inconveniente é que se, en efecto, se trata dunha praga, son numerosas as posibilidades de que se trate da formiga Arxentina ou da formiga de xardín Lasius neglectus, especies invasoras que están a desprazar as formigas autóctonas. Os técnicos expertos en servizos antipraga aseguran que estas dúas especies invasoras -chinches e formigas- son as que máis problemas causan nestes momentos polas súas incómodas picaduras e pola súa rápida dispersión.

A formiga arxentina, Linephitema humile, é unha especie orixinaria de Suramérica que se espallou por todo o mundo. Pola súa banda, Lasius neglectus, a pequena formiga de xardín que se propagou decontado por Asia e Europa tamén comeza a provocar graves problemas. Crese que o seu lugar de orixe é o Sueste Asiático, aínda que se describiu por primeira vez como especie en 1990 en Hungría, cando se descubriu que infestara un barrio enteiro en Budapest. Dende aquela, detectouse en toda Europa, sobre todo en parques e xardíns, onde elimina as especies autóctonas e acaba introducíndose nas casas. A súa definición como especies invasoras potencia á súa capacidade de converterse en praga, xa que uniron á súa peculiar estrutura social -numerosas raíñas nun niño, ausencia de agresión entre os niños, fecundacións dentro do niño e crecemento da colonia por xemación (como unha mancha de aceite)- a ausencia de parasitos e de patóxenos naturais.

Estas formigas, ademais, organízanse en supercolonias. No ano 2002, investigadores da Universidade de Lausanne (Suíza) identificaron unha supercolonia de formigas Arxentinas, con millóns de niños e billóns destes insectos xeneticamente iguais, que se espallaba ao longo de 6.000 quilómetros de costa mediterránea e atlántica. Como son iguais, recoñecíanse como "familia" e non loitaban entre elas. Unha acción contraria á que realizan as formigas autóctonas que, organizadas en niños pequenos, compiten cos outros niños veciños polo territorio. Non obstante, como desaparece esa medida natural de control entre as formigas, o seu número aumenta e, con iso, a súa capacidade invasora. A homoxeneidade xenética e a consecuente cooperación explícase porque todas as formigas eran do mesmo grupo que cara a 1920 entrou en Europa procedente de Arxentina, transportado accidentalmente con algunha mercadoría.

Pola súa banda, a especie de xardín Lasius espallouse por Europa e chegou a zonas máis frías que ata o de agora non estaban afectadas por outras pragas máis tropicais. Cara ao norte, instalouse en Jena (Alemaña), Gantes (Bélxica) e Varsovia (Polonia). En España, polo de agora só se atopa no nordés. Ante o temor de que se puidese estenderse tanto coma en Arxentina, os expertos non se atreven a concretar unha zona xeográfica determinada, aínda que din que é probable que acudan alí onde o clima é favorable e húmido no verán. Presúmese, ademais, que se multiplican en espazos modificados polo home, como urbanizacións ou campos de golf.

A cascuda, unha vella coñecida

A terceira especie invasora que máis problemas causa nestes momentos é unha vella coñecida: a cascuda Periplaneta americana. Entrou en España nos anos 90 e dende entón estendeuse cara a zonas urbanas, sobre todo a través dos sumidoiros. Xa en 1995, cando acababa de chegar a especie invasora, o Concello de Valencia controlou unha praga de Periplaneta en 136 quilómetros cadrados. Nestes momentos, na maioría das cidades españolas, miles de quilómetros de rede de sumidoiros están colonizados por esta cascuda.

Entre as razóns propostas que explican o asentamento desta especie tan xeral a que máis consenso provoca é que aparece por mor das temperaturas menos severas dos últimos invernos. Así se explicaría que a Periplaneta americana, máis común de zonas mornas, se localice en España principalmente nas estacións próximas ao inverno.

Previr as pragas na casa

Chinches:

  A principal precaución que cómpre tomar para evitar a propagación de chinches na casa é revisar os mobles de segunda man ou antigos que se adquiran e non gardar, sen a lavar antes, a roupa usada nin a que estivese en contacto con esta despois de cada viaxe (aínda que non se utilizase).

Ante a detección dun destes insectos urxe tomar as seguintes medidas:

  • Lavar toda a roupa de cama, pasar o aspirador sobre o colchón e cubrilo cunha funda impermeable mediante unha cremalleira etiquetada "para alérxenos" polo menos durante un ano. Ademais, hai que cubrir a base do colchón cunha funda que impida o paso das chinches. Esta funda deixarase hermeticamente pechada durante un ano. - Desbotar todos os obxectos infectados que non se poidan limpar. Nestes casos o civismo obriga a deixar unha nota de aviso para que outros particulares non utilicen eses obxectos.
  • Non tratar as chinches localizadas na casa con insecticidas, xa que se corre o risco de que, de non se usar o produto axeitado, estas se espallen ao resto dos cuartos e que o seu tratamento sexa máis dificultoso. Por outra banda, dado o número de horas que pasamos acotío no cuarto, convén evitar o risco de exposición das persoas ante o uso continuado de determinados insecticidas.

Formigas:

  Un xardín ben regado e permanentemente húmido constitúe o mellor fogar para as formigas, pero a atención non se debe centrar só nelas, senón tamén nos pulgóns asociados ás formigas. Se a praga se detecta na casa, pero nunha zona localizada, pódese controlar ese foco mediante a utilización dun insecticida común e limpeza constante.

Cascudas:

Ao igual ca coas formigas, a prevención ante a súa aparición pasa por coidar en extremo a limpeza:

  • Non deixar alimentos nin auga que poidan atraelas.
  • Pechar hermeticamente os caldeiros do lixo.
  • Revisar desaugadoiros e canalizacións, xa que son vías de entrada ás casas particulares.
  • Selar gretas, sobre todo as que se atopan en zonas húmidas, como lavabos, cociñas e vertedoiros.

  En todos os casos, se a infestación é importante e se decide recorrer aos servizos dunha empresa antipragas, hai que verificar que estea acreditada para o uso de biocidas, que use produtos rexistrados polo Ministerio de Sanidade e que garanta a efectividade do tratamento durante un período de tempo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto