Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Bibliotecas públicas: analizadas as instalacións e servizos de 100 centros en 18 cidades españolas: Unha de cada catro bibliotecas suspende en calidade por mor de carencias nos servizos ofrecidos e na seguridade

Limpeza e mantemento, información e atención aos usuarios e mais accesibilidade para minusválidos, puntos fortes das bibliotecas

  A extensión das novas tecnoloxías obrigou a que as bibliotecas públicas se tornen algo máis ca o lugar onde só se consultan, se preservan e se prestan os libros. Fonotecas, videotecas, salas de ordenadores ou conectividade wifi comparten espazo e protagonismo con andeis inzados de novelas, ensaios, enciclopedias... Agora ben, esa transformación non é, nin moito menos, homoxénea. Así o puido comprobar CONSUMER EROSKI, que visitou 100 bibliotecas de 18 capitais españolas. Só unha de cada catro ofrece salas de estudo para grupos, o 27% carece de zona wifi e as consignas só están dispoñibles e de xeito gratuíto en 22 dos 100 centros estudados. Ademais, o 40% non está dotada de postos para ver arquivos de vídeo ou de audio. Estas carencias conviven, non obstante, coa boa información e atención ofrecida nestas instalacións públicas (no 87% das visitadas atopáronse carteis claramente visibles con indicacións sinxelas sobre como e onde atopar as diferentes salas da biblioteca), con correctas medidas para garantir a accesibilidade destes recintos e coa excelente limpeza observada nas bibliotecas do estudo (no 90% dos espazos analizados, os materiais de empréstito e de consulta estaban en correcto estado e ordenados nos estantes).

  Unha de cada catro bibliotecas non dá aprobado o exame de CONSUMER EROSKI, tal e como comprobaron os seus técnicos logo de realizaren unha visita como usuarios a mediados de decembro a 17 bibliotecas universitarias, a 14 bibliotecas públicas do Estado e a 69 bibliotecas municipais ou rexionais de 18 cidades: Barcelona, Madrid, Murcia, Bilbao, Málaga, Sevilla, Valencia, Zaragoza, Alacante, Pamplona, San Sebastián, Vitoria, A Coruña, Córdoba, Valladolid, Cádiz, Granada e Oviedo. Inspeccionáronse as instalacións para valorar o estado xeral de cada unha delas en materia de información, servizos, accesibilidade, seguridade e limpeza. Ademais, solicitouse información sobre como tramitar o carné, para coñecer, así, o funcionamento do sistema de empréstito e de consulta. A valoración final do servizo que ofrecen as bibliotecas queda nun 'aceptable', que é tamén a cualificación que merecen os apartados de servizos e seguridade das instalacións. Pola súa banda, a información e mais a accesibilidade acadan un 'ben' e destacan a limpeza e o mantemento das bibliotecas, cun 'moi ben'. Por cidades, as mellores foron as visitadas en Bilbao, que reciben un 'moi ben', seguidas das da Coruña, Barcelona, Córdoba, Granada, Madrid, Murcia, San Sebastián e Vitoria, cun 'ben'. En 'aceptable' quedan as bibliotecas analizadas en Cádiz, Málaga, Oviedo, Sevilla, Valencia e Valladolid. Os suspensos, aínda que cun 'regular', foron parar as examinadas en Alacante, Pamplona e Zaragoza.

  Os tradicionais lugares de consulta e de empréstito de libros evolucionaron para se tornaren modernos centros de información, cultura e educación con puntos de auto préstamo, salas de exposicións e consulta de Internet, aínda que persisten carencias na súa dotación que xustifican o pobre 'aceptable' que obtiveron de nota media as 100 bibliotecas estudadas. En unha de cada catro non se atoparon salas de estudo persoal e só tres de cada dez ofrecían salas de estudo para grupos. Ademais, o 27% das bibliotecas carecía de zona wifi, o 17% non contaba con salas de ordenadores con acceso a Internet e só o 22% delas dispuña de puntos de auto préstamo e mais de servizo gratuíto de consigna para os usuarios. Ademais, outro servizo moi útil, o de fotocopistería, só se atopou en dúas de cada tres bibliotecas. No 40% non se atoparon postos para visionar arquivos de vídeo ou de audio. Non obstante, oito de cada dez si contaban con videoteca, fonoteca ou hemeroteca.

No tocante á tramitación do carné de usuario das bibliotecas, constatouse que en 99 dos 100 centros comparados a tarxeta de identificación era gratuíta. Agora ben, só na metade dos centros o carné se entregaba no momento. En dúas de cada tres bibliotecas non cómpre renovar ese documento (entre as que si o solicitan, o máis común é que o período de validez sexa de cinco anos). Xa co carné na man, o usuario pode, entre outras posibilidades, reservar uns minutos para navegar en Internet nos puntos habilitados para iso. Así acontece en case a metade das bibliotecas que contaban con esta opción. Tamén se poden reservar as salas de traballo en grupo, aínda que só acontecía en catro das 30 que dispuñan deste servizo.

O empréstito é un dos principais labores das bibliotecas. En todas as que se visitaron préstanse libros, no 40% préstanse revistas e no 6% tamén xornais. Salvo en unha das estudadas en Bilbao, era posible obter ao mesmo tempo materiais en distintos formatos. Os usuarios das bibliotecas de Barcelona son os que poden levar á casa o maior número dunha soa vez, unha ducia (a media anda entre cinco e seis) por un prazo de 3 semanas (o máis común é 15 días); pola contra, na maioría das analizadas en Zaragoza esa cantidade redúcese a dous materiais. Cando o tempo de empréstito non é abondo, pódese prorrogar o prazo: Madrid e San Sebastián son as que ofrecen máis facilidades neste aspecto (ata un mes complementario). A modificación do empréstito pódese facer presencialmente (44%), a través dun correo electrónico (20%), chamando por teléfono e facilitando os datos do carné de usuario (30%) ou a través de Internet (non chega a un 5%).

Se o libro que desexa o usuario non se atopa nos andeis da biblioteca, o centro dispón dun servizo de empréstito interbibliotecario. Oito de cada dez bibliotecas ofrecen esta posibilidade, o que non acontece nas máis das examinadas en Madrid e en Pamplona. Por outra banda, só hai que pagar en concepto de traslado de material (entre 1 e 23 euros) en 14 bibliotecas de Alacante, Barcelona, Cádiz, Málaga e Vitoria.

As bibliotecas tamén teñen que responder á demanda crecente de libros en idiomas distintos ao castelán ou ás linguas autonómicas. Os usuarios do 92% dos centros visitados contan con esta posibilidade, aínda que a cantidade e variedade dos títulos difire moito duns centros a outros. A oferta máis completa atopouse en Barcelona, Madrid, Bilbao, Valencia, San Sebastián, Vitoria, A Coruña e Granada. Os idiomas máis comúns son o inglés e mais o francés e, en menor medida, o alemán, italiano e portugués. Así e todo, nalgunhas bibliotecas pódense atopar libros escritos en árabe, chinés, ruso, romanés, croata ou xaponés.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto