Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Tensiómetros domésticos: Por apenas 30 euros pódese adquirir un tensiómetro doméstico fiable

Os seis equipos para medir a tensión analizados son fiables e seguros, pero hainos que custan catro veces máis ca outros

  A evolución da tecnoloxía médica vive un paradoxo. Xurdiu toda unha liña de aparellos cada vez máis complexos, pero que utilizan esta complexidade para simplificar o seu uso e que calquera (ata quen atopa dificultades á hora de programar un vídeo) poida utilizalos. Un bo exemplo son os tensiómetros, que lles permiten aos pacientes hipertensos controlar acotío e dunha maneira sinxela a súa tensión e pulso sen saíren da casa. Non son un substituto da medición experta dun médico, pero si un bo complemento: se un hipertenso acode á consulta cunha listaxe de medicións de tensión diarias dende a última consulta, facilitaralle ao facultativo o seu diagnóstico e tratamento. Ademais, ofrécelle ao especialista máis información se o paciente sofre a chamada "síndrome da bata branca", é dicir, se son pon nervioso e a medición que lle fan na consulta ofrece uns datos que non son representativos do seu estado de saúde. Pero estes equipos non son para todo o mundo: o uso dos tensiómetros está contraindicado en personalidades obsesivas e en pacientes con arritmias cardíacas.

Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso seis aparellos domésticos para medir a presión arterial (tensiómetros) que custan dende os 29,90 euros de Oregon Scientific BPW 120 ata os 112,18 euros de Omron M6 Confort. A mellor relación calidade-prezo é o equipo máis barato, Oregon Scientific, xa que se trata dun tensiómetro de pulso fiable e seguro, ofrece suficientes opcións para un usuario convencional, o seu prezo é entre un 50% e un 75% máis barato ca o resto e, aínda que foi o que menos lles gustou aos consumidores, acadou un notable nesa proba de uso. Para quen busque un tensiómetro de brazo (máis profesional ca os de pulso), Tensoval Duo Control é unha opción interesante, xa que se pode enchufar á rede eléctrica (e polo tanto non depende das pilas) e ofrece o "modo invitado", que non memoriza os resultados obtidos.

O único tensiómetro que se limita a ofrecer os dous anos de garantía obrigatorios é Oregon Scientific, o resto dan tres anos de garantía. Todos os tensiómetros analizados levan rotuladas as advertencias esixidas pola norma e ademais fano de modo lexible. Comprobouse fregando enerxicamente cun pano enchoupado en auga e outro en gasolina, sen que se chegasen a borrar.

Características técnicas

Para un uso doméstico, non resulta esencial que sexan pequenos e liviáns. Os aparellos de brazo son sensiblemente máis grandes e pesados ca os de pulso. O máis voluminoso e de maior peso é Omron M6 Comfort e os máis pequenos e liviáns son Tensoval Mobil e Oregon Scientific. Aposán foi o único que non ofrecía a necesaria cartilla na que anotar os sucesivos valores de tensión arterial. Todos os tensiómetros inclúen unha funda para gardalos e funcionan a pilas, pero estas son de duración moi diferente: en Omron R3 Intellisense esgotáronse ás 570 medicións, mentres que Oregon Scientific aguantou seis veces máis: 3.200 medicións. Os seis aparellos miden a presión sistólica ("a tensión alta"), a diastólica ("a tensión baixa") e o pulso (o número de latexos por minuto) e amosan nas súas pantallas a data, a hora e o estado das pilas. O inchado e desinchado imprescindible para facer a medición é automático e pódese deter cun botón de seguridade. Aposán e Omron M6 Comfort amosan a carón do resultado numérico se se pode considerar hipertenso segundo a Organización Mundial da Saúde. Aposán, amais da pantalla, conta cunha voz sintética que le os resultados, polo que é idóneo para persoas con problemas de visión. Omron M6 Comfort é o que máis resultados permite almacenar na súa memoria: 90 rexistros, seguido de Aposán, con 60 rexistros. Os dous tensiómetros de Tensoval tamén almacenan 60 rexistros, pero de maneira máis óptima, porque poden ser compartidos por dous usuarios (30 rexistros para cada un). Oregon Scientific é o peor neste apartado porque só garda 30 rexistros. Tensoval Duo ofrece un útil modo invitado que efectúa medicións sen que os resultados queden memorizados.

Son seguros

En ningún dos seis é posible alcanzar cos dedos ningunha parte activa (cargada electricamente) e están axeitadamente illados fronte a correntes de enerxía perigosas, o que se comprobou aplicando unha corrente alterna. No tocante á resistencia, soportaron os ensaios nos que se aplica unha bóla de presión a 75 ºC durante unha hora e as tres marteladas de 0,5 xullos. É importante que en caso de fallo tampouco sexan perigosos, para o que se simularon tres tipos de accidentes: bloqueouse a bomba de inchado, provocouse un curtocircuíto nas pilas e cambiouse a súa polaridade. Ningún destes fallos simulados os danou.

Precisión

A proba máis importante que deben superar estes equipos é a de precisión: isto é, se cumpren axeitadamente a súa función de medir a presión arterial e o pulso do usuario. Para comprobalo, fixéronse unha proba analítica e outra clínica. Na primeira enviáronse os tensiómetros a un laboratorio que xerou unha tensión moi alta e outra moi baixa (280 mmHg e 30 mmHg ou, de xeito coloquial, "28, 3") e simulou un pulso de 65 latexos por minuto. Todos os equipos aprobaron con nota, porque os resultados que ofreceron apenas diferían do real.

Agora ben, estes equipos tamén deben demostrar a súa capacidade lonxe do laboratorio, en medicións sobre pacientes de carne e óso que poden ser obesos, ter brazos e pulsos moi grosos ou moi finos, mostrar diferentes viscosidades sanguíneas... A norma EN 1060 establece cando un tensiómetro é clinicamente fiable. Unha das probas para comprobalo consiste en realizar con cada equipo tres medicións a 85 pacientes. Aposán, Oregon Scientific e os dous Tensoval locen este distintivo. CONSUMER EROSKI realizou unha proba clínica cos seis tensiómetros analizados. Unha enfermeira utilizou os equipos con 12 pacientes e cotexou estes resultados cos obtidos co sistema de medición "tradicional" (esfingomanómetro conectado a unha columna de mercurio calibrada e un fonendoscopio).

Oregon Scientific obtivo o mellor dato en "tensión alta", só se desviaba da referencia en 2,8 milímetros de mercurio (mmHg), é dicir, para unha tensión de 130 mmHg de tensión sistólica (o que comunmente se coñece como "13 de tensión alta"), de media amosaría entre 132,8 mmHg ou 127,2 mmHg). Tensoval Mobil foi o mellor en "tensión baixa", con 3,8 mmHg de desviación media, pero foi o que máis se desviou na "tensión alta" (5,7 mmHg). O peor ao medir a "tensión baixa" foi Omron R3 Intellisense, con 6,8 mmHg de desviación. Agora ben, alén dos resultados parciais, os equipos que menos se desvían nas dúas medicións son Oregon Scientific e Tensoval Duo Control.

Tendo en conta todas estas probas de laboratorio, o tensiómetro de maior calidade é Tensoval Duo Control, que alcanza o "moi ben". Oregon Scientific, Aposán, Tensoval Móvil e Omron M6 quedaron no "ben" e Omron R3 Intellisense foi o peor e non pasou do "suficiente".

Proba de uso

Oito usuarios probaron estes tensiómetros e valoráronos do un ao dez co fin de saber, máis alá de probas de laboratorio, que impresión subxectiva xeran nos consumidores. O deseño que máis gustou foi o de Omron M6 Comfort (7,9 puntos sobre 10), mentres que a embalaxe mellor presentada foi a do outro equipo de Omron (R3 Intellisense, con 8,1 puntos). O mellor manual de instrucións e o máis sinxelo de pór en marcha foi Tensoval Duo Control. O máis incómodo foi Tensoval Mobil (6,1 puntos). Todos foron doados de utilizar (a peor nota foi un 7,6). O menos claro á hora de amosar o resultado na pantalla foi Oregon Scientific (7 puntos).

En definitiva, a proba de uso non deparou grandes diferenzas: os que máis gustaron (Tensoval Duo Control e Omron M6 Comfort, os dous con 7,8 puntos sobre 10) apenas se desmarcaron fronte ao peor valorado, que tamén chegou ao notable: Oregon Scientific (7,3 puntos).

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto