Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Enxaugaduras bucais alcohólicas mentoladas: O máis caro, o que menos lles gustou aos consumidores

Os elixires deben utilizarse despois do cepillado e en ningún caso o substitúen. Os que teñen máis fluor protexen mellor o esmalte

  A hixiene bucal ten unha importancia decisiva na saúde, xa que axuda a combater a placa bacteriana e a súa acumulación na base dos dentes, o sarrio. Ademais, prevén tanto a carie (a acumulación de ácidos que destrúen o esmalte) como a enfermidade periodontal (a retracción da enxiva que provoca o debilitamento do óso no que se aloxa o dente). Aínda que non substitúen o cepillado, as enxaugaduras bucais axudan a manter a boca limpa e sa por mor da súa acción antibacteriana. Estes elixires son solucións acuosas ou hidroalcohólicas que utilizan compoñentes moi similares ás pastas dentífricas.

CONSUMER EROSKI analizou sete enxaugaduras bucais alcohólicas mentoladas, que custan dende os 7,77 euros por litro de Kemphor ata os 19,75 euros por litro de Oraldine. Aínda que a composición de todos os colutorios analizados é moi semellante, algúns fabricantes etiquetan os seus produtos como cosméticos (é o caso de Oral-B, Colgate Plax, Sensodyne e Kemphor) e outros fano como dentífricos (tal e como acontece con Oraldine, Listerine e Licor del Polo, que se denominan antisépticos). Ao contrario ca os cosméticos, os dentífricos teñen número de rexistro sanitario, o que significa que antes da súa comercialización a Axencia Española do Medicamento avalou os estudos científicos que acreditan as propiedades que declaran. Por outra banda, nin Kemphor nin Oraldine lles desaconsellaban o seu uso aos nenos na etiquetaxe. Aínda que esta advertencia non é obrigatoria por lei, valorouse positivamente que o resto si o fixesen, xa que se trata de produtos con alcohol. Neste sentido, o mellor envase é o de Listerine, o único con tapón anti-nenos. A mellor relación calidade-prezo deste comparativo é Oral-B; foi o mellor valorado polos consumidores, é un dos que máis fluor tiña e non se detectou ningún alérxeno na súa composición.

Flúor e outros activos declarados

  A maioría de dentífricos e elixires bucais conteñen fluor, unha substancia de probada eficacia anticarie, que reforza o esmalte dental e que o torna máis resistente ante os ácidos producidos pola placa. Aínda que por outra banda, demostrouse que en menores de seis anos unha inxestión excesiva desta substancia pode provocar manchas nos dentes (fluorose), o que fai máis recomendable que os nenos utilicen enxaugaduras bucais específicas para eles e pastas dentífricas cun contido en fluor que non supere as 1500 partes por millón. Os sete elixires analizados neste comparativo teñen fluor en cantidades que se consideran seguras, agás Oraldine e Listerine, que non conteñen esta substancia. O que máis fluor ten e, polo tanto, o máis recomendable para a carie é Oral-B (250 partes de fluor por millón).

Amais de fluor, todas as enxaugaduras analizadas agás Sensodyne e Lysterine declaran outros ingredientes activos de efecto antiséptico como clorhexidina (Licor del Polo), cloruro de cetilpiridinio (Oral-B, Colgate Plax e Kemphor) e hexetidina (Oraldine). Son compostos con grande actividade antiplaca pero nalgúns casos poden ter efectos secundarios como molestias xenxivais, ulceracións, perda do gusto ou unha lixeira tinguidura dos dentes (que se elimina cunha limpeza no dentista).

Aínda que só Listerine e Colgate informan na súa etiquetaxe da presenza de mentol entre os seus ingredientes, os sete elixires analizados son mentolados, polo que polo que é moi probable que todos o inclúan e que os fabricantes se limiten a usar o termo xenérico "aroma".

Axudan a neutralizar o pH da boca

Auga, alcohol e ingredientes activos. Esa é, principalmente, a fórmula das enxaugaduras bucais. O xeito de estimar a cantidade de ingredientes activos de cada un (e, polo tanto, o seu custo de fabricación) é obter o extracto seco. Para iso, os sete elixires evaporáronse no laboratorio a unha temperatura de 105 ºC e comprobouse que Listerine é o de maior extracto seco (13,9%) mentres que Oraldine está composto nun 99% por compoñentes volátiles (só ten o 0,8% de extracto seco). En vista dos resultados, o que si queda claro é que, nuns e noutros, o ingrediente principal é a auga. Polo tanto, e a pesar de que todos os produtos deste comparativo e a maioría dos que se comercializan están pensados para o seu uso directo, escoller elixires sen diluír, máis pequenos e máis lixeiros de transportar, podería ser un bo xeito de reducir as emisións de CO2.

Por outra banda, un elixir considérase máis correcto canto máis se achegue ao pH da cavidade oral, que se atopa arredor de sete (por baixo do 5,5 o esmalte dos dentes desmineralízase e a súa estrutura comeza a estragarse). Licor del Polo, cun pH de 6,6, sería o mellor neste sentido e Listerine, cun pH de 4,4, o menos neutro. Como todas as enxaugaduras son ácidos, deben usarse preferentemente xusto tras o cepillado, xa que nese momento o pH da boca é lixeiramente alcalino e estes elixires axudan a equilibralo.

Coidado co alcohol

Aínda que os sete colutorios analizados son hidroalcohólicos, non todos conteñen a mesma cantidade de etanol. Destaca Listerine, cun 17%, moi por riba da media (un 8%). O alcohol emprégase como disolvente dos principios activos dos elixires e ten tanto propiedades antisépticas como conservantes. Por outra banda, ten un efecto caústico, destrúe os tecidos na cavidade oral, e, ademais, en concentracións elevadas, pode provocar dor oral. O seu uso está especialmente contraindicado en nenos, pacientes con mucosite (inflamación da mucosa oral), persoas que recibiran tratamentos con radiación na cabeza ou pescozo e todas aquelas que, pola súa enfermidade, teñan alterado ou comprometido o sistema inmunitario.

No tocante a compoñentes alérxenos, todas as mostras son correctas, xa que, a pesar de que as sete tiñan alérxenos, ningunha superaba o límite legal de 100 partes por millón (0,01%). Todos os elixires contiñan d-limoneno en distintas doses. Sensodyne incluía tamén linalol; Colgate Plax tiña cinamal e euxenol e Kemphor era a mostra con máis alérxenos, xa que se identificaron na súa análise todos os anteriores. Oral-B foi a única enxaugadura na que non se detectou ningunha destas substancias.

Os consumidores preferiron Oral-B

Para completar a análise de laboratorio pedíuselles a 30 consumidores que utilizasen as sete enxaugaduras durante tres días consecutivos e que avaliasen a súa cor, olor e sabor, amais das sensacións de frescor e limpeza que deixaban na boca e a duración do frescor. Oral-B obtivo as mellores cualificacións en cada un destes apartados e logrou unha valoración global de 6,5. Destacou sobre todo pola súa sensación de frescor, polo seu olor e polo seu sabor. Sensodyne e Licor del Polo acadaron tamén boas cualificacións (6,3 e 6,2 respectivamente), mentres que Listerine e Oraldine obtiveron as peores notas (5,1 en ambos os dous casos) e ocuparon postos de cola nos distintos apartados sometidos ao xuízo dos consumidores.

Consellos para unha hixiene bucal axeitada

  • Cepille os dentes polo menos tres veces ao día e non deixe pasar máis de quince minutos entre o final da comida e o cepillado.
  • Limpe as superficies externas e internas dos dentes superiores e inferiores, inclinando o cepillo uns 45º contra o bordo da enxiva e deslizándoo cara a diante, cunha lixeira presión. As superficies de mastigación das moas cepíllanse con movementos curtos cara a atrás e as moas con movementos circulares.
  • Use fío dental para eliminar restos de alimentos e bacterias dos espazos interdentais. Débense seguir as curvas dos dentes e deslizar a seda suavemente cara a arriba e cara a abaixo ata chegar á enxiva, con coidado para non a danar.
  • Debido á súa superficie rugosa, a lingua retén moita placa, polo que debe cepillala de dentro cara a fóra para evitar a formación de sarrio e previr a halitose.
  • Modere a inxestión de azucres e lembre que o tabaco prexudica a saúde da boca.
  • Visite o seu dentista polo menos unha vez ao ano e siga as súas recomendacións. As visitas deben comezar a partir dos dous anos de idade.
  • Durante os seis primeiros meses de vida é conveniente asear os dentes ou enxivas cunha gasa húmida despois de tomar o biberón ou de comer alimentos. Logo e ata os seis anos convén usar un cepillo suave cunha pequena cantidade de pasta dentífrica.
  • Os pais deben concienciar os seus fillos da importancia da saúde bucodental e ensinarlles hábitos correctos de limpeza para que os manteñan durante toda a vida.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto