Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Alimentación e alerxias: As alerxias alimentarias, un problema sobredimensionado

A sospeita infundada de sufrir alerxia a algún alimento fai que se sigan dietas estritas innecesarias

Ensalada si, pero sen noces, café con leite, pero de soia, biscoito sen ovo e a sopa sen ameixas. Non son caprichos nin ganas de amolar o camareiro correspondente ou os anfitrións cando nos convidan á súa casa. Destes matices na selección dos pratos pode depender a vida dunha persoa que sofre de alerxia alimentaria aos froitos secos, ao leite de vaca, ao ovo ou ao marisco, os produtos que máis alerxias provocan. Agora ben, aínda que se trata dun trastorno común, os expertos aseguran que moitas das autodiagnosticadas alerxias aos alimentos polos propios afectados non son tales. As reaccións alimentarias confúndense a miúdo coas alerxias e a consecuencia máis inmediata é o uso indiscriminado de métodos que, sen estaren avalados pola comunidade científica, din ser eficaces para o tratamento dietético das alerxias ou intolerancias alimentarias. Son numerosos os pais que lles atribúen ás alerxias os síntomas que amosan os seus fillos como comechóns, diarreas e dores de barriga. Así e todo, os máis dos afectados non realizaron as probas clínicas obrigatorias para determinar un diagnóstico preciso.

Como consecuencia, a sospeita de sufrir unha alerxia alimentaria altera a calidade de vida das persoas que seguen dietas nas que exclúen os alimentos dubidosos. Estas restricións dietéticas innecesarias poden aumentar o risco de padecer deficiencias nutricionais e favorecer a aparición de cadros continuados de ansiedade orixinados pola imposibilidade de comer de todo e a necesidade de revisar a conciencia a etiquetaxe dos alimentos. Estas son as conclusións das últimas investigacións realizadas por investigadores británicos e alemáns que aseguran, ademais, que numerosas persoas mal diagnosticadas mercan alimentos libres de alérxenos inútiles para o tratamento do seu malestar.

Menos alérxicos dos que se cre

  A alerxia alimentaria é unha resposta inmunitaria esaxerada e inapropiada do organismo que se orixina tras o consumo de certos alimentos que a maioría da poboación tolera sen problemas. A miúdo este tipo de alerxias confúndense con outras modalidades de reacción a alimentos non alérxicas, coñecidas como "hipersensibilidade aos alimentos". Aínda que non se pode negar a evidencia do número de persoas con diagnóstico de alerxia alimentaria, os investigadores neste campo aseguran que o problema da incidencia e do elevado aumento das alerxias alimentarias pode estar sobredimensionado. Segundo a Organización Mundial de Alerxia, só unha pequena porcentaxe de adultos que oscila entre o 1% e o 3% padece unha alerxia alimentaria. Entre os menores de catro anos a porcentaxe aumenta ata o 6% ou o 8%.

Unha investigación levada a cabo pola Universidade de Portsmouth (Reino Unido) revela que o número de nenos con diagnósticos claros de alerxia alimentaria ou de hipersensibilidade aos alimentos é notablemente inferior ao que cren os seus proxenitores. Os científicos realizaron un estudo coa totalidade dos nenos nacidos na Illa de Wight (costa sur de Inglaterra) e compararon os resultados da incidencia de alerxias e hipersensibilidade alimentaria cunha investigación semellante realizada hai 20 anos. A conclusión foi que en dúas décadas as alerxias non aumentaran de xeito salientable e que o número de alérxicos non era tan elevado como se coidaba. Segundo os seus pais, 807 nenos eran alérxicos ou intolerantes a algún tipo de comida pero, logo de sometelos a distintos exames clínicos de diagnóstico, só un 5% manifestaron alerxia alimentaria.

Outro estudo, neste caso alemán e dirixido por Axel Trautmann, do Departamento de Dermatoloxía, Veneroloxía e Alergoloxía da Universidade Würzburg, recrutou 419 pacientes ingresados na clínica ante a sospeita de amosaren alerxia a algún alimento. Logo de sometelos a unha avaliación diagnóstica protocolarizada, pouco máis da metade dos pacientes, 214 (51,1%) manifestaron unha resposta inmunolóxica positiva que avalase o diagnóstico. Nos 205 pacientes restantes (48,9%), malia as sospeitas persoais, os resultados das probas médicas descartaron a alerxia alimentaria. Ambas as dúas investigacións constatan, xa que logo, que se esaxera a afección das alerxias alimentarias entre a poboación.

Os autores advirten de que o único xeito de se protexer das restricións alimentarias innecesarias e das consecuencias negativas de preocuparse por unha alerxia inexistente é mediante unha avaliación médica completa. Do mesmo xeito, só tras un diagnóstico preciso é posible previr as consecuencias graves que se poden derivar do descoñecemento dunha verdadeira alerxia alimentaria, como a anafilaxia (reacción alérxica súbita e severa en todo o corpo).

Dieta de exclusión e provocación

As principais ferramentas diagnósticas para avaliar alerxias e intolerancias alimentarias son a historia clínica, os test cutáneos, as analíticas sanguíneas que determinan o número de inmunoglobulinas específicas ou IgE (as persoas alérxicas teñen, en xeral, niveis máis altos destes anticorpos no seu organismo) e as dietas de exposición ou provocación. En primeiro lugar, é determinante elaborar unha anamnese (unha historia con todos os datos clínicos relevantes do paciente) que recolla polo miúdo a existencia de antecedentes familiares ou persoais relacionados coas alerxias. Cómpre indicar, ademais, a idade de inicio do consumo de alimentos, a inxestión de alimentos no momento do diagnóstico, a idade ao comezaren os síntomas, o tempo transcorrido entre o momento no que se comeu o alimento e a aparición dos síntomas e que clase de síntomas eran.

Esta información débese completar cunha exploración física detallada durante a cal se realizarán probas cutáneas (prick test) para comprobar a sensibilidade a cada substancia que se sospeite que pode provocar alerxia. Aplícanse gotas de diferentes alérxenos na cara interna do antebrazo e, deseguido, realízase unha pequena punción superficial indolora a través de cada unha das gotas. En poucos minutos poden aparecer comechóns, arrubiamento e vultos. Como nestes tenteos son habituais os falsos positivos, a proba diagnóstica de referencia é a de provocación oral, dobre cego e controlada con placebo: adminístranselle ao paciente doses cada vez maiores do posible alérxeno e combínanse con dose de placebo sen que o médico e mais o paciente saiban de cal se trata en cada caso.

Antes de realizar este tipo de proba exclúense da dieta do paciente por uns días todos os alimentos sospeitosos de causar a alerxia. Se o paciente non mellorou despois de dúas semanas de dieta estrita de exclusión, enténdese que é pouco probable que a alerxia sexa a causa dos seus síntomas. Se logo desta dieta de exclusión o afectado mellora de xeito claro, realizarase a proba de provocación, sempre nun hospital dotado das medidas necesarias de reanimación en caso de anafilaxia. Durante o período de observación efectuarase un rexistro detallado da cantidade administrada, da hora e das incidencias que se produzan.

Tests diagnósticos non fiables

  No mercado ofértanse diferentes tratamentos dietéticos para alerxias e intolerancias alimentarias que non contan co aval da comunidade científica. Estes coñecidos métodos, como o test Alcat ou o NOVO Immogenics, son unha aproximación diagnóstica equivocada e, polo tanto, atrasan a aplicación dun tratamento axeitado.

Este tipo de tratamentos consisten en avaliar o paciente e en proporcionarlle unha listaxe de alimentos permitidos e doutros que debe evitar, unha dieta sen fundamentos médicos nin nutricionais que pode resultar desequilibrada e monótona. As organizacións sanitarias de todos os continentes que representan o estudo clínico das alerxias alimentarias, coa Organización Mundial de Alerxia á cabeza, coinciden en advertir de que os devanditos tests son ineficaces e desaconsellan o seu uso para lles facer fronte ás alerxias e ás intolerancias alimentarias, así como para tratar outras enfermidades para as que se ofertan, como a obesidade, as xaquecas ou o colon irritable.

Alerxias alimentarias: como sortear os riscos

  O principal problema ao que se enfrontan os afectados por alerxias alimentarias é que non sempre coñecen a composición dos alimentos que inxiren. Este inconveniente non se dá nos alimentos envasados, xa que, por lei, deben mencionar de xeito expreso na etiqueta todos os ingredientes recoñecidos entre os alérxenos alimentarios máis correntes, como leite e derivados, leguminosas (incluídos os cacahuetes e a soia), ovos, crustáceos, peixes, hortalizas, trigo e cereais que conteñan glute, froitos de casca, apio, mostaza e grans de sésamo e produtos derivados de todos estes alimentos, amais de sulfitos. O risco a tomar un destes alimentos "prohibidos" é maior ao se comer fóra da casa, nun restaurante, no comedor escolar ou sempre que mercan produtos a granel sen a etiqueta correspondente.

Nos restaurantes é habitual que algúns dos pratos que se ofrecen de xeito habitual conteñan espesantes tan comúns como a fariña de trigo ou saborizantes como a crema de leite. Estes ingredientes, malia a seren en aparencia inofensivos, resultan tóxicos en caso de intolerancias ou alerxias alimentarias. Un prato composto de chícharos con xamón ou un estufado de carne pode estar elaborado mediante unha cullerada de fariña de trigo ou varias rebandas de pan tostado para espesar a salsa. Por esta razón, ata que se aprobe a norma que obrigue os restaurantes a informaren os seus clientes da composición e dos ingredientes exactos que compoñen cada prato, hai que actuar con sentido común. Ante a dúbida, convén preguntarlle ao camareiro ou ao cociñeiro se o prato cociñado contén o alimento que resulta tóxico. E se a resposta non é satisfactoria, ben sexa polos ingredientes ou por descoñecemento, a mellor receita é non o probar.

  Se os afectados por este tipo de alerxia son os nenos, os pais serán os responsables de alertar os seus profesores, titores e tamén ao xefe de cociña do comedor escolar sobre os alimentos causantes da alerxia. En xaneiro do 2005, a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) subscribiu un convenio coas principais empresas de restauración colectiva, asociadas na Federación Española de Asociacións dedicadas á Restauración Social (FEADRS), co fin de mellorar a calidade dos menús escolares. Entre as diferentes actividades levadas a cabo nestes anos destaca a redacción dun Protocolo Nutricional que inclúe un apartado dedicado aos menús para dietas especiais, no que se recollen recomendacións dietéticas ante casos de intolerancia ao glute e de alerxias alimentarias. É obrigatorio que estas recomendacións as coñeza o persoal que traballa na empresa de restauración, na cociña e na escola.

Reaccións alérxicas: principais síntomas

Os síntomas máis representativos das reaccións alérxicas amósanse en xeral arredor da cavidade bucal en forma de erupción preto da boca, con comechón dentro e na zona da farinxe. Velaquí outras manifestacións:

  • Síntomas cutáneos como urticaria, inchazo nos beizos e nas pálpebras. Pódese dar unha situación de gravidade se este edema se localiza na larinxe xa que pode provocar unha obstrución ao paso do aire. Maniféstase con voz rouca e dificultade para respirar e tragar.
  • Síntomas dixestivos, como vómitos e diarrea.
  • Síntomas respiratorios, en forma de esbirros, comechón nasal e mucosidade acuosa con arrubiamento ocular e inchazo de pálpebras e, de xeito puntual, cun cadro de asma (tose, fatiga e pitos no peito).

  Despois de estar exposto a unha substancia por primeira vez, o sistema inmune dunha persoa faise sensible e, nunha exposición posterior, pode darse unha reacción alérxica de forma súbita e severa en todo o corpo, o que se coñece como anafilaxia. Este cadro considérase extremadamente severo se se asocia a mareo ou á perda de conciencia. Neste caso denomínase shock anafiláctico e é a situación máis grave dunha reacción alérxica.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto