Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Natación infantil: Pequenas brazadas, grandes beneficios

  Fórmanse, medran e nacen arrodeados de auga. Así como o líquido amniótico é o medio básico de enriquecemento do bebé no útero da nai, a auga tamén o é dende os primeiros meses de vida extrauterina. Por iso, a natación é unha das actividades físicas máis completas para potenciar o desenvolvemento dos nenos e para mellorar a súa coordinación, equilibrio e forza muscular, amais de lles proporcionar numerosos beneficios psíquicos. Así e todo, a natación para bebés pouco ten que ver con nadar ou con aprender a nadar: é un xeito de estimular o bebé no medio acuático. Agora ben, en ningún caso adquirirán as habilidades necesarias para desenvolveren a autonomía necesaria na auga nin aprenderán os movementos propios que require a práctica da natación.

Beneficios da natación nos máis cativos...

  •   A natación a idades temperás axuda ao desenvolvemento psicomotor, xa que os bebés atopan na auga a posibilidade de se moveren de modo tridimensional, cunha gran liberdade e continuidade de movementos.
  • Os nenos adquiren nocións de desprazamento e de distancia, o que redunda nun maior equilibrio e coordinación motriz. Ademais, a súa aliñación postural vese favorecida.
  • A natación fortalece o sistema cardiorrespiratorio dos picariños. Mediante os exercicios de respiración na auga lógrase aumentar a eficiencia na osixenación e no traslado do sangue.
  • A práctica da natación incrementa o apetito e mellora a mobilidade intestinal.
  • Nenos e bebés, mesmo os máis bulebule ou hiperactivos, reláxanse e dormen mellor logo de botaren unhas horas na piscina.
  • A auga estimula a capacidade de xogo dos bebés, o que resultará moi vantaxoso na súa aprendizaxe futura, xa que desenvolven unha percepción máis ampla do mundo no que viven e son máis creativos e observadores.
  • Na auga o neno comeza a coñecer as súas posibilidades e limitacións e séntese seguro.
  • A actividade acuática en común mellora e fortalece a relación afectiva e cognitiva entre o bebé e os pais.
  • O medio acuático está recomendado sobre todo en nenos con problemas de saúde que dificultan a súa natural mobilidade. É o caso dos menores que sofren danos na columna e que precisan de cadeira de rodas, e mesmo naqueles casos de obesidade infantil.

... e algunha molestia

  • Os nenos máis cativos poden presentar hiperhidratación pola inxestión masiva de auga e, derivado diso, trastornos iónicos (o sangue dilúese e redúcese a súa cantidade de sales).
  • Outras enfermidades frecuentes, neste caso cos ollos como protagonistas, son a conxuntivite química por cloro, a conxuntivite infecciosa vírica ou bacteriana e a infección de córnea en nenos que usan lentes de contacto.
  • As infeccións nas costas (pitiriase versicolor), nos pés por fungos, e/ou diarreas tamén se poden contraer na auga.

A idade axeitada para unha primeira toma de contacto coa auga

A idade recomendable para que o cativo da casa goce do seu primeiro baño na piscina son os 3-4 meses, así que o bebé xa mantén a cabeza ergueita e que o seu sistema inmunolóxico madurou. Así e todo, convén consultar co pediatra esta decisión.

  • Comece as clases cando se sinta seguro, tendo en conta que a partir dos 8 ou 9 meses o bebé perderá algúns reflexos innatos determinantes e precisará aprendelos. (Ata os 4 meses de vida o bebé conserva unha serie de capacidades que favorecen a súa adaptación ao medio acuático). Os bebés que acaban de nacer caracterízanse pola súa capacidade de flotar, de mover o seu corpo dentro da auga de maneira relaxada e de manter o reflexo de apnea baseado en pechar a glote, de xeito que non tragan auga nin experimentan a sensación de se atragoaren.
  • Non cree falsas expectativas. Ata os 4 ou 5 anos os nenos non dan nadado como un adulto. Ata entón son demasiado pequenos para desenvolveren autonomía na auga e adquiriren os movementos propios da natación.
  • Unhas 20 sesións de 30 minutos nun club de natación privado custan entre 250 e 350 euros.
  • O custo dun curso nun polideportivo municipal ou nun centro público oscila entre 30 e 90 euros mensuais.

Condicións óptimas da piscina

  • Evite as piscinas de dubidoso control hixiénico e sanitario, que poden ser causa de serias infeccións e enfermidades.
  • A temperatura da auga debe roldar os 32 ºC, aínda que pode variar un grao para riba ou para baixo en función da época do ano.
  • O nivel de cloración débese manter entre o 0'5 e o 0'6% (fronte ao 1% nas de adultos).
  • A piscina dos pequenos débese reservar para que eles xoguen en exclusiva e para o uso dos seus pais baixo supervisión e recomendación do monitor. Xamais hai que compartir este espazo con outros usuarios.
  • A profundidade da piscina non debería superar o metro, sobre todo no caso dos cursos para os bebés. Deste xeito os pais poden facer pé e reaccionar ante calquera contratempo.
  • Asegúrese de que a zona dos vestiarios onde lles cambia o cueiro estea climatizada e que cumpra coas normas hixiénicas.
  • Se os vestiarios se atopan afastados da piscina é conveniente que preto dela se dispoña dun banco ou dun lugar especial para espir e vestir o neno.
  • Comprobe que sempre haxa monitores ou socorristas preto dos nenos e que o persoal que imparte as clases estea cualificado especificamente para traballar con eles.

Pautas que cómpre seguir na piscina

 

  • Ao comezo do curso as sesións serán curtas, de 10 ou 15 minutos, para que o bebé se vaia afacendo aos poucos. Despois non convén superar a media hora para evitar que o neno canse.
  • No tocante aos horarios, é o bebé ou o neno quen elixe. O máis axeitado é que as sesións de natación non perturben o ritmo cotián habitual.
  • Os primeiros días é recomendable que o cativo entre e saia da auga amodo e devagariño para non se asustar. Nunca o force a facer algo que non queira.
  • Se o cativo ten frío, está incómodo ou chora demasiado sáqueo da piscina.
  • Nunca deixe o pequeno só preto da auga. Aínda que os programas de natación para bebés poden ensinalo a moverse nela, é demasiado pequeno para ser consciente do perigo que iso comporta.
  • Un neno enfermo non se debe bañar ata que estea restablecido por completo.
  • Non estableza un determinado período de tempo para lograr obxectivos, cada neno aprende ao seu ritmo. Nunca o force.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto