Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Fondos de investimento para se defender da crise: Receitas para investir con seguridade

Agora que preservar o capital se tornou unha máxima obrigada para os aforradores máis prudentes, a renda fixa brilla con luz propia, aínda que non todos os produtos desta categoría son seguros e de baixo risco

  Elixir un fondo de investimento pode parecer tan sinxelo como abrir o armario, botarlles unha ollada a todos os complementos e decidirse polo primeiro traxe que, en principio, nos guste. Non obstante, en plena crise, hai que saber seleccionar o "traxe" menos arriscado. Esta non unha decisión nada doada, xa que como os estudantes, o ámbito referido aos fondos de investimento está sometido a exame na actualidade. Ante a quebra de Lehman Brothers ou a fraude de Madoff, algúns dos fondos considerados máis seguros entraron en números vermellos. Os nefastos acontecementos financeiros deixaron claro que non todos os produtos en aparencia de baixo risco o son e que agora máis ca nunca convén avaliar cales son aptos e cales non para se defender da crise. En consecuencia, son moitos os aforradores que non saben que facer nestes intres cos seus cartos e que mesmo se fan preguntas como se queda no mercado algún fondo de investimento seguro, se de verdade hai fondos sen risco e con que tipo de fondos se pode protexer o patrimonio en plena crise. Por iso, saber combinar rendibilidade-risco é fundamental para se sentir cómodo e seguro co instrumento elixido.

  Para acoutar as posibilidades de preservar o capital e obter algunha ganancia, por mínima que sexa, hai que dirixir todas as olladas cara aos produtos de renda fixa. Pero non a todos. Nunha clasificación de menor a maior risco, situaríanse na actualidade os seguintes fondos: monetarios, fondos garantidos de renda fixa, fondos de renda fixa europea a curto e longo prazo e fondos de renda fixa privada de calidade. Pola contra, convén evitar os fondos de renda fixa de alto rendemento (os denominados "high yield") e mais os fondos monetarios dinámicos que invisten en bonos de empresas de baixa calidade crediticia. Tampouco son fondos aptos para superar a crise os mixtos nin os de renda variable, en calquera das súas categorías.

Na actualidade, a industria dos fondos de investimento conta con máis de seis mil produtos distintos, con máis de seis millóns de investidores e xestiona un capital de 165.655 millóns de euros. Polo tanto, aínda que algúns produtos se viran afectados polos últimos sucesos negativos, non hai que meter a todas as xestoras nin a todas as categorías de fondos no mesmo saco. Tamén en plena crise se comercializan fondos cos que se pode protexer o capital e acadar revalorizacións, aínda que non sexan moi altas. Iso si, hai que saber elixir ben. Dous consellos básicos: non todos os fondos de renda fixa son seguros e implican un risco baixo. Moitos deles non son aptos para os máis conservadores, que buscan, sobre todo, preservar o seu capital.

Fondos APTOS

  1. Fondos monetarios: no 2009 espérase que a rendibilidade deste tipo de produtos sexa baixa. Se se ten en conta que os tipos de xuro poden caer en Europa ata o 1%, é probable que os monetarios rendan arredor do 1% ou do 1,5%. Pero, aínda pensando nunha hipotética rendibilidade baixa, é recomendable a súa contratación para se defender da crise. Coa inflación situada no 0,8%, ningún investidor que aposte polos fondos monetarios máis conservadores perderá poder adquisitivo.

Este tipo de fondos caracterízanse porque tradicionalmente foron os produtos de menos risco nesta industria, coa obtención de rendibilidades positivas. Invisten en activos de renda fixa a moi curto prazo, con vencementos inferiores a doce meses. No 2008, segundo os últimos datos da Asociación de Institucións de Investimento Colectivo (Inverso), só os fondos monetarios, os garantidos e os de renda fixa a curto e longo prazo concluíron con ganancias.

Pero, que debe conter a carteira do fondo monetario en concreto? En particular, este ano a aposta máis segura vén da man dos fondos monetarios que invistan en débeda pública europea e, sobre todo, española. Entre as mellores opcións atópase a de investir en monetarios que, á súa vez, o fagan en activos emitidos por gobernos que gozan das mellores cualificacións realizadas polas axencias de rating.

2. Fondos garantidos: Preservar o capital 100% é a principal premisa coa que hoxe este tipo de fondos atraen un gran número de aforradores. Cando a aversión ao risco aumenta, como acontece nestes intres, estes produtos volven copar os maiores esforzos comerciais das xestoras por atraer capital. Agora ben, non todos os garantidos son seguros. O primeiro no que hai que reparar antes de optar por un destes instrumentos é que garantan todo o capital investido, porque hai algúns que só protexen o 90% ou 95%. O segundo punto que cómpre aclarar é que, tal e como están os mercados, aínda é difícil gañar cun fondo garantido de renda variable, é dicir con fondos que vinculan a súa rendibilidade ao que faga a bolsa. Na actualidade, os investidores que se queren defender da crise elixen un garantido de renda fixa que de verdade lles asegure unhas ganancias periódicas e que non dependa da evolución do mercado nin doutras condicións estrañas. Só o pasado ano os garantidos de renda fixa concluíron cunhas ganancias medias do 3,28%, co que se alzaron como a mellor categoría de todo este mercado en España.

  3. Fondos de renda fixa a curto e longo prazo: Contan tamén co aprobado en plena crise. É dicir, son categorías de fondos que se poden manter en carteira porque en principio se comportan ben en tempos difíciles. No tocante aos fondos de renda fixa a curto prazo, convén apostar por aqueles que invistan sobre todo en débeda gobernamental e que diversifiquen unha pequena parte da súa carteira con renda fixa privada de empresas solventes.

Co fin de aproveitar a tendencia baixista dos tipos de xuro, tamén interesa apostar por fondos de renda fixa a longo prazo. Polo xeral, se baixan os tipos de xuro as emisións que hai xa no mercado valen máis (soben o seu prezo). En todo caso, convén apostar por fondos de renda fixa que invistan en activos da zona euro. É aconsellable evitar os fondos que apostan pola débeda doutros países, xa que ese investimento introduce un novo risco adicional ao dos tipos de xuro -o risco de cambio-. Se a moeda do país no que inviste o fondo baixa, o investimento tamén baixará.

No 2008, os fondos de renda fixa a longo prazo españois concluíron cunhas ganancias do 2,45%, mentres que os de renda fixa a curto prazo españois acadaron unha rendibilidade media do 1,21%. Non obstante, os de renda fixa a longo prazo internacionais concluíron cunhas leves perdas do 0,22%.

4. Fondos de renda fixa privada de calidade: Ante as baixas rendibilidades da débeda pública, os que estean dispostos a asumir un chisco máis de risco poden ollar cara aos fondos de renda fixa privada. Neste caso, a selección debe ser minuciosa. A clave está en apostar por fondos que invistan en débeda de empresas solventes, de sectores defensivos e básicos (eléctricas, enerxéticas ou telecomunicacións) con balances saneados. Na actualidade, os diferenciais que están a dar este tipo de fondos son superiores aos da renda fixa gobernamental e previsiblemente manteranse así todo o exercicio, pero só na renda fixa privada de calidade. Evitaranse, xa que logo, os fondos que invisten en renda fixa emitida por empresas de sectores como a automoción ou o financeiro.

Fondos de renda fixa NON APTOS

Hai que enterrar o mito de que todos os fondos de renda fixa son seguros e dan rendibilidades fixas, como o seu propio apelido indica. Non é así. Tamén a renda fixa pode carrexar perdas se o xestor non move a carteira en función das condicións de mercado. Isto é así porque os activos de renda fixa tamén soben ou baixan de valor en función de determinadas variables, como os tipos de xuro, a demanda ou a conxuntura económica ou empresarial particular. Por exemplo, na actualidade, aconséllase fuxir dos fondos monetarios dinámicos. Estes produtos, que en épocas de bonanza dan un plus de rendibilidade sobre os monetarios puros, en etapas de vacas fracas dan perdas. Isto débese a que unha parte da súa carteira se inviste en activos de empresas ou de gobernos de baixa cualificación crediticia, nos denominados "activos lixo". O risco de ter que afrontar non pagamentos empresariais é hoxe en día moi alto, así que convén evitar este tipo de fondos. Por moi pequena que sexa a súa exposición a estes "activos contaminantes", se unha empresa na que inviste quebra, o impacto na rendibilidade é salientable.

  O mesmo acontece, pero en maior proporción, cos denominados "high yield" (renda fixa de alto rendemento), que invisten en bonos de empresas de dubidosa ou moi baixa cualificación crediticia. Aínda sendo fondos de renda fixa, o risco que se asume agora investindo neles é moi elevado. A súa rendibilidade cae en picado se unha das empresas polas que apostan quebra. Este ano ofrecen rendibilidades medias do 8%. Non obstante, a súa volatilidade e risco é alto, co que non son produtos axeitados para os investidores máis prudentes.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto