Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Residencias para a terceira idade: analizadas 125 públicas, privadas e concertadas en 18 provincias: Segue a haber poucas prazas e cada vez son máis caras

Hai listas de espera no 70% delas e un 21% presentan carencias de calidade. Nos últimos catro anos, os prezos das públicas encareceron máis, ata un 23%, pero en xeral seguen a ser máis baratas e mellores ca as privadas

Limpeza, seguridade e servizos asistenciais

Seguridade e manutención

No tocante á alimentación, o 90% das residencias elaboran os seus propios menús (o resto confían en empresas de cátering) e o 96% adáptano ás necesidades médicas dos residentes. Para axudaren á dixestión cun pequeno paseo, un 85% dispoñen de espazos de recreo e de paseo, aínda que no extremo contrario, un 15% non contan sequera cunha terraza ou cunha simple zona asfaltada. Pero se houbo un apartado que destacase por riba da media, foi a seguridade, que obtivo un 'moi ben' de media e un 'excelente' no caso das residencias visitadas en Álava, Alacante, Guipúscoa e Murcia. Un 92% dos centros visitados en España contaban con extintores, luces e saídas de emerxencia, sistemas de alarma e portas cortalume e, agás dúas residencias na Coruña, unha en Madrid e unha en Valladolid (a única provincia que obtivo un mediocre 'aceptable'), o resto dispuñan dun plan aprobado para posibles emerxencias. Así e todo, e esta foi a maior carencia en materia de seguridade, menos da metade das residencias realizaron un simulacro de incendio o ano pasado.

Listas de espera, o problema

Os 125 centros analizados teñen unha media de máis de 35 persoas en lista de espera e só un 30% dispoñen de prazas libres. Polo tanto, non todas as persoas que as precisan ven cubertas as súas necesidades de manutención, atención e aloxamento. Así e todo, en termos xerais os centros procuran cubrir todas as necesidades dos seus residentes e dar unha atención integral, contando para iso con persoal sanitario e social e mais con servizos de limpeza, cociña, xestión ou administración. O apartado de atención asistencial foi valorado globalmente cun 'ben', que chegou ao 'moi ben', unha vez máis, no caso das residencias de Álava. Dúas de cada tres residencias teñen un médico permanente (nun 35% trátase dun médico de cabeceira), o 83% dispoñen de consulta médica, o 53% teñen sala de enfermería de seu, o 80% conta con servizo de fisioterapia e rehabilitación, tres de cada catro teñen camas articuladas para todos os residentes e a maioría contan con baños xeriátricos (todas as concertadas, o 94% das privadas e o 80% das públicas). Escasean postoperatorias (só o 10% os ten) ou unidades especializadas para tratar casos de alzhéimer ou de demencia senil. Existe de media unha persoa responsable (enfermeiros, ATS, médicos e auxiliares) por cada tres usuarios, aínda que as porcentaxes son mellores nas residencias públicas ca nas privadas (2,8 e 3,3 residentes por traballador, respectivamente). De noite, cando se trata de atender só emerxencias puntuais, a cifra é de un traballador cada 25 residentes (aínda que sempre está en contacto cos servizos sanitarios de emerxencia). As residencias visitadas en Murcia destacan positivamente polo maior número de xeriatras, neumólogos e profesionais de coidados paliativos.

Un fogar fóra do fogar

Avaliouse ata que punto as residencias lles permiten aos seus usuarios sentírense coma na casa e, aínda que este apartado mereceu un 'ben', o resultado foi peor ca no 2005. Fallan as residencias visitadas en Cádiz cun 'regular', e as de Zaragoza, cun 'aceptable'. Destacan cun 'moi ben' as da Coruña, Álava, Murcia, Navarra e Valencia. Os máis dos centros (un 96%) permitíanlles aos seus usuarios saír e entrar libremente e todos agás seis déixanos trasladarse cos seus mobles e aparellos. Case todos os centros permiten que os residentes reciban visitas nos seus propios cuartos e un 70% deixan os visitantes quedar a canda eles de se atoparen febles de saúde.

Como elixir unha boa residencia?

  • Visita: Infórmese sobre o seu funcionamento e visite as instalacións.
  • Localización: Elixa un centro preto do lugar no que vivan a súa familia ou as súas amizades próximas.
  • Accesos: Asegúrese de que as entradas e saídas estean asfaltadas, con ramplas ou ascensores.
  • Interior do centro: Comprobe que non haxa barreiras ou outro tipo de obstáculos, que os percorridos interiores dispoñan de varandas e de boa iluminación. Se hai máis dun andar debe haber ascensores.
  • Habitacións: Comprobe que sexan amplas, ben ventiladas e iluminadas e, a ser posible, con aseo completo.
  • Seguridade: Interésese polos sistemas de emerxencia, antiincendio e alarma do centro.
  • Cadro de persoal: Asegúrese de que a residencia dispón de persoal abondo, coa titulación esixida e coa experiencia necesaria. Leve todo o seu historial médico para confirmar a súa medicación, dieta ou tratamento.
  • Horario de visitas: Debe ser amplo e flexible.
  • Dieta semanal: Ten que ser variada e estar supervisada por un médico.
  • Servizos: A residencia debe ter terapias ocupacionais, sala de rehabilitación e/ou ximnasio, baños xeriátricos asistidos, sala de consulta médica, cuarto de curas e salas comúns abondas e amplas. Solicite información sobre os servizos incluídos e excluídos no prezo.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto