Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O futuro saudable dos pés depende dunha correcta elección do calzado dende a infancia
Os pés dos nenos medran. Os seus zapatos non. Por iso, a elección e renovación do calzado dende os primeiros anos de vida son determinantes para garantir unha protección e coidado axeitado dos protagonistas que aturan día a día o peso do resto do corpo. O pé dun neno, ao ser un órgano en evolución, precisa moitos coidados e unha atención especial para asegurar un crecemento axeitado. Co fin de non interferir nesa evolución é moi importante que, dende o intre en que o cativo comeza a camiñar se coiden os seus primeiros pasos protexendo a fisioloxía e a biomecánica dos seus pés co calzado máis adecuado. É o mellor xeito de previr a chegada de molestas lesións.
Ata os 9 meses. O calzado debe ser livián, delicado e moi cómodo, confeccionado de materiais lixeiros e suaves como a tea, o punto ou a la. Tamén poden ser de pel ou lona. A sola do zapato debe ser o máis fina posible para que non moleste nin roce o peíño do bebé.
Entre os 9 e os 12 meses. Cando o neno comeza a andar a gatas, o zapato debe protexelo e darlle seguridade. Nesta etapa dan os seus primeiros pasos, polo que é moi importante que o calzado lles ofreza seguridade, adherencia e agarre. Os zapatos de aprendizaxe deben ser liviáns, hipoalerxénicos, realizados con teas suaves, pero deben levar un reforzo na punteira para protexeren os dedos do cativo do rozamento e dos golpes. Ademais, deben ter forma ergonómica e darlle liberdade de movemento á articulación do nocello e levar sola antiesvaradía.
Entre os 12 e os 18 meses. O neno comeza a andar, polo que o zapato debe incluír reforzos laterais e posteriores que eviten que o pé ladee en calquera sentido. Amais da calidade, comodidade e confort deben ter aireación e solas grosas pero non demasiado altas, flexibles e antiesvaradías.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI