Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Os beneficios e inconvenientes da soidade: A soidade elixida e a que nos elixe

Ao contrario ca a imposta, a soidade desexada proporciona unha sensación próxima á liberdade que, á súa vez, pode inspirar o sosego necesario para aturar o estrés da vida cotiá

  O sentimento de soidade é un dos máis difíciles de aturar. O ser humano é, por natureza, social, necesita dos outros para establecer relacións persoais e vivir de maneira satisfactoria. Aínda que algunhas persoas sexan moi autónomas e independentes, precisan, dun xeito ou doutro, a calidade das súas relacións sociais para gozar dun estado de ánimo san.

O benestar xeral dunha persoa depende en boa medida da calidade dos seus vínculos cos demais. De aí que mesmo os médicos definan a Saúde como o benestar físico, psicolóxico e social. Polo tanto, a soidade é un factor prexudicial para a saúde social, que provoca consecuencias negativas na psicolóxica, como a tristura. A saúde dunha persoa está exposta a sufrir danos segundo as relacións sociais que estableza; se estas non son satisfactorias, os sentimentos de soidade non tardan en aparecer.

Se os sentimentos de tristura provocados pola soidade se manteñen durante algún tempo, poden aparecer síntomas de tipo depresivo. Por este motivo é importante manter relacións persoais saudables e pracenteiras, algo que en ocasións resulta difícil nun contexto social no que prima certo individualismo. As familias son cada vez menos numerosas, existe maior mobilidade laboral e as poboacións son cada vez máis grandes. Con este contexto é doado que as persoas se sintan anónimas e que lles resulte máis difícil sentirse parte dun grupo cohesionado que sirva de soporte para afianzar unha saúde social satisfactoria.

Actualmente, na nosa sociedade existe un caldo de cultivo cos ingredientes necesarios para que os vínculos persoais sexan algo febles, o que desemboca nun sentimento de soidade sutil pero constante para algunhas persoas, que, aínda que compartan tempo cos demais, poden sentirse soas por non ter excesiva confianza nas súas relacións.

A soidade desexada (ou sentirse ben en soidade)

O sentimento de soidade non sempre é daniño. Nalgúns casos pódese elixir destinar parte do tempo a realizar tarefas en solitario como opción persoal. Neste caso trátase dunha soidade buscada que nada ten que ver con sentimentos de tristura, senón que pode ser moi gratificante porque fomenta o benestar emocional. En definitiva, trátase máis ben de gozar de momentos de intimidade máis ca de soidade.

Cando unha persoa decide dispor de tempo para si mesma trátase de alguén que goza de estar sen a compaña dos demais durante un tempo limitado. Adoita producirse por unha decisión persoal que desemboca en algo saudable: momentos dedicados a un mesmo que poden ser necesarios e imprescindibles para fomentar o benestar persoal. Iso indica que se é quen de estar sen outras persoas, sinal de autonomía e independencia. Cando unha persoa ten vínculos sans e fortes coas persoas do seu ámbito está preparada para gozar da súa intimidade, non sofre por estar soa porque sabe que conta con persoas próximas que lle achegan benestar e ás que pode recorrer se o desexa.

A soidade desexada ou autonomía non é só unha opción, resulta recomendable para calquera. Pódese asemellar a un anaco para o descanso, xa que é un momento libre de obrigas cos demais que se pode destinar ao que apeteza. Neses momentos, é probable que sinta unha sensación próxima á liberdade, que á súa vez pode inspirar o sosego necesario para aturar o estrés da vida cotiá. Gozando desta liberdade persoal pódese elixir que é o que máis apetece nese momento sen necesidade de lle dar explicacións a ninguén, que é o mesmo que quitar todas as obrigas de enriba, aínda que sexa só por unhas horas.

Polo tanto, todo o mundo debería reservar certos momentos de intimidade para un mesmo. Máis aínda na sociedade actual, na que é difícil atopar situacións nas que se poida gozar da devandita sensación de liberdade, normalmente por falta de tempo debido ás angueiras cotiás. Por este motivo, podería tratarse de algo case terapéutico para calquera que se atope demasiado ocupado ou que destine moitos recursos persoais aos demais. Este sería o caso de persoas que traballan en exceso ou que dedican a maior parte do seu tempo ao coidado dos outros.

É importante tamén considerar que existen ocupacións que poden supor un desgaste persoal importante. Os individuos que se dedican a profesións asistenciais como enfermería, medicina ou atención ao público en xeral, pódense ver sometidos a un grande estrés social, ao igual que lles acontece ás persoas dedicadas ás tarefas domésticas; para elas pode ser moi beneficioso dedicarse tempo persoal a xeito de descanso.

Mesmo existen persoas que fixeron da soidade desexada un estilo de vida: é o caso os "singles" que elixiron levar unha vida máis independente, ou das persoas que gozan viaxando soas ou ben os que prefiren realizar tarefas en solitario no seu tempo libre.

Malia todo iso, e malia a importancia que ten saber e poder gozar de tempo para un mesmo, non se debe caer no illamento. Gozar de tempo persoal para se sentir ben pode ser beneficioso para a saúde psicolóxica sempre que non supoña un abuso e non se descoiden os vínculos que unen ás persoas próximas. A autonomía non debe ser sinónimo de illamento. Coidar e manter as relacións existentes sempre é un bo investimento, xa que soamente se gozará da independencia se se teñen relacións sociais fortes e satisfactorias.

Cando a soidade afecta

Non obstante, a soidade non desexada adoita estar relacionada con emocións negativas que veñen motivadas por circunstancias que a persoa non elixiu.

Cando non se teñen vínculos cos demais ou estes son superficiais, adoitan aparecer sentimentos de tristura que afectan ao estado de ánimo e que diminúen a motivación para relacionarse. Illarse socialmente non é, normalmente, un desexo. Hai persoas que optan por non se relacionaren en exceso pero desexarían ter vínculos sociais satisfactorios, aínda que algo lles impide relacionarse con normalidade.

  Normalmente trátase de individuos con falta de habilidades sociais, con fobia social ou cun resentimento patolóxico que lles dificulta establecer vínculos persoais. O medo esaxerado a estar con outras persoas provoca unha soidade produto de pensamentos distorsionados que impiden relacionarse e establecer relacións íntimas, tan necesarias para o benestar psicolóxico. Polo tanto, o illamento social, acompañado dun baixo autoconcepto e confianza persoal, sería motivo de consulta a profesionais da saúde.

A soidade non desexada tamén pode producirse por un cambio no contorno de súpeto, como a rotura de relacións persoais. Neste caso é importante apoiarse nas demais persoas do contorno para evitar a aparición e a esaxeración dos sentimentos de perda.

Outro tipo de soidade, aínda que poida parecer algo contraditoria, é a de estar con outras persoas pero coa sensación de non se sentir parte do grupo. Adoita acontecer cando alguén se garda para si a información que lle gustaría compartir cos demais, pero que por algunha razón non atopa o xeito de facelo. Este é un tipo de soidade bastante frustrante porque non permite o gozo dunha relación íntima que achegue seguridade. É habitual en persoas que gardan os seus problemas para si mesmos, ben porque non teñen a confianza abonda para compartilos ou porque lles falta asertividade para facer respectar os seus puntos de vista.

Para este caso é recomendable afianzar as relacións xa existentes e ampliar o contorno social. Pero aínda máis importante é vincularse de xeito máis íntimo e expresar os pensamentos de modo seguro e confiado. Compartir as emocións e os sentimentos e facer partícipes aos demais dunha parte da intimidade persoal fomenta os vínculos cos outros. Cando se comparte cos demais algo máis ca compaña, o sentimento de soidade diminúe a prol do benestar social e psicolóxico.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto