Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A actitude rebelde e impulsiva máis alá da primeira infancia pode agachar un trastorno do comportamento
Os pais que se enfrontan á actitude rebelde dos seus fillos durante a infancia débena identificar como unha parte máis do seu desenvolvemento, e non como un problema. Mesmo é beneficioso que o entendan como unha oportunidade para inculcar os valores educativos que lle van permitir ao pequeno evolucionar, de xeito que vaia incorporando as normas de comportamento no seu código de conduta, amais de aprender a relacionarse de modo correcto co seu contorno. Non obstante, cando este comportamento transgresor e hostil vai máis alá da primeira infancia (entre os cero e seis anos) pode ser un indicador de que algo non funciona como corresponde.
Así que supera a primeira infancia, se un neno mantén comportamentos rebeldes e desafiantes capaces de alterar o ambiente familiar pola súa intensidade e frecuencia é posible que estea a xerar o Trastorno Negativista Desafiante (TND), que se manifesta cunha rebeldía constante cara a calquera tipo de norma e autoridade imposta por un adulto e que pode desencadear nunha actitude hostil. Ante esta situación, moitos pais non se senten quen de lles fixaren límites razoables aos fillos, ao teren que loitar de xeito constante cun neno que se amosa desafiante e que non acepta a súa autoridade.
Unha conduta especialmente transgresora e hostil cara aos pais é interpretada polos psicólogos, en xeral, como o reflexo de que a maduración do neno non segue o seu curso normal. Este Trastorno Negativista Desafiante asóciase a unha inmadurez emocional que se debería superar nas primeiras etapas da infancia, e que provoca que o neno reaccione con comportamentos propios de idades máis infantís, xa que non dá xestionado as súas emocións. E faino do único xeito que sabe: mediante unha actitude cargada de rebeldía e contrariedade cara ás normas establecidas, que chega a superar a paciencia de pais e educadores.
Esta postura, que se pode manter mesmo ata a adolescencia, diminúe de intensidade na idade adulta. Pero hai que ter en conta que durante a infancia e a adolescencia a actitude dos máis novos caracterízase por un egocentrismo que pode reforzar certas condutas contrarias á autoridade dos adultos. Este egocentrismo pódese ver esaxerado se a maduración emocional se atopa estancada, de tal maneira que non se asuma a importancia dunhas normas de comportamento comúns a todos que cómpre respectar, sobre todo cando supoñen a obriga de renunciar aos desexos hedonistas inmediatos.
Nestes casos, os rapaces responden con ataques de ira e impaciencia que se relacionan cun sentido aínda pouco desenvolvido: a tolerancia á frustración. Os límites establecidos polos pais vívense como algo inaceptable e, xa que logo, o neno desafía a autoridade para se saír coa súa.
Esta actitude rebelde pódese manifestar de maneira hostil con anoxos, berros ou choros. Pero igualmente desafiante é unha actuación pasiva, como non cumprir de xeito sistemático co establecido, non escoitar os razoamentos do adulto deliberadamente e mesmo manifestar queixas recorrentes que serven de escusa para non cumprir con calquera suxestión dos pais.
Cunha actitude tan negativa é máis que probable que o ambiente familiar se vexa prexudicado. Este comportamento, por intolerante, pode traspasar os límites da familia e verse reflectido na escola ou noutros ámbitos e facer que a conduta negativista afecte á maioría de ambientes onde primen unhas normas que todos deben cumprir. É habitual que as situacións que se xeran cun neno desafiante poñan a proba a paciencia dos pais e doutras persoas encargadas da educación. A consecuencia é que desencadean actitudes negativas con gran facilidade tamén nos adultos que, ao non teren recursos efectivos para que os pequenos sigan as normas establecidas, aplicarán sancións de modo recorrente, endurecerán o seu criterio e aumentarán o número e a intensidade dos castigos.
As constantes leas tórnanse deste xeito nunha rutina, de xeito que se xera un círculo no que as condutas transgresoras e hostís dos pequenos se reforzan e automatizan ante a impotencia e desespero dos pais. Tendo en conta que este trastorno ten que ver co desenvolvemento da madureza emocional, é importante solicitar o antes posible a axuda dun especialista que asesore os pais na recuperación do proceso madurativo que lles corresponde por idade. Así poderán evitar posibles trastornos de conduta no futuro e a vida familiar transcorrerá con normalidade.
O Trastorno Negativista Desafiante relaciónase con actitudes que forman parte á súa vez doutras alteracións, como o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDHA). En ambos os dous obsérvanse comportamentos nos que os adultos se senten incapaces de controlar o comportamento dos seus fillos. O mesmo patrón segue o Trastorno Disocial, relacionado con condutas pouco aceptadas, transgresoras e fóra das normas sociais. Neste caso, os individuos, ademais, son pouco empáticos.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI