Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Juan Torres López, catedrático en Teoría Aplicada da economía: "O sistema financeiro está enfermo de morte"

 É catedrático de Teoría Aplicada, impartiu docencia en varias universidades españolas e estranxeiras, foi Decano da Facultade de Dereito na Universidade de Málaga e mais Vicerreitor de Ordenación Académica tamén nesa institución. Escribiu máis de catrocentos artigos de divulgación económica e o seu manual de economía para Bacharelato é un dos máis utilizados polos estudantes españois. Abonda unha ollada ao seu blog (www.juantorreslopez.com) para comprobar que é unha das voces máis críticas co papel que xogaron na actual crise económica as Administracións Públicas e as Institucións Financeiras mundiais. Non teme que o consideren utópico cando propón crear un sistema máis xusto para ordenar a riqueza no mundo xa que na súa opinión "en todos os momentos da historia, as cousas que van máis alá do curto prazo son utópicas".

Vostede sinala con claridade a quen considera culpables da crise.

Eu coido que hai unha orixe da crise histórica, estrutural, de cousas que se foron dando nas economías dende hai moitos anos, pero ademais ultimamente os bancos optaron por levar a cabo unha serie de operacións de crédito e de especulación que os levaron a acumular un risco inmenso. E ese risco era insostible. Nos Estados Unidos, no Reino Unido e en moitos outros países: a banca foi á banca rota como consecuencia da especulación, da súa mala práctica, dunha asunción de riscos tremenda... encheuse do que se chaman os activos tóxicos, de porcallada, de lixo financeiro que non vale nada e descapitalizáronse e ao se descapitalizaren pecharon a billa porque non poden prestar. Pero a economía non pode funcionar sen crédito e se se entende así a crise é evidente que os responsables son os bancos.

Que quere dicir exactamente que a banca está en bancarrota?

Cando unha persoa deposita os seus cartos nun banco, o banco non os mantén. Hoxe en día se alguén ingresa cen, manteñen non máis de nove ou dez, para lles facer fronte a posibles retiradas. E co resto presta diñeiro, porque o negocio dos bancos é prestar. E eses empréstitos que dá o banco son os seus activos. Que acontece? Que se eses activos non valen nada, o banco descapitalízase, perde o seu valor. E iso é o que aconteceu. Que con tal de obter recursos para dar máis préstamos o banco vendeu contratos, meteu os recursos en investimentos financeiros que ao final non valen nada. Por exemplo, se un banco que lle deu 5 millóns a un promotor para que fixese 200 pisos, canto vale ese empréstito no balance do banco? Cinco millóns. Pero se agora resulta que o promotor quebrou e non vai pagar ese activo do banco, xa non vale cinco millóns de euros. Valerá o que haxa detrás dese préstamo, que moitas veces é nada, porque se non se vai cobrar nada... valería cero. E o problema é que o banco con eses activos ten que lle facer fronte ao seu pasivo, á súa débeda, á súa obriga. Claro, se antes tiña 1000 podía facer fronte a 1000 de obriga. Pero se agora ten 300, pode facer fronte só a 300 de obrigas. E esa é a bancarrota dos bancos.

A solución é nacionalizar a banca?

O problema das autoridades é como interveñen. Que nacionalizo? Cinco millóns, que é o que me di o banco que ten ou un millón, que é o que en realidade vale? E aí hai que estar moi atento. Os cidadáns deberíanlles pedir claridade, responsabilidade aos banqueiros que fixeron isto e negarnos a que se paguen cos nosos cartos activos que eles acumularon e que agora xa non valen nada.

Vostedes os economistas explican a crise con claridade pero, vírona vir?

Calquera persoa que analizase obxectivamente a situación sabía que isto ía estoupar. De feito, somos ducias, centos de economistas os que estes anos viñamos advertindo do que estaba a pasar. Que acontece? Que un en cada paso que dá gaña moitos cartos pensando que nunca vai caer. Ata que cae. Ou pensa que vai caer o outro. Era evidente que ía caer, absolutamente indiscutible. En termos financeiros non se pode soster unha pirámide como a que se creou. Un dos bancos que foi intervido cun capital de 7 millóns de euros tiña activos tóxicos por 27.000 millóns. Esa desproporción é tan grande que non se pode aturar.

De onde saen os cartos que se lle inxectan á banca?

De varios sitios. En primeiro lugar, os Estados Unidos e o Reino Unido emitiron os últimos meses centos de millóns de diñeiro, de billetes. Crearon novo diñeiro. En segundo lugar, dun incremento do endebedamento. En terceiro lugar, os Estados Unidos teñen unha moeda que se lle impón ao resto do mundo sen respaldo e logo, ademais, están a saír das reservas dos bancos centrais, que eran moitas. Produciuse un xigantesco incremento desa masa monetaria a partir das reservas, dos dólares e do diñeiro que emitiron os Estados Unidos e o Reino Unido que vai ser unha carga impresionante os vindeiros anos.

Como chega a crise das hipotecas dos Estados Unidos ata o último recanto da economía?

Cando unha persoa subscribe unha hipoteca, vai ao notario, asínaa, marcha para a casa, métea no caixón e págaa relixiosamente todos os meses. Pero o banco ese papel véndeo e ao vendelo obtén diñeiro. Para vendelo ocúltase o risco que ten e esa hipoteca circula e hai quen a merca. Por iso o problema que hai agora é que aínda non se sabe cal é a envergadura ou a extensión real desa toxicidade das hipotecas. Pero logo hai máis. Porque non é só iso o único que vendían os bancos. Agora está o problema da débeda das tarxetas de crédito e seguramente haxa máis. E logo ademais está o problema creado pola caída dos bancos e pola quebra de moitas empresas, e ata de moitos países enteiros. Aínda non se sabe a magnitude da crise pero si sabemos que é inconmesurable. É o sistema financeiro mundial o que está enfermo de morte e iso hai que cambialo necesariamente, modificar o seu funcionamento.

Vimos crises outras veces. Por que esta é diferente?

Ás veces acontece na natureza que a cantidade cambia a calidade e neste caso a envergadura do asunto é tremenda. Estamos vivindo o nacemento dun novo sistema financeiro e iso pode ser máis ou menos traumático, máis ou menos duradeiro e logo naturalmente, vanse resistir os que están a gañar moitos cartos e teñen moitos intereses.

Cualificaría a situación de moi grave?

Eu penso, francamente, que estamos nunha situación de emerxencia porque ao se pechar de tal xeito o crédito, que actividade financeira pode funcionar sen crédito? Sen crédito non funciona nada. Polo tanto, o problema é que se esgotou, é que pecharon a billa da gasolina do motor e o motor sen a gasolina non funciona e se non funciona, as empresas empezarán a quebrar unha tras a outra. Iso fai que os traballadores queden sen emprego, que gasten menos, e cando gastan menos as empresas venden menos. O outro día estivo aquí unha profesora islandesa e díxonos que tiñamos que a ir recoller ao aeroporto porque non a deixaban sacar coa tarxeta máis de 20 euros. Nos países do leste, Hungría, Letonia... están practicamente nesa situación, o 'corralito', digamos. Pode ser que haxa tamén unha superinflación. Con todos os cartos que están metendo no sistema. Polo de agora está contida, pero iso vai provocar unha inflación tremenda.

Mesmo os máis liberais están agora a favor de intervir, significa que o mercado non se regula só?

Iso é evidente. Os mercados son mecanismos de intercambio que están rodeados de dereitos, de normas, e esas normas, eses dereitos, teñen que axustarse a obxectivos. Dise "o capitalismo sen intervención", mentira. A intervención existe sempre, aínda que sexa para dicir "faga vostede o que queira". Tratar igual aos desiguais é unha cousa tremenda, non leva nada máis ca ao caos social e á desorde. E o mercado precisa normas, precisa regulación, porque o mercado pode ir en moitos sentidos, hai irresponsables, hai estafadores, hai operacións que son absolutamente insostibles e hai que lles pór límite.

Confía en que esta crise ilumine un modelo económico máis xusto?

Non o sei. É cedo. Estamos no comezo dun período histórico que se vai resolver nos vindeiros vinte ou trinta anos. Isto non sabemos se vai ser neno ou nena. Pode ser que de aquí saia un mundo máis ordenado ou máis caótico. Hai que evitar que os cartos e, polo tanto, o poder, sexa unha creación privada. A fonte da economía ten que nacer do poder público dentro dunha lóxica social. Porque se non, camiñamos cara a un mundo que só responde aos intereses duns pouquiños. E estes intereses son absolutamente contrarios aos intereses da totalidade e non satisfán as necesidades humanas. É hora de que fagamos unha reflexión moral sobre o modo de organizar a economía.

Os consumidores tamén se endebedaron demasiado?

  España é o país da OCD, dos 30 países máis ricos do mundo onde os salarios reais non creceron nos últimos anos. Claro, non é casual que o maior endebedamento coincida co freo dos salarios reais. Tampouco é preciso ser un grande economista. É unha falacia culpar á xente, aos consumidores. É verdade que vivimos nun mundo no que se estimula artificialmente o consumo, no que o lecer e os espazos de vida están vinculados ás compras, pero iso non o fixeron as persoas, iso é a lóxica deste sistema. Entón a débeda privada destinouse ao consumo de bens privados, mentres que a débeda pública puido crear infraestruturas, bens sociais que fixesen, entre outras cousas, a vida máis agradable.

E as empresas?

A pequena e mediana empresa en España bastante fai co que fai, que é crear o 95% dos empregos nunhas condicións malas de esgotamento da demanda, de freo do crecemento. Esas políticas que os economistas chamamos deflacionistas, que é ir pisando o freo constantemente, á pequena e mediana empresa acaba con ela. A pequena e mediana empresa necesita aire, pulo, mercado, apoio, consumo, redes de distribución e iso é o que se está freando.

Non lles deixa vostede moitas alternativas aos aforradores para investir.

A recomendación que lle dou a quen teña aforros é que invistan na banca ética, que son bancos que destinan os recursos a investimento produtivo. Creo que é bo que os consumidores coñezan a banca ética, que ten bancos moi interesantes e moi importantes, cooperativas de crédito... é dicir, que nos sitios nos que cada un estea que atope alternativas para eses cartos que van financiar actividades económicas moito máis positivas porque van crear máis emprego ou máis riqueza.

Que solucións ve para a economía española?

España ten algunhas particularidades, sobre todo que a burbulla inmobiliaria é moi forte e que a economía española os últimos anos se descapitalizou moito. A distribución, o transporte, a industria, moitos servizos importantes están en mans de capital estranxeiro. E agora o goberno non ten resortes que pór en marcha para superar a crise, non temos fontes endóxenas de creación de riqueza. Se interesa pór en marcha un plan nacional do sector hostaleiro non se pode, porque está en mans de capital estranxeiro. E logo a nosa economía está especializada ou especializouse os últimos anos en servizos moi pouco produtivos, baixou o gasto público. Hai que dar pasos para investir en innovación, porque claro, as empresas que están aquí están aquí por intereses de mercado, pero non teñen como obxectivo estratéxico mellorar o contorno xeral da economía española. E ir ás reunións internacionais para tratar de crear condicións máis favorables, non só por ir.

Chegou a dicir que a bolsa é como o casino.

Teoricamente, a bolsa é o lugar onde se merca e se vende, por exemplo en relación ás accións, o capital das empresas. Daquela, o valor das accións teoricamente debería estar en función da situación financeira, económica, das empresas, das súas expectativas, e non sería lóxico que tivesen eses movementos tan extraordinarios. Son mercados puramente especulativos, e ese é o despropósito da economía mundial deste momento, que os máis dos recursos se destinan ao movemento especulativo, ao casino financeiro. O problema é que cantos máis cartos van para o casino, menos quedan para financiar a actividade produtiva. É doado imaxinar o que sería o mundo se todos eses cartos que están no casino financeiro estivesen financiando a economía produtiva. É verdade que se a bolsa non perdese o seu sentido orixinal si tería sentido, é a maneira en que as empresas se poden capitalizar, é unha función importante e por iso é interesante, pero desnaturalizouse.

Diranlle a vostede que é un utópico.

É que en todos os momentos da historia as cousas que van un chisco máis alá do curto prazo son utópicas. Vaia, que para un banqueiro todo o que non sexa gañar cartos como os andan a gañar agora é utópico, pero iso pasa sempre. O que temos que facer os que temos independencia de pensamento é dicirmos o que pensamos e facerlle ver á xente o que está a pasar, e as utopías serven para iso, para irmos avanzando. O que nós estamos propondo, os economistas coma min, son sinxelamente as medidas que se tomaban hai vinte anos, trinta anos. Unha banca pública que estea pendente de que non se paralicen os mercados. É unha utopía pensar que a humanidade dedique dez ou quince días de gasto militar para que non morra ninguén de fame? Realizable é, se se quere. Tamén era unha utopía acabar coa escravitude.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto