Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

Boletíns

| Baixa | Máis opcións |

Canles de EROSKI CONSUMER


Cambiar idioma

Outras utilidades

  • enviar a outra persoa

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Natureza e tempo libre: Lecer en verde

España, o país coa maior biodiversidade de Europa, ofrece numerosas posibilidades de gozar do tempo libre dun xeito saudable, económico e apto para todas as idades e condicións físicas.

Outras actividades ao aire libre

Algo máis ca paseos

A oferta de ocio das paraxes naturais españolas non se limita a dar paseos a pé ou na bicicleta. A inmensa riqueza natural de España xera un continuo movemento arredor da xestión e do aproveitamento dos seus recursos naturais. Neste ámbito atópanse os chamados Centros de Educación Ambiental (CEA), que, organizados a xeito de Granxas-Escola, Aulas da Natureza, Centros de Interpretación, Museos "para a educación ambiental" ou Centros de Referencia, se foron convertendo nunha potente ferramenta para a educación e para a participación ambiental. No territorio español hai máis de 700 centros deste tipo, que representan unha boa oportunidade de aprender máis sobre a natureza e sobre como se poden combater os seus problemas mediante boas prácticas na vida cotiá. Rutas pola natureza, escolas de verán, obradoiros para reciclar ben os refugallos, empréstito de bicis, cursos para cultivar as plantas, verduras ou para coidar animais, campos de traballo para recuperar e conservar espazos naturais, exposicións, conferencias, etc. son algúns dos servizos que ofrecen os CEA. Os proxectos educativos están dirixidos fundamentalmente a escolares, nenos e mozos, como complemento á formación escolar, aínda que nalgúns casos o público obxecto destas actividades sexa adulto.

Outra opción para gozar do sol, da praia ou do monte, pero de xeito ecolóxico e solidario, enmárcase na participación nalgún dos programas de voluntariado ambiental que propoñen ONG ecoloxistas, institucións e entidades bancarias a través da súa grande oferta de programas deste tipo nos que se traballa na protección ou na recuperación de especies ou de espazos naturais, na denuncia de situacións de degradación ambiental ou no desenvolvemento dunha conciencia ambiental entre a cidadanía, etc.

A pé, en bicicleta ou dacabalo

Sendeirismo, montañismo, tréking... Velaquí as denominacións máis empregadas para definir a paixón de se trasladar a pé dun punto a outro por puro pracer nun contorno natural polo que só se pode transitar andando ou a lombos dun animal. A camiño entre deporte, paseo e viaxe, o sendeirismo gaña cada día máis adeptos, xa que non require unha esixente preparación física e atrae a novos e vellos, aínda que o estado de forma de cada un determinará a dificultade do itinerario. É a modalidade máis atraente porque permite gozar do contorno elixido en familia e experimentar o contacto directo coa natureza dunha maneira sinxela e económica, sen necesidade de realizar longos desprazamentos.

Outro dos plans máis recorrentes para gozar en pontes e fins de semana é pedalear por carreiros, corredoiras e rutas naturais. A razón é que é unha das opcións máis económicas, saudables e respectuosas co medio, xa que permite vivir a natureza sobre un medio tan san e ecolóxico como é a bicicleta.

O equipamento para a práctica do ciclismo de montaña é sinxelo e económico. No mercado pódense atopar bicicletas BTT (bicicletas todo terreo) dende 130 euros. Ademais, para dar as primeiras pedaladas, só se precisan uns tenis, unha camiseta e un pantalón cómodo e deportivo.

O paseo dacabalo é tamén unha maneira relaxante de acceder a lugares recónditos e de gozar de percorridos aos que non se pode chegar no coche nin na bicicleta por seren territorios protexidos. Por iso, aumentou o número de empresas que organizan paseos ecuestres en cabalos mansos adestrados para esta función. Pódese contratar un traxecto curto ou dunha xornada enteira e en ambos os dous casos os profesionais irán acompañando a estes amantes da natureza.

Os paseos dacabalo son aptos para case todas as idades, xa que non é preciso ser un experimentado xinete nin coñecer en profundidade esta modalidade; tan só hai que lles facer caso aos consellos do monitor. Os prezos dependen da duración do percorrido e oscilan entre os 15 euros que pode custar un paseo dunha hora e os 75 euros que se poden chegar a pagar por unha xornada completa.

Binomio lecer-natureza, todo son vantaxes

  • Permite coñecer a natureza dende dentro, o que se reflicte nun maior respecto e sensibilización cara a ela.
  • Potencia unha sa convivencia entre familiares e amigos de calquera idade.
  • Estar lonxe da cidade contribúe a mellorar a osixenación pulmonar.
  • Crea hábitos de vida saudables.
  • Xera sensacións de tranquilidade e sosego.
  • Acadar obxectivos como chegar a unha determinada meta nun determinado tempo ou a través dun camiño algo sinuoso axuda as persoas a fomentaren os seus propios obxectivos e a aumentaren a motivación para desenvolveren diversas actividades.
  • Todas estas saídas son un excelente exercicio cardiovascular e favorecen o bo funcionamento dos sistemas locomotor e respiratorio.

Paginación



Recursos desta páxina



Validaciones desta páxina

  • : Conformidad co Nivel Triplo-A, das Directrices de Accesibilidad para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI
  • XHTML: Validación do W3C indicando que este documento é XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación do W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que os nosos titulares RSS teñen un formato correcto