Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A luz de 187 faros ilumina parte dos 7.889 quilómetros das costas españolas. Nesa listaxe atópase a Torre de Hércules, o faro máis antigo do mundo en funcionamento. E é que malia as novas tecnoloxías, a comunicación vía satélite e os radares, os sinais luminosos emitidos dende puntos estratéxicos do litoral conservan o seu valor. Un barco ao se achegar á costa sempre buscará as dúas luces escintilantes, se non son tres, que limitan a terra e o mar. Os fareiros, agora recoñecidos como técnicos mecánicos de sinais marítimos, ocúpanse de que nunca esmorezan. Mudar o seu nome evidencia a perda do halo de romanticismo dun oficio que inspira soidade, imaxina treboadas e desvelos nocturnos. Pero ao igual que persiste o faro, os fareiros seguen a ser os responsables últimos de que o sinal se reciba a partir das doce millas da costa.
Cando un barco navega na noite paralelo ao litoral nunca deixa de ver dúas luces que se relevan para lle lanzaren unha mensaxe ao navegante. O seu significado é ben bo de identificar e é posible determinar de que construción concreta se trata consultando os libros de Rumbos ou libros de Faros elaborados a partir de 1842, ano en que se creou a Comisión Permanente de Faros e comezou a organizarse de xeito protocolario a iluminación marítima. Na actualidade réxeos a Comisión de Faros, fundada en 1996, que integra os representantes das diversas organizacións autonómicas e locais xestoras da sinalización marítima.
Os primeiros faros debían ser atendidos por persoal expresamente destinado ao sinal. Por iso non son só unha torre, senón que albergan vivendas. O estilo responde á época na que se construíron, pero sempre se suceden cubertas planas, fachadas dotadas de acusados zócolos, pronunciadas cornixas e unha torre de planta circular rematada pola torre sustentadora da lanterna. Estes fogares verticais acollen as dependencias familiares, o taller, os almacéns de iluminantes, repostos e centrais enerxéticas. Unha escaleira metálica de caracol abre o acceso á cámara de iluminación, é dicir, á cuberta que aloxa a instalación luminosa e a óptica. Tamén se chega a ela dende o exterior, xa que é imprescindible para poder limpar os cristais da lanterna.
O faro é símbolo de proximidade e de seguridade, e é o fareiro quen o dota dese significado. Non hai moito, cada noite ou en días de treboada, os fareiros todos debían estar no faro, e ata as provisións chegaban por medio dun abastecedor oficial, o que evitaba causas de abandono. Aínda que en condicións diferentes, na actualidade 43 fareiros habitan as atalaias. Este número, que se viu drasticamente diminuído cos avances tecnolóxicos que fixeron innecesaria a presenza do vixilante, aumentou nos últimos anos. Amais de ofrecer unha vivenda -a mellora de estradas e vehículos achegou o faro á poboación-, evítanse os problemas estruturais que xera a ausencia de persoal. Por unha banda, abandonábase unha infraestrutura sometida a condicións ambientais moi agresivas que precisaba de permanente coidado para paliar o seu estrago. Por outra, os edificios quedaban expostos aos efectos do vandalismo. Por iso, en todo o mundo se está a procurando promover o regreso do fareiro.
Na antigüidade foron cacharelas á intemperie, despois protexéronse e dotáronse de superficies reflectoras, e, para rematar, construíuse un edificio que albergaba o sinal, mais tamén ao responsable de prender o carbón ou a leña. Ao final, inventouse a lámpada. Ao primeiro, alimentouse de aceite, despois de petróleo e logo de gas. Hoxe, todo o sistema está automatizado con equipos de alimentación fotovoltaica e híbridos, solar e eólica, que iluminan lámpadas de díodos de luz (leds) de baixo consumo pero igual intensidade. Os sistemas ópticos, o mecanismo que amplifica a luz, tamén se sofisticaron. Nas orixes colocábase detrás da chama un espello parabólico que concentraba a luz e dotábase de xiro a óptica. Nestes momentos utilízanse ópticas acrílicas e flotadores de mercurio para potenciar a luz e regular a velocidade.
Os faros marcan o horizonte terrestre, pero a súa función orixinal, a que hoxe se mantén, é sinalar a entrada aos portos. A súa luz súmase ao que se coñece como sinais marítimos. Estas axudas luminosas inclúen as balizas, as luces do porto, as enfilacións, as luces de sectores, as boias e os buques-faro. Cando un barco comeza a manobra de atracar agarda entre balizas a chegada do práctico e dos remolcadores. O técnico é o encargado de conducir o buque ao porto, guiándose da súa experiencia e das luces que sinalan o camiño. O fareiro é quen sabe que as luces están dispostas. As sentinelas do mar funcionan.
A cereixa: algo máis ca un froito
Mercadorías que voan
Sobre os alicerces da palabra
Esquí alpino adaptado: reto e sacrificio vestidos de branco
O camiño da electricidade
A viaxe dun bo desexo
O ensino musical: unha sinfonía de catro movementos
A cidade flotante do transporte
Un bocado con suspense
Un caramelo esculpido no corazón do Pirineo
Cultivo de rosas, a paisaxe máis impresionista
Labregas do mar
Como se reciclan os aparellos eléctricos?
Recunchos de vida
A receita da eterna xuventude
Iluminar máis para ver menos
De alimento básico a manxar de reis
Unha luz na escuridade
A pel da devesa
Ocaso e esplendor nos humedais
Moito máis ca apagar lumes
Ir por la e saír rapada
O mar entre catro paredes
Operación: a viaxe da arte
Unha xornada nunha estación de esquí
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI