Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Na costa vasca, entre Zumaia e Deba, os cantís emerxen a xeito de libro. Oito quilómetros de páxinas ordenadas de oeste a leste forman un volume avellentado polo transcurso da historia. Nel lense 50 millóns de anos da Terra escritos baixo as augas do océano. Un día, o tomo horizontal pregouse en vertical e amosouse á luz. Hoxe, os científicos de todo o mundo achéganse a esta enciclopedia viva que se revelou como o andel de referencia para afondar no coñecemento sobre a era Cretácica cando os cambios climáticos se sucedían e o choque dun meteorito houbo de destruír a vida na Terra.
Calcúlase que a Terra ten catro mil cincocentos cincuenta millóns de anos. Ao longo deste tempo, día a día, século a século, milenio a milenio, o planeta parece permanecer inalterable pero nada máis lonxe da realidade. Cando a Terra circula arredor do Sol e se move sobre o seu propio eixe, o movemento non é homoxéneo e iso provoca que as condicións atmosféricas varíen ata tal punto que someten ao planeta períodos quentes ou fríos. Esta alternancia prodúcese de modo gradual e deixa testemuñas: os sedimentos. Toda esta información queda oculta baixo as augas do mar, pero hai cincuenta millóns de anos o choque das placas tectónicas que orixinaron o Himalaia, os Alpes e os Pireneos sacárona á luz. Emerxeron os flysch.
O excepcional do flysch de Zumaia é que recolle a historia dende hai 100 millóns de anos ata hai 50 millóns, páxina a páxina. A lectura dos estratos e o estudo dos fósiles descifra segredos únicos e completos sen perder un só capítulo. Os científicos dan seguido e interpretado as pistas de comezo a fin.
As capas de sedimentos emerxeron do mar inclinándose de oeste a leste. O libro dos flysch lese, xa que logo, de dereita a esquerda. As páxinas máis vellas son as capas que datan de hai 100 millóns de anos. As máis novas, as do leste, integran fósiles e microfósiles. De súpeto, aparece unha estreita franxa escura rica en iridio, un elemento tan raro na Terra como abundante nos asteroides. A súa aparición levou a que os científicos afondasen na teoría de que hai 65 millóns de anos un asteroide bateu na Terra. Como consecuencia causou tsunamis e terremotos e ocultou o sol. A vida reduciuse a microorganismos. Os dinosauros, que levaban 130 millóns de anos sobre o planeta, extinguíronse. A este gris capítulo da Historia da Terra ségueo o silencio: na seguinte capa do flysch apenas se observan fósiles.
En épocas frías os ríos tiñan forza e carrexaban arxilas. En épocas cálidas a achega fluvial limitouse e as capas amorearon materias brandas e orgánicas. Esta alternancia traduciuse na formación de capas duras, avermelladas e terrosas que dan paso a outras brandas, grises e calcarias. O flysch de Zumaia evidencia un novo dato: as franxas teñen practicamente o mesmo grosor -abranguen dez mil anos- e repítense con asombrosa regularidade.
Este libro de pedra, as súas páxinas e o contorno que o gorece, foi declarado Biotipo protexido para evitar a sobreexplotación do medio mariño e terrestre. Salvagárdase así o testemuño pretérito, respectando o ecosistema presente e brindándolle unha oportunidade ao futuro.
Esquí alpino adaptado: reto e sacrificio vestidos de branco
O camiño da electricidade
A viaxe dun bo desexo
O ensino musical: unha sinfonía de catro movementos
A cidade flotante do transporte
Un bocado con suspense
Un caramelo esculpido no corazón do Pirineo
Cultivo de rosas, a paisaxe máis impresionista
Labregas do mar
Como se reciclan os aparellos eléctricos?
Recunchos de vida
A receita da eterna xuventude
Iluminar máis para ver menos
De alimento básico a manxar de reis
Unha luz na escuridade
A pel da devesa
Ocaso e esplendor nos humedais
Moito máis ca apagar lumes
Ir por la e saír rapada
O mar entre catro paredes
Operación: a viaxe da arte
Unha xornada nunha estación de esquí
O segredo do diamante negro da cociña
A lenda dun turrón con nome propio
O barro domesticado, fermoso e útil
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI