Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Afrontar o estrés durante a crise económica: A mente non entende de crises... económicas

O temor e a angustia que causan as dificultades económicas pódense contrarrestar con realismo, motivación e enfoques alternativos

  Dende hai pouco máis dun ano milleiros de páxinas de diarios e milleiros de minutos dos informativos da televisión e da radio teñen como protagonista a crise económica. Por iso é imposible non se sentir afectado, en maior ou menor medida, polas súas consecuencias, vinculadas non só á necesidade de solicitar novos créditos, alongar o prazo no que pagar o empréstito hipotecario ou decantarse pola unificación de débedas. Entre as miles de sensacións que pode experimentar o ser humano, a incerteza sitúase entre as que peor se toleran, por ser a responsable de dúbidas, inseguridades, medos e obsesións que, á súa vez, desencadean a aparición de síntomas como o insomnio, desordes alimentarias, irritabilidade e somatizacións que poden minguar a saúde física das persoas. Incerteza, e moita, é a que está a xerar en moitas persoas a actual crise, un sentimento que xera malestar, desconfianza e preocupación, o que obriga a ter en conta o efecto psicolóxico que pode causar este novo contexto. Co fin de reducir o risco de sufrir cadros de estrés, ansiedade e depresión, convén tomar unha serie de precaucións e medidas que axuden a aturar esta situación sen que afecte ao benestar psicolóxico, en especial ao das persoas sensibles a padecer inestabilidade emocional.

Gañar en seguridade

Evitar os síntomas de estrés que xera a exposición continuada a unha situación pouco previsible e insegura precisa que os que se senten máis afectados desenvolvan unha mentalización realista e positiva que lles impida caer no dramatismo. Para iso, un recurso útil consiste na elaboración dun plan de prevención, unha medida que permite gañar seguridade ao mesmo tempo que posibilita unha diminución do medo e do impacto psicolóxico negativo.

Pero aínda resulta máis beneficioso equilibrar o estado de ánimo a través da asunción realista de que haberá que convivir durante un tempo coa crise económica, no canto de preguntarse constantemente por que aconteceu, non deixar de laiarse por iso, buscar os culpables ou angustiarse preguntándose cando vai rematar. Estes pensamentos só serven para manter a sensación de malestar, mentres que o obxectivo é xerar un clima de percepción de control sobre a situación, moi importante nun contexto económico cambiante. Deste xeito, aumentará a confianza, xa que se toma conciencia das alternativas reais actuais se a situación se mantén ou mesmo empeora. O resultado é unha sensación de sosego que permite aturar a incerteza económica mentres esta continúa.

Medidas para aumentar a motivación e evitar o dramatismo

 A mente non entende de crises económicas, só reacciona con angustia a pensamentos negativos. Do mesmo xeito, responde con motivación a estímulos positivos. Polo tanto, haberá que pensar en obxectivos a curto prazo para saír adiante e poder actuar con celeridade e incrementar a satisfacción persoal. É o xeito de afrontar o problema de maneira produtiva. Por iso hai que comprender que sufrir algúns síntomas relacionados coa ansiedade e o estrés é normal, pero que se prevalecen e mingúan de xeito claro a saúde, manifestándose con insomnio, ataques de pánico, perda significativa de peso, sentimentos de desespero, tristura, rabia e hostilidade cara aos demais, daquela cumprirá recorrer a un profesional para que estes non se apoderen da situación e xurda un cadro depresivo ou un trastorno por ansiedade.

O primeiro paso das persoas que se viron prexudicadas de xeito directo pola crise económica é o de darse un tempo para asimilar a situación e non tomar decisións drásticas nin precipitadas. Nestes casos a rabia e a tristura poden levar a adoptar solucións erróneas. Tampouco convén destinar moito tempo a buscar quen ou que provocou que a situación mude a peor, xa que podería xerar conflitos indesexados e mantería as emocións negativas durante máis tempo.

Logo de conceder unha marxe de tempo para a asimilación é importante non caer no desespero e pór en marcha solucións realistas. Con iso evitarase que a mente caia nun negativismo que mingúe as enerxías para saír do problema. Se se enfoca a mente ás alternativas posibles conseguirase pensar de modo produtivo para actuar con decisión, o que fará as funcións de antidepresivo e ansiolítico e permitirá ver alén do problema actual.

Outra das medidas que contribúen a evitar ou a superar estados de ánimo negativo é a activación da imaxinación para estruturar un plan de alternativas e obxectivos que, en ocasións, se poden acompañar da asesoría de profesionais da xestión económica e, por que non, da saúde mental, para determinar as opcións reais con firmeza e motivación.

Outra maneira de levantar o ánimo é percibir o problema como algo caduco, xa que ningunha crise económica foi perpetua. Forma parte dun ciclo normal que se vai repetindo e que garante que nun tempo non moi afastado se recuperará a orde. Se se actúa segundo o plan organizado de acordo ás prioridades de cada persoa ou familia, a satisfacción non tardará en aparecer e toleraranse mellor as dificultades que xurdan. A constancia e fidelidade ao plan elaborado en tempos difíciles garante que non caia nun malestar emocional que prexudique non só a saúde senón as posibilidades de remontar a situación.

Darlle a volta á situación

Aínda que resulte difícil atopar a parte positiva de situacións límite, como pode ser unha crise económica, cada persoa e familia debe esforzarse por reverter ese momento dramático motivado por unha situación de desemprego, de non pagamentos... O máis importante é non perder ou recuperar a situación de control que se perdeu. Deste xeito, aumentan as posibilidades de que a tensión se mitigue ou desapareza. Para iso é determinante manter unha actitude práctica e activa e apoiarse nas persoas máis achegadas, así como desenvolver actividades diarias en forma de obrigas que substitúan unha xornada laboral. É así como se evitará que a persoa se encerre en si mesma, xa que a inactividade e o illamento só serven para empeorar o estado de ánimo.

Dado que á mente lle senta ben ter obxectivos que cumprir a diario, é fundamental programar unha axenda que inclúa diferentes actividades. Unha opción é destinar máis tempo ao que antes non se podía atender por estar demasiado ocupado, como os fillos e a familia en xeral, as amizades e mesmo aqueles labores que poidan resultar pracenteiros, como o deporte ou a lectura. Tamén pode ser a oportunidade para realizar algún curso que permita reciclarse laboralmente e aproveitar o tempo para atopar un traballo mellor do que se dispuña.

Deste xeito, a perda do material e económico pode abrir a porta ao humano. É importante sentir que durante unha situación difícil se está preto dos demais e que se conta co seu apoio: xérase sentimento de grupo e, polo tanto, faise máis livián o problema. Ademais, é un xeito de aumentar o nivel de enerxía co que afrontar as dificultades a través dunha mentalidade máis positiva, afastada de sentimentos negativos.

Puntos clave para superar situacións críticas

 

  1. Aceptar a situación
  2. Centrarse na situación persoal
  3. Ser realista
  4. Pensar nun plan alternativo
  5. Pospor algúns proxectos
  6. Aumentar outros valores non económicos

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto