Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Educación alimentaria dende as aulas: A materia máis sabedora

As intervencións educativas no eido da alimentación transcenden da escola e esixen a participación activa das familias

  Pais, médicos, especialistas e educadores implicáronse os últimos anos para que os nenos sigan unha dieta sa e equilibrada, pero os datos demostran que o esforzo realizado non abondou. Case 22 millóns de nenos europeos, un de cada tres, superan o peso saudable que lles corresponde pola súa idade. Deles, máis de cinco millóns padecen obesidade. O consumo desmedido de produtos doces e ricos en graxas e a tradicional reticencia dos nenos a comeren froitas e hortalizas frescas acotío explican parte do problema. A falta de actividade física fai o resto.

A elevada e preocupante taxa de obesidade infantil -en España ascende ao 16% en nenos de entre 6 e 12 anos- propiciou que a Unión Europea aprobe varias resolucións en apoio de políticas escolares que lles ofrezan oportunidades aos nenos para escolleren alimentos sans e nutritivos. O obxectivo prioritario da política europea de prevención sanitaria é pór en marcha programas de educación alimentaria nos centros escolares para facer promoción da saúde e a prevención, sobre todo, da obesidade infantil. Algunhas destas propostas inclúen a distribución gratuíta de leite ou froita e mais a promoción da práctica de deportes de xeito regular.

Iniciativas europeas en funcionamento

  A mala alimentación que en xeral seguen os nenos e os mozos obrigou a adoptar diferentes iniciativas para tratar este trastorno alimentario como un grave problema. Calquera acción encamiñada a cumprir o devandito propósito pasa por sensibilizar aos nenos e mais aos implicados na súa educación alimentaria, sobre todo a familia e o profesorado, do impacto que xera na saúde unha mala alimentación.

O último proxecto aprobado polo Parlamento Europeo a finais do 2008 é o "Plan de consumo de froita fresca nas escolas" (School Fruit Scheme), que ten como obxectivo que todos os escolares europeos coman froita fresca acotío. Este plan paneuropeo é unha das propostas que se inclúen dentro do proxecto europeo de maior envergadura en prevención de saúde a través da nutrición, coñecido como a "Estratexia para Europa sobre a nutrición, o sobrepeso e a obesidade". Baséase no establecemento das medidas concretas que se poidan adoptar a escala comunitaria co obxecto de que a mala alimentación e a falta de actividade física deixen de ser as principais causas de enfermidades evitables e de falecementos prematuros en Europa. Agora correspóndelles aos gobernos dos Estados membros, entre eles España, decidir se desexan participar.

Esta decisión chega poucos meses despois de que a eurocámara aprobase outro informe no que rexeita a venda de produtos de alto contido en graxas, sal e azucres nas escolas, ao tempo que pide que os programas escolares lle dediquen polo menos tres horas semanais á materia de educación física.

Froita e lácteos, gratis nas escolas

  A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda o consumo diario de polo menos 400 gramos de froita e verdura para os menores de once anos, pero a maioría non alcanza este obxectivo. Neste sentido, a creación dun plan de distribución gratuíta de froita nas escolas podería ser determinante para mellorar a dieta dos nenos. Axudaríaos a desenvolveren o seu sentido do gusto e adquirirían hábitos saudables. Comprobouse que as persoas que dende moi novas seguen pautas correctas de alimentación as manteñen durante toda a súa vida.

Está previsto que o plan se aplique, de xeito promocional, ao comezo do curso escolar 2009-2010 nun número reducido de centros. Se funciona ben, espallarase ao ámbito nacional e acompañarase de campañas de difusión e de programas de educación alimentaria. Este proxecto, que ao primeiro comezará coa repartición de froita fresca e que prevé continuar coa repartición de hortalizas, únese a outro que xa se puxo en marcha hai máis de 30 anos, "Leite nas Escolas" (European School Milk Scheme). Grazas a este programa, os nenos dos centros escolares adheridos contan coa oportunidade de consumiren decote un vaso de leite ou un derivado lácteo pouco graxo -iogur ou outros leites fermentados e queixo-, alimentos esenciais na súa dieta cotiá polo seu valor nutricional.

Un proxecto similar de distribución gratuíta de froita fresca nas escolas, o "USDA Fresh Fruit and Vegetable Program", púxose en marcha no 2002 nos Estados Unidos. O programa, que comezou como un proxecto piloto en pouco máis de 100 escolas de catro Estados, deu tan bos resultados no referente aos correctos hábitos entre a poboación infantil que se converteu nunha acción permanente que nestes momentos chega ás escolas de todo o país.

Iniciativas pioneiras españolas

En España, baixo as directrices da Estratexia para a Nutrición, a Actividade Física e a Prevención da Obesidade (NAOS), e a partir do apoio do Ministerio de Sanidade e Consumo e do de Educación, Política Social e Deporte, estase a desenvolver dende o curso escolar 2006-2007 unha iniciativa pioneira de educación alimentaria: o Programa Perseo, un programa piloto escolar de referencia para a saúde e o exercicio contra a obesidade.

Esta proposta deseñouse co fin de promover hábitos alimentarios saudables e de estimular a práctica de actividade física regular dende a escola a un sector concreto da poboación. Os participantes son nenos de entre 6 e 10 anos das seis comunidades autónomas (Galicia, Castela e León, Estremadura, Murcia, Andalucía e Canarias) e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, rexións que rexistran a maior taxa de obesidade infantil no noso país. O principal atractivo deste programa é que as intervencións educativas transcenden da escola; implican a participación activa das familias e trabállase sobre o comedor escolar e sobre o contorno dos rapaces para lles facilitar aos escolares a elección de alimentos máis sans. A Administración valora nestes momentos espallar o programa a outras comunidades.

Pero esta non é a primeira experiencia española en materia de educación alimentaria pública nas escolas. Dous anos antes, no 2004, a Asociación para a Promoción de Froitas e Hortalizas "5 ao día" puxo en marcha o Programa Educativo "5 ao día", dirixido a todos os centros interesados na boa alimentación dos nenos. O obxectivo non era diferente ao das actuais políticas europeas: mudar os hábitos de consumo a favor da inxestión de froitas e hortalizas por parte dos nenos a través da educación alimentaria nos ciclos da educación infantil e primaria. As escolas adheridas, amais de aceptaren o compromiso de aplicar o programa pedagóxico, debían comunicarlles a súa aposta educativa ás familias e incorporar de modo habitual as froitas e as hortalizas nos menús escolares e transformalos en saudables. Ata o momento, máis de seis millóns de estudantes de máis de 20.500 escolas seguiron o programa de educación en hábitos alimentarios saudables.

A esta iniciativa educativa súmase o Programa "Apadriña una Escola". A figura do padriño represéntaa unha entidade pública ou privada, vinculada á Asociación para a promoción de Froitas e Hortalizas "5 ao día" e sensibilizada coa deterioración da alimentación infantil. A súa principal actividade é responsabilizarse na súa rexión dun número determinado de escolas, facilitando o financiamento para que poidan dispor do programa educativo e promover así o consumo de froitas e hortalizas entre os nenos.

Os videoxogos, grandes aliados

Aínda que poida resultar paradoxal, unha das fórmulas nas que máis se confía para educar os cativos en saúde e nutrición e para combater de xeito interactivo a obesidade é a mesma á que se lle atribúe o aumento do sedentarismo na última década: os videoxogos.

A través do xogo, os nenos aprenden as características nutritivas dos alimentos, a elixir os máis saudables e a elaborar un menú diario coñecendo as receitas dos pratos. Tamén os axuda a entender as etiquetas dos produtos e a información nutricional para que coñezan os nutrientes que conteñen os alimentos que máis lles gustan.

Polo tanto, a partir dos videoxogos e dos xogos en liña sobre alimentación saudable preténdese aproveitar eses momentos de lecer nos que os rapaces recorren á consola, co fin de fomentar a aprendizaxe virtual e mais o exercicio físico. Segundo os deseñadores dalgúns destes videoxogos, a fórmula de persuasión verbal sobre o que é bo e malo para a saúde nos máis pequenos non está a funcionar. Non abonda con lles dicir aos nenos o bo que é comer verdura, senón que cómpre mudar, amais da mensaxe, o ámbito no que se lle proporciona a devandita información, e iso conséguese na rede e mediante este tipo de xogos educativos.

TáBOA COMPARATIVA

Máis accións saudables de educación en alimentación
Proxecto LUDOS
Ministerio de Educación e Ciencia
O propósito do proxecto é ofrecer recursos informativos e educativos multimedia e interactivos na área da educación física e da alimentación para o alumnado, para o profesorado e para o público interesado.
Imos comer
Xunta de Andalucía
Programa informático concibido para o seu uso como material didáctico na aula de 2º ciclo de Primaria. Mediante un contorno visual e auditivo estimulante, proporciónase un apoio ameno e interactivo á hora de abordar o tema da alimentación equilibrada e a saúde.
Juantxo e o Comando 5
Nutrisa, Servizos para a Nutrición e Tenreira de Navarra
Campaña de educación sobre a alimentación sa deseñada por dietistas-nutricionistas que chega aos nenos da man de personaxes animados; Juantxo e o Comando 5, composto polo Comandante Almorzo, Breik, Capitán Mediodía, Merendón e Ceobot. De xaneiro a maio do 2007 levouse a cabo a primeira campaña que difunde a mensaxe de alimentación saudable por 44 centros escolares navarros, e, nos meses de verán, mediante o slogan "Apúntate ao 5 este verán", o proxecto desenvolveuse en 30 piscinas. Entre a campaña nas escolas e a campaña nas piscinas, a mensaxe chegoulles a máis de 7.000 nenos. O pasado 2008 repetiuse nas escolas, coa novidade de que se fixo tamén promoción da actividade física; naceu así a segunda campaña, "As Olimpíadas de Juantxo", que xa lles chegou a 1.550 nenos de 35 escolas navarras.
Escola para previr a obesidade infantil
Fundación EROSKI
Iniciativa online que ten como obxectivo fomentar unha alimentación equilibrada entre os nenos e mozos e amosar como o feito de comer de xeito saudable ten un impacto positivo na saúde evitando a obesidade. A Escola enténdese como unha ferramenta para aprender a alimentarse de maneira sa, equilibrada e divertida. Conta con máis de 170 páxinas, estruturadas en catro apartados diferenciados en estética e contido, segundo o público ao que se dirixe: responsables da alimentación infantil, nenos e nenas de 6 a 10 anos, de 10 a 14 anos e adolescentes.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto