Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Maite Garaigordobil, psicóloga e investigadora do xogo: "O xogo no neno equivale ao traballo no adulto"

  O xogo é algo moi serio. Así o cre a psicóloga Maite Garaigordobil, que non dubida en catalogalo como unha "necesidade vital indispensable para o desenvolvemento humano". Non é casual, e así o recoñece, que a paixón pola docencia desta profesora e investigadora da Universidade do País Vasco (UPV-EHU) se xerase xogando de nena ás mestras. Tampouco o é que o seu estudo sobre os xogos cooperativos, nos que o obxectivo dos nenos non é gañar, senón axudar, fose recoñecido en dúas ocasións co Primeiro Premio Nacional en Investigación Educativa.

Que relevancia ten o xogo na formación da personalidade dun neno ou dunha nena?

Oxogo desenvolve un papel moi relevante na formación da personalidade dun ser humano. O xogo é unha necesidade vital, eu diría que indispensable para o desenvolvemento humano. Fomenta o desenvolvemento do corpo e dos sentidos, amais das capacidades do pensamento e da creatividade infantil. É un poderoso instrumento de comunicación, de socialización e de desenvolvemento moral, amais dunha ferramenta de expresión e control emocional, que promove o equilibrio psíquico e a saúde mental.

Isto inclúe aos xoguetes?

Dende hai ben anos sabemos que o xogo é un motor para o crecemento e que o xoguete non é máis ca un soporte para o xogo. O importante é o xogo; o xoguete é basicamente un auxiliar do xogo, un instrumento.

Ata que punto os xogos poden influír no seu futuro comportamento adulto?

Sen dúbida, as aprendizaxes que se obteñen nos xogos xeneralízanse a outras situacións da vida cotiá e tamén se proxectan no comportamento actual e futuro. O xogo prepara mesmo para o traballo.

Os xogos son, xa que logo, unha cousa moi seria?

O xogo é unha actividade seria. Se observamos os nenos e nenas cando xogan, o primeiro que chama a atención é a súa seriedade. Xa fagan un flan con area, constrúan con cubos, xoguen aos barcos ou co cabalo... están tan absortos como un adulto cando está concentrado no traballo que realiza. O xogo para o neno é o equivalente ao traballo no adulto, nel afirma a súa personalidade, e polos seus acertos crécese do mesmo xeito ca un adulto co seu traballo. É serio, porque é unha proba para a personalidade infantil. Polos acertos no xogo mellora a súa autoestima, é un mecanismo de autoafirmación da personalidade do neno.

Vostede avoga polo xogo cooperativo fronte ao competitivo. Por que?

Os xogos cooperativos son xogos que implican dar e recibir axuda para contribuír a un fin común. Os estudos amosan que este tipo de xogos promoven a comunicación, aumentan as mensaxes positivas entre os membros do grupo e diminúen as mensaxes negativas, incrementan as condutas prosociais (axudar, cooperar, compartir...) e as condutas asertivas na interacción con iguais, diminúen condutas sociais negativas (agresividade-teimosía, apatía-retraemento, ansiedade-timidez...), potencian a participación en actividades de clase e a cohesión grupal, mellorando o ambiente ou clima social da aula e melloran o concepto dun mesmo e dos demais...

Que características os definen?

En primeiro lugar, a participación. Todos os membros do grupo participan, nunca hai eliminados nin ninguén que perda; o obxectivo consiste en acadar metas grupais, e para iso cada participante ten un papel necesario para a realización do xogo. En segundo lugar, a comunicación e a interacción amigable. Terceiro, a cooperación: prímase dar e recibir axuda para contribuír a un fin común, en contraposición aos xogos competitivos, nos que os obxectivos dos xogadores están relacionados pero de xeito excluínte, e un participante alcanza a meta só se os outros non a dan alcanzado. En cuarto lugar, a ficción e a creación, e, para rematar, a diversión.

Que beneficios proporcionan?

Os xogos cooperativos eliminan o medo ao fallo, a angustia polo fracaso e reafirman a confianza dos xogadores en si mesmos, como persoas aceptables e dignas, sentimentos que están na base dunha elevada autoestima, necesaria para o desenvolvemento harmónico da personalidade. Ademais, neste novo xeito de xogar, o valor dos nenos e nenas non é destruído pola puntuación, e iso promove que tanto a actividade como os compañeiros sexan vistos de maneira máis positiva. Os participantes aprenden a compartir e a axudarse, a relacionarse cos demais, a ter en conta os sentimentos dos outros e a contribuír no logro de fins comúns.

Que se consegue eliminando o factor competitivo?

A competitividade, na maior parte das situacións, frustra a diversión e o pracer do xogo, porque os xogadores xa non xogan para se divertiren, senón para obteren unha recompensa, e o medo á derrota crea unha tensión que obstaculiza a diversión. Os xogos nos que os participantes son expulsados ou apartados cando fallan e castigan aos que teñen menos destreza alimentan sentimentos de rexeitamento que minan a autoestima. Ademais, a eliminación priva da oportunidade de ter máis experiencia e mellorar as destrezas, é dicir, priva da posibilidade de mellora aos menos hábiles.

Non obstante, é difícil atopar xogos en que todos gañen e ninguén perda.

Non é tan difícil. Ás veces é tan sinxelo como transformar un pouco as regras dos xogos competitivos para convertelos en cooperativos. Por exemplo, no xogo tradicional das cadeiras, en cada rolda quítase unha cadeira e elimínase o xogador ou xogadora que queda sen ela. Pola contra, no xogo das cadeiras cooperativas non eliminamos xogadores, unicamente se eliminan cadeiras e todos os xogadores sentan sobre as cadeiras dispoñibles, sentando uns por riba dos outros. Resulta tan emocionante como o xogo tradicional e moito menos frustrante, xa que nunca se eliminan xogadores e todos poden seguir xogando.

Con xogos máis cooperativos e menos competitivos promoveranse uns comportamentos adultos máis cooperativos e menos competitivos?

Sen dúbida ningunha, os xogos conteñen e ensinan valores.

Vivimos nunha sociedade competitiva. O menor non ten que aprender a moverse tamén nese ámbito, no da competencia?

Tamén vivimos nunha sociedade agresiva e violenta, e isto non implica que debamos fomentar nos mozos estes comportamentos. Se os humanos evolucionamos en boa medida débese á capacidade de cooperar uns con outros.

Considera que a competitividade é en si mesma unha característica negativa?

Os seres humanos sentimos unha gran satisfacción cando conseguimos acadar metas que antes non conseguiramos. Isto é superación persoal, implica evolución e é positivo. Pero na competitividade a satisfacción obtense unicamente cando se acada un obxectivo que os demais non logran. Iso é negativo, xa que a satisfacción se obtén a través do fracaso doutro.

Dentro da súa liña de investigación defende a tese de que co xogo cooperativo se pode previr a violencia nos centros escolares. Sería polo tanto un bo remedio contra o crecente problema de acoso escolar ou 'bullying'?

Desenvolver programas de xogo cooperativo ao longo de todo o ciclo educativo pode ser unha boa estratexia de prevención, aínda que para erradicar o 'bullying' hai que levar a cabo outro tipo de accións complementarias, xa que o acoso escolar ten diferentes causas ou factores.

Cales son os máis relevantes?

A conduta violenta dos nenos e adolescentes experimentou un incremento nos últimos anos e está relacionada con numerosos factores familiares, sociais e educativos. Os estudos psicolóxicos puxeron de relevo que os nenos e adolescentes violentos adoitan estar inmersos en contextos familiares agresivos, desestruturados ou caracterizados por patróns educativos de permisividade total, onde non hai límites, onde non hai normas ou onde as normas non son claras, estables e coherentes e non se lles transmiten valores ético-morais aos fillos, xa que delegan toda a educación dos fillos na escola. Este feito está vinculado en ocasións aos cambios que nos últimos anos experimentou a familia, nas que ambos os dous pais traballan, pasan pouco tempo cos fillos e se inhiben de transmitir valores, sempre unha tarefa educativa ardua.

Amais de factores asociados ao ambiente familiar, a conduta violenta está relacionada cun conxunto de cambios e factores sociais. Un é a propia democratización da sociedade que afectou a todas as relacións (pais-fillos, profesores-alumnos), dificultou o papel normativo anterior do adulto, dando lugar a unha tendencia na educación que marca poucos límites aos mozos, o que potencia unha baixa tolerancia á frustración e a conseguinte conduta violenta cando se frustran na realización dos seus desexos. Outro son os veloces avances tecnolóxicos, plasmados no incremento do número de horas nas que os nenos e adolescentes ven situacións de violencia, ben sexa na televisión, nos videoxogos, en Internet... Un terceiro atópase no uso e abuso do alcohol e das drogas durante a adolescencia, que mediatiza en moitos casos a conduta violenta; e, para rematar, o incremento da inmigración, xa que os grupos educativos son cada vez máis multiculturais e isto en ocasións xera tensións que se resolven de modo violento...

No tocante aos factores educativos, tamén se atoparon relacións entre violencia e fracaso escolar.

Desde a súa experiencia, catalogaría o acoso escolar como algo transitorio, conxuntural, ou, pola contra, como algo estrutural e inevitable?

Ningún comportamento humano é inevitable, todo é educable e modificable.

Como se pode previr?

Entre as estratexias de intervención para a prevención da violencia poderíanse subliñar directrices a tres niveis: familiar, educativo e social. A educación familiar desempeña un papel primordial, xa que na infancia e adolescencia se conforman as actitudes de intolerancia, sempre impregnada de odio, tan difíciles de erradicar despois. Para frealas, cómpre que a familia achegue afecto e recoñecemento; diálogo, escoita e compresión, amais de autoridade con normas básicas, claras e coherentes, acompañada dunha conduta prosocial e de valores de respecto aos dereitos humanos. As intervencións sistematizadas en ámbitos educativos tamén amosaron a súa eficacia na prevención da violencia. No tocante á intervención a nivel social, pódese suxerir o control da violencia nos medios de comunicación. Tanto a televisión como Internet poden ser instrumentos para difundir o odio e potenciar a violencia (moitas páxinas web fomentan o odio e o racismo), pero estes medios de comunicación tamén poden ser instrumentos privilexiados para fomentar a educación, para estimular a empatía e unha socialización positiva.

Precisamente, que futuro ten o xogo cooperativo que vostede defende cando a tendencia é que o neno xogue só na casa, coa consola de videoxogos, co ordenador ou coa televisión como medio e compaña?

  O xogo cooperativo pode ter un espazo de desenvolvemento importante en contextos educativos e pode ser complementario co xogo solitario, que tamén achega beneficios para o desenvolvemento da personalidade infantil. A miña proposta sería levar a cabo experiencias de xogo e aprendizaxe cooperativa sistematizadas ao longo de toda a educación, e que este tipo de xogo sexa complementario con videoxogos ou xogos de ordenador axeitados. Hainos que consiste en seguir pistas, en razoar de maneira lóxica para descubrir misterios... e poden ser útiles para fomentar a intelixencia ou a creatividade. Os adultos teñen a responsabilidade de analizaren os contidos dos xogos que van mercar para os mozos, e de elixiren con bo criterio os xogos e xoguetes que sexan positivos para o desenvolvemento persoal e social.

Vostede non se limita a avogar por un novo enfoque. Escribiu varios libros nos que propón xogos alternativos cos que plasmar esa nova visión do xogo. Como é o proceso de creación dun xogo?

Dentro dos programas de xogo cooperativo que deseñei incluín xogos tradicionais cos que todos xogamos na infancia e que teñen as características que definín previamente (participación, comunicación, cooperación, ficción-creación e diversión), mentres que outros foron inventados a partir de distintos estímulos. Normalmente, identifico o factor do desenvolvemento que quero potenciar co xogo: axuda, cooperación, confianza, creatividade... e despois penso en actividades que estimulen estes procesos.

Probounos cos seus fillos, sobriños...?

Levamos probando este tipo de xogos dende hai 20 anos e os nenos séntense moi felices cando os desenvolven, ademais de que son moi beneficiosos para a súa evolución persoal e social.

E cal foi a súa reacción?

Levamos dúas décadas con experiencias de xogo cooperativo nas aulas. Ao rematar o curso escolar aplícaselles un cuestionario de avaliación aos nenos e nenas. O 90% din preferir os xogos cooperativos fronte aos tradicionais nos que uns gañan e outros perden. Cando se analizan as razóns polas que elixen estes xogos, resulta curioso observar que destacan un maior divertimento con estes xogos, unha diminución da agresividade entre os compañeiros de xogos, un menor sentimento de frustración, tristura ou vergoña, así como maiores sensacións de benestar, unha maior posibilidade de facer amigos, de aprender, de participar e de sentirse nunha posición de igualdade con respecto aos demais.

Por certo, a que xogaba vostede cando era nena?

Os que máis lembro son os xogos de mestras. Non é gratuíto que na miña actividade laboral adulta me orientase á docencia.

Recomendaríalles tamén aos adultos que practicasen os xogos que deseña?

Sen dúbida ningunha.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto