Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Tarxetas de crédito: Tarxetas de crédito: as peores aliadas ante a crise

Ante a temida costa de xaneiro e o agravamento da crise, convén limitar as compras a crédito con tarxetas, xa que os seus xuros roldan o 9% e nalgúns casos chéganse a aplicar taxas de ata o 20%

  Coidado coa súa carteira! Nestes momentos contén un dos seus peores inimigos: a tarxeta de crédito. En plena costa de xaneiro, estes pequenos instrumentos representan para moitas familias un oasis ante o crecente número de gastos que cómpre afrontar tras sobrevivir a unhas datas, as do Nadal, que deixaron baleiro o peto do aforro doméstico. A dependencia da tarxeta como medio para esquecer os desgustos da conta corrente é, para moitos, a mellor terapia para afrontar as primeiras compras do ano sen estrés nin preocupacións. Non obstante, con este hábito os problemas de liquidez non só se manteñen, senón que se agravan. Un desapego extremo do estado real da saúde do peto pode saír moi caro, e é doado, mesmo probable, que a tarxeta se transforme a medio prazo no principal inimigo do seu titular. A razón é que un dos seus principais atractivos é o de simular que as compras son gratis -xa que non se palpan os cartos- e que o límite de gasto é infinito. Nada máis lonxe da realidade: son numerosas as ocasións nas que se aboan as compras a prezos desorbitados sen que o usuario sexa consciente diso. Por iso hai que dicilo alto e claro: as compras a crédito a través da tarxeta son caras. A iso súmase que na actualidade, ante a crise, numerosas entidades endureceron as condicións de uso destes medios de pagamento. Os tipos de xuro e as comisións polo seu mantemento subiron, os límites para mercar baixaron e os bancos e caixas esixen un maior número de documentos e garantías para a concesión dunha tarxeta.

Frenesí polas tarxetas

  España conta nestes momentos con 76,35 millóns de tarxetas en circulación, case o dobre dos seus habitantes. Nos últimos anos e, de xeito especial coa crise, os cidadáns están a amosar unha especial predilección polas tarxetas de crédito fronte ás de débito. Dende o 2005, segundo datos do último Barómetro das Tarxetas, elaborado por Mastercard, o número de titulares de tarxetas que declara utilizar tarxeta de crédito para compras en establecementos comerciais rexistrou un crecemento dun 18%. Pola súa banda, o uso de tarxetas de débito subiu un 3% no último ano.

Estes datos indican que a situación de afogo que atravesan numerosas familias impulsa o uso das tarxetas de crédito, ata o punto de que se detecta un progresivo cambio de actitude entre os titulares españois. Usuarios que adoitaban utilizar a tarxeta como mera ferramenta para extraer efectivo transformárona nun instrumento útil para xestionaren o seu orzamento e mercaren a crédito. O número de persoas que declara ter polo menos unha tarxeta de crédito aumentou no mercado español un 8% con respecto ao 2007.

Os cinco primeiros emisores de tarxetas bancarias -La Caixa, BBVA, Banco Santander, Caixa Madrid e Banco Popular- reuniron entre os cinco no 2007 máis do 40% do número total de tarxetas bancarias en circulación. E na actualidade, un 59% das tarxetas en circulación, uns 45 millóns de tarxetas, son de crédito, fronte ao 41%, uns 31,6 millóns de tarxetas, que son de débito. Deste dato dedúcese que os españois se resisten a deixar de consumir e que para gozar de certos bens se ven obrigados a recorrer á opción do pagamento aprazado, no canto de ao pagamento instantáneo. Pero non todo son vantaxes.

Tipos de xuro, á alza

  En plena bonanza económica, as familias financiaron todo tipo de viaxes, adquisición de tecnoloxía e mesmo ceas a crédito, mediante o pagamento de xuros relativamente baixos. Non obstante, coa crise financeira actual, moitos fogares que seguiron con esta práctica sofren un nivel de endebedamento que non poden afrontar polos xuros. Este é o principal inconveniente de moitas tarxetas: a incorporación de mecanismos de financiamento que aplican elevados tipos de xuro, e que nos últimos meses subiron silandeira e paulatinamente. Mentres que o ano pasado aplicaban un xuro medio do 7%, agora o tipo xeral sitúase no 9%. É dicir, quen merque a crédito, por exemplo, un televisor de 3.000 euros, á hora de pagar o artigo aboará 270 euros en concepto de xuros. En todo caso, hai que fuxir de tarxetas que aplican tipos máis altos ca estes xerais. Para evitar sustos, antes de subscribir unha destas tarxetas é fundamental informarse polo miúdo dos xuros que aplica a entidade e reclamar calquera suba da que o titular non fose informado.

A situación agrávase aínda máis cando se utilizan as tarxetas "revolving", as máis caras con diferenza. Estes instrumentos de pagamento incorporan outro produto máis, un crédito instantáneo (en xeral de 3.000 euros), do que se pode dispor cando se desexe. A medida que se van pagando as compras, a tarxeta «recárgase» e o cliente volve dispor da totalidade do crédito inicial. Os xuros, nestes casos, roldan o 20%. É dicir, por cada 3.000 euros que se utilicen da tarxeta, o usuario deberá pagar un custo extra de 600, unha cantidade elevada para moitas economías españolas. Este tipo de tarxetas, xa que logo, non son adecuadas para aforradores con problemas financeiros ou para consumidores compulsivos. Se se precisa un crédito, é máis recomendable e barato solicitar un empréstito persoal ou unha ampliación de hipoteca. No caso dos empréstitos persoais, os tipos de xuro roldan o 8%. Pola súa banda, se un banco ou caixa concede unha ampliación de hipoteca, o tipo medio que haberá que pagar polo capital solicitado situarase arredor do 5% (tomando como referencia o Euríbor de novembro, no 4,4%).

Outro consello que cómpre ter en conta é que en moitas ocasións o tipo de xuro das tarxetas de crédito, ao igual que acontece cos créditos rápidos, exprésase de modo mensual e non anual. Polo tanto, para saber cal é a TAE e, polo tanto, o custo anual, hai que multiplicar a devandita cantidade por 12. Por exemplo, se unha entidade di que cobra un tipo de xuro do 1,2 mensual, o que cobra é un 14,4% anual.

Comisións crecentes

Amais dos intereses, outro detalle que non hai que perder de vista respecto ás tarxetas son as comisións. A peche de outubro do 2008, os usuarios pagaban de media polo mantemento da súa tarxeta de débito uns 14,57 euros anuais, un 6,27% máis ca a peche do 2007. Non obstante, o incremento é máis significativo no caso das tarxetas de crédito. Se ben en decembro do 2007, a comisión anual media destas tarxetas situábase en 23,43 euros, a peche de outubro incrementouse un 30%, ata alcanzar os 30,66 euros. En xeral, estas comisións son as máis altas dende o ano 2005, segundo consta nos rexistros da institución.

Con todo, o usuario conta con certa marxe de negociación coa entidade; os clientes con certa vinculación - nómina, recibos domiciliados ou outros produtos, como plans de pensións, hipoteca ou fondos de investimento- están exentos do pagamento de comisións polos servizos básicos. Esta estratexia forma parte das denominadas campañas de "comisións cero" que popularizou a banca hai un par de anos. Na actualidade, con todo, convén fixarse ben nas cláusulas das devanditas campañas, xa que, en ocasións, só inclúen as tarxetas de débito e non as de crédito, que son as máis caras.

Límites máis baixos

Ante a crise, e como medida de precaución para evitar non pagamentos, as entidades están a recortar o límite de cartos cos que se pode mercar a crédito. Se ben no 2004 e no 2005 se ofrecían liñas de financiamento de ata 6.000 euros, agora o máximo sitúase, de media, nos 3.000 euros. Trátase dunha medida de protección ante a suba dos non pagamentos. Na actualidade, a morosidade das tarxetas de crédito sitúase no 4,3%, case o dobre ca hai un ano. O dato amosa que este instrumento xera máis morosidade ca, por exemplo, o negocio hipotecario, no que a morosidade se situaba no 2,6% a peche de setembro. As débedas morosas por tarxetas de crédito xa lles supoñen case 2.500 millóns de euros de custo ás entidades.

Máis documentos e menos incentivos

Como acontece coas hipotecas e con todo tipo de empréstitos, hai entidades moi esixentes para conceder unha tarxeta de crédito. Polo menos, o usuario debe entregar un comprobante de ingresos ou algunha outra referencia que lle axude ao banco a saber cales son as súas ganancias netas mensuais e a súa capacidade de pagamento. Polo xeral, os bancos e as caixas adoitan solicitarlle ao interesado as dúas ou tres últimas nóminas, e se cadra tamén un extracto cos movementos bancarios dos seis últimos meses.

Ademais, os incentivos asociados ás tarxetas son cada vez menores. Nos últimos anos, algunhas tarxetas chegaron a ofrecer descontos de ata o 10% en gasolina e do 5% en comercios. Hoxe, as bonificacións en establecementos (hostalería e gasolinas, sobre todo) limítanse, de media, ao 3%. Non obstante, o que adoitan esixir moitas entidades é a contratación dun seguro de protección de pagamentos e ata de vida. Deste xeito, vinculan o cliente con máis produtos e poden elevar a súa conta de resultados con novos ingresos.

Comisións tarxetas
Comisión mantemento anual Comisión media (euros) Comisión mínima Comisión máxima
Tarxeta de débito 14,71 20 4,51
Tarxeta de crédito 30,66 13,52 47

*Fonte: Banco de España. Datos a peche de outubro do 2008.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto