Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

6 mostras de manteiga e catro de margarina, analizadas: Mellor margarina ca manteiga

A margarina ten menos graxa e achega menos calorías. Ademais, o perfil da súa graxa é máis saudable, ao ter menos graxas saturadas e menos graxas trans. Sae máis barata, úntase mellor, e non foi inferior na cata

  Manteiga ou margarina? Aínda que hai quen ten ben claras as súas preferencias, a dúbida xórdelles a moitas persoas cando hai que preparar as torradas do almorzo, os bocadillos dos rapaces e certos prebes ou pratos. Ambos os dous son alimentos sen case proteínas nin hidratos de carbono (menos dun 1% destes dous nutrientes), pero moi graxos e caloríficos, polo que convén moderar a súa inxestión, e con particularidades que os distinguen. Non é pequena a de que a manteiga ten orixe animal e procede exclusivamente de leite ou de nata, mentres que a margarina se obtén con complexos procesos tecnolóxicos a partir de aceites vexetais (aínda que se pode elaborar con graxa animal, hoxe case todas son 100% vexetais). Tamén é lugar común que o tradicional sabor da manteiga e a súa imaxe de produto máis natural fixeron que gañase adeptos fronte á margarina. Esta, aínda que nace apenas hai unhas décadas como resultado das necesidades e esforzos da industria alimentaria, non carece dun par de convincentes argumentos: custa moito menos -case a metade- ca a manteiga e resulta máis doada de untar ao ser a súa graxa máis branda.

Ao se compararen no laboratorio, tal e como fixo CONSUMER EROSKI nesta análise comparativa, as manteigas máis vendidas (a súa materia graxa, toda ela láctea, representará entre o 80% e o 90% do produto: analizáronse seis, as convencionais de Arias, Breda, Pascual e Central Lechera Asturiana e as "doadas de untar" de Arias e Président) coas margarinas máis consumidas compróbase que a margarina é máis saudable para un consumo frecuente. Así de rotundo.

Analizáronse, amais das seis devanditas manteigas, Flora e Tulipán, dúas margarinas das denominadas "tres cuartos" porque no canto do 80%-90% de graxa que deben ter para se chamaren margarinas conteñen entre o 60% e o 62% de graxa, toda ela de orixe vexetal; tamén se incluíron nesta análise a margarina Artua, que é en realidade "materia graxa para untar 55%", e a "semi-margarina" Ligeresa, que ten un 40%' de graxa. En total, polo tanto, 10 mostras que se compararon como se se tratase do mesmo produto, dado que os seus usos culinarios e alimentarios son idénticos.

A margarina, máis saudable

Por que se conclúe que a margarina é máis saudable ca a manteiga para un consumo frecuente? Porque ten moita menos graxa (entre o 57% de Artua e o 40% de Ligeresa, fronte ao 83% de media das manteigas) e porque, ademais, esa graxa ten un perfil máis cardiosaudable: a proporción de ácidos graxos saturados é notablemente inferior, ten arredor dun 30% de media de saturados fronte ao case 70% das manteigas. E a margarina carece de colesterol, cando a manteiga o contén en cantidade considerable (250 mg/100 g). Tamén é menos enerxética: achega entre 500 e 550 calorías cada cen gramos, fronte ás 748 calorías cada cen gramos que, de media, achegan as manteigas. Inflúe moito na composición nutricional da margarina que un 44% do produto, de media, é auga, mentres que na manteiga só representa o 15%.

A balanza favorece á manteiga en só dous parámetros: carece de aditivos, cando as margarinas os conteñen en xenerosa diversidade (emulxentes, conservantes, acidulantes, aromas e colorantes) e, por outra banda, o sal das margarinas, sen ser excesiva (teñen entre o 0,2% e o 0,7% de sal, cando se considera que un alimento é demasiado salgado a partir do 1,5%), multiplica por dez a insignificante cantidade das manteigas (0,04% de sal, de media). Tamén pode considerarse unha vantaxe da manteiga, se ben menor con respecto ás anteriores, que as súas vitaminas e calcio son naturais, mentres que nas margarinas se engaden no proceso industrial de elaboración; iso, porque a graxa da manteiga, aínda que resulte menos saudable para o noso organismo, contén nutrientes dos que carecen as graxas vexetais.

Novidades na graxa trans

Pero hai aínda outro apartado nutricional importante no que lles vencen as margarinas ás manteigas. É o das graxas trans, que teñen efectos na saúde que se consideran aínda peor ca os das saturadas, xa que contribúen a elevar o nivel do colesterol malo (LDL) e a diminuír o colesterol bo (HDL). Supoñen, de media, estas graxas trans, o 0,7% da graxa nas margarinas, fronte a un 2,5% na manteiga, se ben na manteiga son graxas trans naturais, o que se presume que podería facelas menos prexudiciais ca as xurdidas do proceso tecnolóxico -hidroxenación das graxas vexetais- que se segue para producir a margarina. Non hai aínda acordo científico neste punto e séguese investigando; así e todo, ao ser idéntica a estrutura molecular das graxas trans naturais á das non naturais, parece prudente ser cautos e adxudicarlles, nun principio, efectos similares no noso organismo. O que máis chama a atención é que esta vantaxe nutricional da margarina fronte á manteiga non sempre foi a que hoxe se constata, máis ben ao contrario. Unha análise publicada en 1996 por esta revista revelou que o 8,6% da graxa das margarinas a compoñían, de media, os ácidos graxos trans; nun comparativo posterior (publicado no 2001) e tamén de CONSUMER EROSKI, a media de graxas trans nas margarinas reduciuse ata o 1,5%, mentres que neste último, 13 anos despois do primeiro, representa só o 0,7%. Pódese concluír que os produtores de margarinas souberon modernizar a fórmula do seu produto e adecuala ás futuras normativas europeas, que se prevén moi esixentes coa redución das graxas trans na industria alimentaria -fálase mesmo de prohibición- e mais a uns consumidores cada vez mellor informados e máis esixentes coa súa alimentación, que comezaron a vinculala decisivamente co coidado da súa saúde. Hai que dicir tamén que comezan a verse no mercado manteigas lixeiras con contidos en graxa arredor do 50% e ata con só o 20% de graxa, o que significa unha importante redución de calorías, de graxa saturada e de graxas trans, é dicir, tornar o produto máis saudable.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto