Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Bebidas de soia: Achegan proteínas vexetais e a súa graxa é máis saudable ca a do leite

Unhas engaden azucres, vitaminas, calcio e aditivos para emular o leite e saber mellor, outras teñen só auga e fabas de soia. Carecen da caseína e lactosa do leite, que poden causar alerxias e intolerancias aos consumidores

  Hai quen consume bebidas de soia por mero gusto, pero tamén, e quizais é maioría, quen o fai por motivos dietéticos ou porque atopa nelas un modo de proverse de proteínas de orixe vexetal. De feito, o aínda recente despegue comercial das bebidas de soia en España débese ao seu posicionamento como substituto do leite, o que lle permite dirixirse a un segmento de consumidores máis amplo. Consisten nun "preparado con fabas de soia secas remolladas en auga e transformadas en puré, fervidas e coado o líquido" ou en "preparados con fariña de soia, concentrado de soia, illado de soia", segundo o Códex Alimentario. O produto comercialízase tal cal ou logo de lle incorporar outros ingredientes e aditivos co obxectivo de se parecer ao leite. A soia supera ao resto dos legumes pola súa riqueza en proteínas e pola súa gama completa de aminoácidos esenciais. Por iso, é un alimento idóneo para quen segue unha dieta vexetariana ou para quen decide prescindir de carnes, peixes e doutros alimentos de orixe animal. As bebidas de soia son un produto vexetal que achega proteínas en cantidade similar ao leite de vaca (arredor do 3%). Unha das súas características diferenciais, ou das súas vantaxes, é que carecen de lactosa (azucre do leite) e de caseína (proteína do leite), que lles causan alerxias e intolerancias a algúns consumidores. A achega calorífica (40 calorías cada cen mililitros) é semellante á do leite semidesnatado, pero o seu prezo é superior ao do leite, amais de dispar: dende menos de 1 euro o litro (Yosoy) ata 2,15 (Dietisa).

No mercado coexisten dous tipos de bebida de soia. Un prioriza converterse en substitutivo do leite e para emular as súas características nutritivas e organolépticas (sabor, cor, olor, textura) engádelle á materia prima (fabas de soia) non só auga senón tamén azucre e xaropes, aromas, espesantes, reguladores de acidez e outros aditivos, amais de vitaminas e calcio. O outro tipo de bebida de soia, o máis natural, componse exclusivamente de soia e de auga (e, nalgún caso, de sal).

Analizáronse oito bebidas de soia que se venden en cartóns de un litro. Tres son bebidas de soia tal cal e as outras cinco pertencen ao grupo das que imitan o leite. Non hai máis que probalas ou que ler a súa listaxe de ingredientes para comprobar a diferenza. Isto último hai que facelo, porque as súas etiquetaxes poden confundir: chámanse igual, "bebidas de soia", e as oito etiquetaxes son incorrectas (léase o "Un por un"). Estes dous tipos de bebida, así e todo, aseméllanse nos seus contidos en graxa e proteína e na súa achega calorífica. A bebida de soia, aínda que non ten moita menos graxa ca o leite (o 2% de media, fronte ao 3% do leite enteiro), si pode presumir dun perfil lipídico máis saudable, xa que contén menos graxas saturadas e carece de colesterol.

As análises realizadas serviron para comprobar que a soia utilizada nestas oito bebidas é non transxénica, que ningunha contén glute e que as oito mostraban un correcto estado hixiénico-sanitario. Como cabía esperar, a cata deparoulles peores resultados (ningunha chegou ao aprobado: acadaron entre 3,6 e 4,2 puntos) ás bebidas máis naturais ca ás que incorporan máis ingredientes, aromas e outros aditivos, que obtiveron entre 5,8 e case 7 puntos. Entre estas últimas, a mellor relación calidade-prezo correspóndelles a Kaiku e a Vivesoy, ambas as dúas arredor de 1,25 euros o litro, e, entre as máis naturais, a Yosoy, a máis barata: 0,98 euros o litro.

Hidratos, graxa e fibra

As bebidas de soia con máis carbohidratos, entre o 3% e o 4%, son as cinco que engaden azucre; as tres que non o fan quedan entre o 0,8% e o 1,6%. Kaiku e Alpro soia suman azucre moreno de cana e alcanzan o 4% de hidratos e un 2,8% de azucres. Alpro soia lixeira (incorpora xarope de frutosa e glicosa, amais de fibra) e Vivesoy (frutosa) conteñen un 3,8% e un 3,6% de hidratos e un 2% e un 1,9% de azucres, respectivamente. En Gerblé os hidratos (3,5%) proveñen do azucre integral de cana, da celulosa e da maltrodextrina de millo engadidos, e o seu contido de azucre é o 1,7%. O leite de vaca ten un 5% de hidratos. As tres bebidas de soia tal cal, pola súa insignificante cantidade de azucres, pódense considerar produtos aptos para diabéticos. Aínda que o gran de soia é unha leguminosa rica en fibra (case o 16%), na elaboración da bebida prodúcese un filtrado que elimina a maior parte da fibra insoluble. Así e todo, a bebida de soia, a diferenza do leite de vaca, achega algo de fibra, se ben en cantidade (inferior ao 1%) pouco relevante.

  A bebida de soia contén un 1,8% de graxa de media, e a cantidade varía só entre un 1,7% e un 2,2%, mentres que o leite enteiro contén un 3,6% de graxa e o semidesnatado o 1,5%. A cantidade de graxa é similar, mais non o perfil desa graxa: a maior parte da das bebidas de soia (de media, o 84%) é insaturada e destacan nesta graxa dous insaturados de cadea curta, moi saudables, o linolénico ou omega 3 e o linoleico ou omega 6. A graxa insaturada do leite representa só o 30%, porque o 70% é saturada. Para rematar, e a pesar de que cinco engaden sal mariño, a cantidade de sal nestas bebidas vexetais é irrelevante: un 0,06% de sal de media. Considéranse con excesivo contido en sal os produtos que superan o 1,5%.

A soia é a fonte máis importante de isoflavonas na dieta e o consumo deste fitoestróxeno asóciase coa mellora dos problemas causados pola menopausa e por enfermidades crónicas como a arterioesclerose, a osteoporose e certos tipos de cancro. Os estudos con animais de laboratorio e en cultivos celulares confirman esta correlación, pero os ensaios clínicos non son concluíntes e mesmo resultaron contraditorios.

Mediuse a cantidade de soia en cada bebida

Que unha bebida de soia conteña un 13% de faba de soia non significa que achegue máis proteína ca outra cun 7% de soia. Dependendo da variedade de soia, o seu contido de proteína pode situarse fóra do intervalo máis habitual, o 30%-40%. Ademais, o procesado da soia fai que a proporción de proteína do produto aumente: canta maior deshidratación, máis densidade nutricional. Mediuse en laboratorio a cantidade de soia destas bebidas e comparouse coa declarada nas súas etiquetas. O problema está en que o xeito de medir soia pasa por establecer previamente a cantidade de proteína de cada mostra. E como a cantidade de proteína está suxeita ás circunstancias devanditas, as conclusións non poden ser taxativas. Así debe entenderse que haxa mostras, como Dietisa, que declara case un 15% de soia, á que a análise lle atribúe menos do 10%. A pauta (unha soa excepción: Alpro soia Lixeira declara o 4% de soia e deu case o 6%) foi a de menos soia da declarada. Os datos de soia tirados no laboratorio son un cálculo a partir da cantidade de proteína atopada en cada mostra, polo que non se pode concluír que ese menor contido en soia se deba a que os fabricantes empreguen menos da que declaran. O relevante é que a cantidade de proteína é similar nas oito, xa que en sete entra no intervalo que abre o 3% de Vivesoy e pecha o 3,7% de Yosoy.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto